CCOO, UGT e CSIF convocarán folga en decembro se Función Pública segue sen negociar a suba salarial

O 30 de outubro comezan as protestas en toda España, cunha concentración fronte ás subdelegacións de Goberno e o Ministerio de Función Pública en Madrid.
O Goberno utiliza como escusa a falta de Presupostos para conxelar o soldo ás empregadas e os empregados públicos e bloquear un novo acordo salarial.

CCOO, UGT e CSIF inician un calendario de mobilizacións en toda España en protesta polo bloqueo á negociación colectiva do Ministerio de Función Pública, que mantén conxeladas as nóminas deste ano e impide un novo acordo salarial, entre outras melloras de condicións laborais.

Xa advertimos o pasado setembro as tres organizacións, que representamos máis do 80 % do persoal público, que se non se retomaba a negociación de forma inmediata tomaríanse as medidas que se considerasen oportunas.

Baixo o lema “Negociación, subida salarial e mellora dos servizos públicos”, as mobilizacións comezarán o próximo 30 de outubro con concentracións fronte ás subdelegacións de Goberno de toda España e ao Ministerio de Función Pública en Madrid, e continuarán cunha gran concentración en novembro en Madrid se o departamento que dirixe Óscar López continúa bloqueando a negociación. No caso de que Función Pública persista nesta actitude, as tres organizacións sindicais convocarán unha xornada de folga a nivel nacional en decembro.

Os problemas das traballadoras e traballadores do ámbito do público e os servizos que recibe a cidadanía agrávanse a diario pola inacción do Ministerio para resolver asuntos moi preocupantes, tanto a nivel salarial como en materia de emprego e condicións laborais.

Hai que lembrar que se aprobou unha Oferta de Emprego Público (OEP) para este ano sen o apoio das organizacións sindicais, porque reduce a creación de emprego neto, diminúe a oferta en promoción interna e mantén a taxa de reposición (nos últimos 20 anos perdéronse máis de 42.000 efectivos, mentres que coa nova OEP tan só se crean 4.500 prazas de emprego neto).

Por outra banda, a temporalidade nas administracións públicas permanece estancada case no 30 % e o TJUE está a esixirnos elevar as indemnizacións ás persoas afectadas e concretar as sancións ás administracións que abusen.

Por conseguinte, as tres organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Función Pública esiximos iniciar a negociación dun novo acordo que permita aplicar a subida salarial deste ano e recuperar poder adquisitivo ao conxunto de empregadas e empregados públicos, mellorar as súas condicións laborais e establecer un plan de emprego que mellore os nosos servizos públicos.