(FAQ) Preguntas frecuentes sobre a nova FP

Nesta sección iremos mantendo actualizada a información dispoñible sobre a adaptación do sistema galego de Formación Profesional á nova normativa estatal e autonómica.

Trátase só dun recopilatorio de axuda para toda a comunidade educativa e non se publican aquí valoracións sobre a información que nos transmitan o Ministerio e a Consellería ao respecto.

A postura de CCOO Ensino respecto á nova lei de FP pode resumirse no seguinte:

Co proceso de cambio que se nos vén enriba, todo o profesorado existente é máis que necesario, non tendo sentido ningún tipo de redución no seu número xa que mesmo se crean novas figuras de coordinación docente. Indo máis alá, mesmo será necesario incrementar o número de docentes a medida que se vaia desenvolvendo por completo a Lei Orgánica 3/2022 en todo o seu alcance.

A continuación tes unha serie de guías de referencia para informarte sobre a nova FP:

Cando se espera que se pase a normativa que regulará a FP en Galicia pola Mesa Sectorial e o Consello Galego de FP?

Co retraso na tramitación da normativa estatal por parte do Ministerio é inviable poder sacar a tempo a tramitación dun Decreto para regular a FP en Galicia de cara ao curso 24-25.

A intención da Consellería é desenvolver unha orde, que pasará por Mesa Sectorial e Consello Galego da FP, de cara a regular a Formación Profesional no vindeiro curso soamente. No seu defecto, publicaranse unhas instrucións e estas pasarán igualmente por Mesa Sectorial e Consello Galego da FP. 

Cos avances que se vaian producindo nos próximos meses a nivel ministerial, a Consellería prevé tramitar o Decreto da FP ao longo do curso 24-25 para que sexa xa de aplicación no curso 25-26.

——————————————–

Existe a posibilidade de adiar a implantación da nova lei de FP ata o curso 25-26?

A Consellería non contempla que poida darse esta opción, xa que esta decisión debería proceder directamente do Ministerio.

——————————————–

Como inflúen en Galicia os borradores que hai actualmente dos reais decretos que establecen os títulos de grao básico, medio e superior, así como dos cursos de especialización, e se fixan as ensinanzas mínimas?

Hai determinados aspectos como as atribucións docentes dos módulos formativos que si poden condicionar moito a organización do curso que vén en Galicia, por exemplo, a atribución docente dos módulos de Inglés Profesional á especialidade de Inglés do corpo de PES.

A Mesa Sectorial Estatal do 16 de maio de 2024 foi un mero trámite no que o Ministerio avisou desde o principio que só ía aceptar correccións de erros. Polo tanto, a día de hoxe, seguen “vixentes” as mesmas atribucións docentes que figuran nos borradores dos catro RDs.

Actualización 28/05/2024: Publicados no BOE estes catro RDs co que o Ministerio dá por finalizada a tramitación a nivel estatal referida á Formación Profesional.

——————————————–

Estes RDs non actualizan os currículos, cal é a situación a este respecto en Galicia?

Estase traballando actualmente para actualizar contidos no currículo de diversos ciclos, pero haberá que esperar á publicación definitiva deses reais decretos.

——————————————–

A que oferta de FP se aplicará a nova lei o curso 24-25?

A implantación da nova lei será progresiva e no curso 24-25 só afectará, dentro da oferta en réxime ordinario, aos primeiros cursos dos ciclos de grao básico, medio e superior e aos cursos de especialización (duración dun só curso académico).

Ata o curso 25-26 non se aplicará a nova lexislación aos segundos cursos nin tampouco á oferta en réxime modular ou en réxime semipresencial e a distancia. 

——————————————–

Actualización 12/06/2024: Publicada no DOG a oferta de FP para o curso 24-25

Como se modifican os módulos profesionais que son transversais na FP?

——————————————–

Vaise reducir a carga lectiva dos distintos módulos profesionais?

Esta é, sen dúbida, unha das maiores preocupacións do profesorado galego. A resposta simple é NON.

Porque aínda que pasemos a un modelo no que os resultados de aprendizaxe se traballan tanto no centro educativo como na empresa, ao longo do curso son innumerables as casuísticas nas que haberá que ter profesorado dispoñible para atender ao alumnado no período que todo ou parte do grupo estea nesas empresas ou organismos equiparados.

——————————————–

Entón como se van repartir as horas tendo en conta os módulos que desaparecen, os novos que se incorporan e o tempo que o alumnado pasará na empresa?

Hai constituídos diversos grupos de traballo formados por docentes de FP e divididos por familias profesionais e ciclos formativos. Existe un grupo de traballo por cada ciclo formativo formado por 3 persoas. Isto non impide que unha persoa poida formar parte de varios grupos de traballo de distintos ciclos formativos dunha familia profesional.

