CCOO, UGT e CSIF convocarán folga en decembro se Función Pública segue sen negociar a suba salarial

O 30 de outubro comezan as protestas en toda España, cunha concentración fronte ás subdelegacións de Goberno e o Ministerio de Función Pública en Madrid.
O Goberno utiliza como escusa a falta de Presupostos para conxelar o soldo ás empregadas e os empregados públicos e bloquear un novo acordo salarial.

Melloremos os soldos nas administracións públicas!

A pesar das reiteradas peticións do noso sindicato, o Goberno de España non está a cumprir nin os seus compromisos nin o seu deber cos empregados e empregadas públicas. E é que dous meses despois de que o INE certificase o IPC de 2024, aínda non se levou ao Consello de Ministros e Ministras a orde para pagarnos o 0,5 % restante de incremento salarial correspondente a 2024. Un incremento que provén do acordo asinado por CCOO e UGT en outubro de 2022.