Quen somos?

CCOO é o primeiro sindicato de España por número de persoas afiliadas e por delegados elixidos nas eleccións sindicais.

CCOO estrutúrase en Federacións, segundo a actividade ou sector ao que pertence a empresa, e Unións, segundo o territorio onde se sitúa o centro de traballo.

CCOO é unha organización sindical democrática e de clase que está formada por traballadores e traballadoras que nos afiliamos de forma voluntaria e solidaria para defender os nosos intereses e para conseguir unha sociedade máis xusta, democrática e participativa.

CCOO é un sindicato reivindicativo e participativo que pretende representar e defender de forma adecuada os intereses do mundo asalariado, dos e das pensionistas, das persoas que están no paro, dos emigrantes, da inmigración e da mocidade.

CCOO é un sindicato de homes e mulleres que ten entre os seus principios impulsar e desenvolver a igualdade de oportunidades, así como combater a discriminación por razón de sexo. Para iso proponse desenvolver accións positivas nas relacións laborais e condicións de traballo, así como a consecución dunha representación equilibrada de homes e mulleres en todos os niveis, removendo todos os obstáculos para alcanzar a proporcionalidade á afiliación existente en todos os órganos de dirección do sindicato.

CCOO é un sindicato plural, aberto a todos os traballadores e traballadoras, calquera que sexa a súa ideoloxía, filosofía, concepción política ou relixiosa, dentro do respecto aos dereitos humanos e as normas democráticas.

CCOO é un sindicato unitario e democrático, no que traballamos por conseguir a unidade do conxunto de traballadores e traballadoras e no que decidimos as actuacións sindicais e o noso funcionamento a partir das asembleas das persoas afiliadas e dos órganos de dirección e xestión que eliximos democraticamente.

CCOO é un sindicato que actúa de maneira autónoma e independente dos poderes económicos, do Estado e de calquera outro interese alleo aos seus fins, e tamén dos partidos políticos.

CCOO é un sindicato sociopolítico que ademais de reivindicar a mellora das condicións de traballo e de vida, asume a defensa de todo aquilo que nos afecta como traballadoras e traballadores, dentro e fóra da empresa.

CCOO é un sindicato internacionalista, desde o cal fomentamos a solidariedade con todos os pobos do mundo que loitan polas liberdades democráticas, e cos refuxiados e refuxiadas, traballadoras e traballadores que padecen persecución polo feito de exercer os seus dereitos sindicais e democráticos.

CCOO é un sindicato pluriétnico e multicultural que loita contra o racismo e a xenofobia, que promove os valores do respecto, a tolerancia e a convivencia entre os membros das distintas etnias e pobos, que quere agrupar e defender as reivindicacións dos traballadores e traballadoras inmigrantes, garantíndolles a plena igualdade de dereitos e deberes dentro da nosa organización, e a súa inserción na nosa comunidade.