Cada grupo de traballo debe analizar o currículo do ciclo formativo que lle corresponde e distribuír as horas totais entre os módulos que van formar parte dese ciclo o curso 24-25. Hai instrucións de non facer grandes cambios respecto do reparto horario actual dos módulos. Algúns poderán ampliar un pouco a súa carga lectiva e outros vela diminuída lixeiramente, sempre tendo en conta a normativa estatal.

——————————————–

Afecta igual aos módulos de primeiro e aos de segundo curso?

Como xa se comentou, estes cambios só afectarán no curso 24-25 aos módulos de primeiro curso de réxime ordinario. O plan da Consellería consiste en redactar unha orde para regular a FP en Galicia no curso 24-25 e, sobre esta Orde e a experiencia do desenvolvemento dese curso académico, unha vez publicada toda a normativa estatal, redactar o Decreto que regule definitivamente a Formación Profesional galega.

——————————————–

Como queda “Itinerario persoal para a empregabilidade” nos ciclos de grao básico?

A idea é que conte co número de horas que se reducen dos módulos profesionais específicos do ciclo.

Atribución docente: FOL (existe a problemática con 10 centros concretos en Galicia nos que hai FP básica pero non profesorado de FOL)

——————————————–

Como queda “Itinerario persoal para a empregabilidade I” nos ciclos de grao medio e superior?

Practicamente igual en atribución horaria que o módulo de Formación e Orientación Laboral actual, aínda que pode haber pequenos cambios dependendo das aportacións do grupo de traballo de cada ciclo.

Atribución docente: FOL

——————————————–

Como queda “Itinerario persoal para a empregabilidade II” nos ciclos de grao medio e superior?

É un módulo de segundo curso. Haberá que agardar á normativa definitiva que regule a FP en Galicia.

Atribución docente: FOL

——————————————–

Como queda “Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo”?

Os contidos deste módulo xa formaban parte doutros módulos profesionais en diversos ciclos formativos. O plan dos grupos de traballo é diminuír na parte proporcional eses módulos que xa traballaban estes contidos e asignar 30 horas ao módulo de “Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo”.

Desta forma, alguén que impartía un módulo con eses contidos pasaría “como mal menor” a impartir os mesmos contidos en 2 módulos. Hai que ter en conta que esta organización do currículo nun módulo novo é de obrigado cumprimento por normativa estatal.

Desde CCOO Ensino indicámoslle á Consellería a problemática que pode darse no momento de facer a elección de módulos a inicio de curso, xa que nada garante coa normativa actual que esa combinación de 2 módulos “relacionados” vaia ser impartida pola mesma persoa.

Atribución docente: especialidades das familias profesionais de cada ciclo e FOL

——————————————–

Como queda “Dixitalización aplicada aos sectores produtivos”?

É un módulo de segundo curso. Haberá que agardar á normativa definitiva que regule a FP en Galicia.

Atribución docente: especialidades das familias profesionais de cada ciclo e FOL

——————————————–

Como queda “Inglés Profesional”?

A aposta da Consellería pasa por ter un módulo de “Inglés Profesional I” en primeiro curso (competencia do Ministerio) e outro módulo de “Inglés Profesional II” en segundo curso (competencia da Consellería).

O reparto horario estimado é de 60 horas para cada un dos módulos.

Aqueles ciclos que xa contaban actualmente cun módulo de “Inglés” de 160 horas de duración, non serán modificados neste aspecto.

Atribución docente: Inglés do corpo de PES (máis información sobre a problemática que pode representar esta atribución docente)

——————————————–

Como queda o “Módulo optativo”?

É un módulo de segundo curso. Haberá que agardar á normativa definitiva que regule a FP en Galicia. Seguramente terá as 80 horas que marca o Ministerio, pero isto non é definitivo.

Servirá para adaptar a formación dos centros educativos ás necesidades das empresas da contorna. Poderá incluír formación específica necesaria para traballar no sector correspondente (manipulación de alimentos, uso de transpaleta eléctrica, emprego de carretilla elevadora, etc.).

——————————————–

Como quedan os módulos de “Proxecto de aprendizaxe colaborativa” en FP Básica e de “Proxecto intermodular” en grao medio e superior?

Dependerán das distribucións de horas que realicen os grupos de traballo para os distintos ciclos formativos.

Os RDs que establecen os títulos e fixan as ensinanzas mínimas establecen unha serie de atribucións docentes para os módulos, en que afecta isto en Galicia?

Obviamente hai que respectar esas atribucións docentes. A maior problemática neste momento pode ser a atribución docente dos módulos de Inglés Profesional á especialidade de Inglés do corpo de PES, cuestión que se aborda na seguinte pregunta.

A Mesa Sectorial Estatal do 16 de maio de 2024 foi un mero trámite no que o Ministerio avisou desde o principio que só ía aceptar correccións de erros. Polo tanto, a día de hoxe, seguen “vixentes” as mesmas atribucións docentes que figuran nos borradores dos catro RDs.

Actualización 28/05/2024: Publicados no BOE estes catro RDs co que o Ministerio dá por finalizada a tramitación a nivel estatal referida á Formación Profesional.

——————————————–

Cal é a problemática que pode afectar con esta atribución docente dos módulos de Inglés Profesional?

En Galicia, actualmente para impartir módulos de Lingua estranxeira profesional I e II nalgún dos últimos títulos creados ou nos ciclos plurilingües esíxese ter atribución docente neses módulos e un nivel C1 do MCERL (Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas). Mesmo no caso das seccións bilingües, autorízase a súa impartición cun nivel B2 do MCERL.

Coa atribución docente á especialidade de Inglés dos novos módulos de Inglés Profesional (só o de primeiro curso depende da normativa do Ministerio, o de segundo establéceo a propia Consellería) podería non haber profesorado suficiente nas listas de substitucións.

Actualización 10/07/2024:  segundo a resolución publicada o 10 de xullo pola Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se establecen novas directrices para a ordenación e organización dos graos D (ciclos formativos) e E (cursos de especialización), no caso do módulo de Inglés profesional a competencia docente ou a afinidade entenderase demostrada polo profesorado con atribución docente no ciclo formativo que posúa a habilitación lingüística en Inglés que corresponda ao nivel C1 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas ou excepcionalmente ao B2. (Punto décimo sexto)

——————————————–

Se chegase a producirse esta situación co profesorado de Inglés, que solucións se prevén?

A problemática non é nova, xa que hai tensións nas listas de substitucións doutras especialidades de idiomas, como Francés no Corpo de Mestras e Mestres ou diversas especialidades técnicas no corpo de PES.

Chegado o caso, a intención da Consellería é esgotar as listas da especialidade de Inglés, abrilas novamente e mesmo chegar a valorar a opción de incorporar profesorado sen o título que acredita a formación pedagóxica e didáctica (tal como xa ocorreu na época da COVID).

——————————————–

Queda descartada polo tanto a opción de incorporar persoal experto do sector produtivo como persoal docente? Opción recollida no artigo 88 da LO 3/2022

A Directora Xeral de FP afirma que queda descartado. Esa opción non se contempla.

——————————————–

Que outras atribucións docentes hai para os novos módulos formativos?
Poden consultarse nos RDs publicados no BOE o 28 de maio de 2024 e que establecen os títulos de Formación Profesional e fixan as súas ensinanzas mínimas.

Cales son as ofertas formativas de grao A, B e C?

Desde un punto de vista “simplificado”, pódense equiparar as ofertas formativas de grao A, B e C con:

  • A -> unidades formativas que compoñen actualmente certos módulos formativos, destinadas a persoas traballadoras con necesidade de actualizar as súas competencias profesionais
  • B -> módulos formativos soltos, que actualmente se ofertan “de xeito agrupado” dentro do réxime modular, destinada tamén a persoas traballadoras
  • C -> equivale ás formacións AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras Desempregadas)

——————————————–

En que punto se atopa a regulación estatal e autonómica das formacións de grao A, B e C?

A Consellería denuncia o incumprimento por parte do Ministerio do calendario de implantación fixado no RD 278/2023 para as formacións de grao A, B e C.

——————————————–

Como vai afectar a regulación das formacións de tipo A, B e C ás atribucións e responsabilidades do colectivo docente?

Nunha revisión detallada da normativa actual, pódese ver que a disposición adicional oitava da Lei Orgánica 3/2022 establece o seguinte:

El profesorado de los cuerpos docentes que pueden impartir docencia en formación profesional, sin perjuicio de lo establecido en el artículo 95 de la Ley Orgánica 2/2006 de 3 de mayo, de Educación, podrá impartir todos los grados de formación profesional establecidos en esta ley de conformidad con su perfil académico y profesional.
Las administraciones competentes podrán contemplar, entre sus actuaciones, tanto la docencia como la evaluación y acreditación de las competencias  profesionales.

Do mesmo xeito, o RD 659/2023, no seu artigo 165, apartados 4 e 5, indica que:

4. El profesorado de los cuerpos… …podrán ejercer sus funciones en los centros del sistema de Formación Profesional impartiendo todos los Grados de formación profesional de conformidad con su especialidad. Este profesorado podrá completar la jornada y horario establecidos para su puesto de trabajo impartiendo acciones formativas de cualquiera de los grados del Sistema de Formación Profesional. Asimismo, y a tal efecto, podrán ampliar voluntariamente su dedicación, considerándose de interés público.

5. A los efectos previstos en el artículo 3 de la Ley 53/1984, de 26 de diciembre, de Incompatibilidades del Personal al Servicio de las Administraciones Públicas, la impartición de acciones formativas del Sistema de Formación Profesional, en sus distintos grados, tendrá la consideración de interés público.

——————————————–

Quere isto dicir que se vai complementar o horario lectivo do profesorado coa impartición de ofertas formativas de grao A, B e C?

O primeiro a ter en conta é que, máis alá de pequenos axustes propostos polos distintos grupos de traballo conformados por docentes de FP, non se vai reducir a carga lectiva dos módulos formativos, xa que ao igual que sucede actualmente durante a FCT (Formación en Centros de Traballo), ao longo de todo o curso vai ser necesario ter ao persoal docente dispoñible para atender ao alumnado. 

Dito isto, a Consellería de Educación trasladounos que este tipo de formacións dependen da Consellería de Emprego e, polo tanto, non van adicar ao “seu persoal  docente” a impartir estas ofertas formativas cando non son “competencia súa”.

Un caso chamativo son, por exemplo, as ofertas formativas de grao B (os módulos) que se imparten “en conxunto” dentro do réxime modular. Se unha persoa supera un módulo “solto”, a Consellería de Emprego é libre para certificar dito módulo superado, pero non entra dentro dos plans da Consellería de Educación ofertar esa formación co seu persoal docente fóra do que serían os ciclos formativos en réxime modular (oferta formativa de grao D).

——————————————–

Entón as AFD van manterse como ata o de agora?

Si. As AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras Desempregadas) van seguir sendo voluntarias para o profesorado, fóra do horario lectivo e, polo tanto, de carácter remunerado.

Ademais, no relativo á Lei 53/1984 de Incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións públicas, esta actividade é considerada de interese público polo  RD 659/2023 (artigo 165, apartados 4 e 5).

Como será a formación na empresa na FP galega?

Segundo a información da Consellería, increméntase a formación na empresa ata o máximo permitido, mantendo a formación no centro educativo.

——————————————–

Será posible establecer convenios con empresas para todo o alumnado de cara ao curso 24-25?

A Consellería ten claro que isto non vai ser posible, pero tampouco considera imprescindible enviar a alumnado non preparado ás empresas durante o primeiro curso.

Igualmente, segundo a Consellería, a idea é manter o “prestixio” do modelo actual de FP en Galicia e, polo tanto, acolléndose ás excepcións enunciadas no artigo 154 do RD 659/2023, se no primeiro curso non fose posible realizar prácticas en empresa, o alumnado podería titular sen problema porque o número de horas de formación en empresa en segundo curso superaría o mínimo esixido en todos os casos.

——————————————–

Cal é a alternativa se non hai “suficientes” empresas?

A Consellería transmitiunos unha mensaxe clara de tranquilidade para os centros educativos. Se non se conseguen establecer convenios con suficientes empresas, a formación desenvolverase por completo nos centros educativos.

Como xa se dixo, o artigo 154 do RD 659/2023 establece numerosas excepcións para a regulación das estancias de formación en empresa (dispoñibilidade de postos formativos, idade do alumnado, circunstancias excepcionais do sector…).

——————————————–

Entón, con todas estas casuísticas, seguro que non vai haber redución na carga lectiva do profesorado?

Todas estas casuísticas poden facer imposible a estancia formativa do alumnado nas empresas. Ademais diso, son moitas as tarefas que o profesorado terá que levar a cabo desde o centro educativo no referente á coordinación coas empresas, seguimento do alumnado, titoría, reforzo de resultados de aprendizaxe, etc. Por outra banda, existen novas figuras de coordinación creadas coa Lei Orgánica 3/2022.

Con todo isto, a Consellería confirmounos que non se pretende diminuír a carga lectiva do profesorado nin complementala con accións formativas de grao A, B ou C nin con formacións AFD.

——————————————–

Ao igual que ocorre a día de hoxe, quen fará o seguimento do alumnado se ten estadía formativa na empresa no mes de agosto?

Desde CCOO Ensino fumos moi claros ao transmitirlle á Consellería que baixo ningún concepto o profesorado pode estar dispoñible para facer seguimento do alumnado en empresa durante o mes de agosto.

A resposta da Consellería incidiu en tres aspectos:

  • Hai casos nos que os e as docentes realizan ese seguimento de forma voluntaria no mes de agosto por compromiso co alumnado.
  • En caso de non ser así, o seguimento debe ser feito polos equipos directivos dos centros, que xa organizan as súas vacacións de forma que o centro estea atendido por algún membro durante os meses de xullo e agosto.
  • En calquera caso, o traballo de seguimento e titoría debería vir feito “de antes”, polo que durante o mes de agosto só sería preciso atender a pequenas incidencias e non facer un labor tan intenso como durante o resto do curso.

 

Segues tendo dúbidas? Hai algo que desexes matizar ou aportar?

Envía as túas consultas e achegas a ensino@galicia.ccoo.es