Toda a información da mesa sectorial das instruccións da FP

No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria.

Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:

Desde CCOO Ensino debemos comezar criticando a “urxencia” para traer este proxecto de decreto á Mesa Sectorial logo de tanto tempo esperando polo mesmo. Foi reclamado en numerosas ocasións por todas as organizacións sindicais e, máis aló do tempo dispoñible para o seu estudo, o peor é atoparnos coa convocatoria desta Mesa Sectorial para as 11 da mañá, cando somos conscientes do tempo necesario para debatir minimamente un documento deste calado no sistema educativo galego e que, ao fin e ao cabo, non vai poder aplicarse no vindeiro curso. E para rematar de mellorar a situación” coa tramitación deste decreto, onte recibimos unha convocatoria do Consello Galego de FP para o vindeiro martes 24 de xuño (festivo en moitas localidades galegas) e ás 12:30 horas, polo que aínda teremos menos tempo ca hoxe para analizar o documento.

Teremos menos tempo porque nesta sesión da Mesa Sectorial a convocatoria inclúe adicionalmente o borrador das instrucións sobre a ordenación e organización da FP para o curso 25-26, algo que nas datas nas que nos atopamos é infinitamente máis urxente.

Con todo botamos en falta dispor do borrador das instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso 2025-2026, que no curso pasado foron publicadas o mesmo día que as instrucións de ordenación e organización da FP que se tratarán na sesión de hoxe.

Xa por último, como cumio das dificultades posibles, sería de agradecer que a documentación sobre a que debemos traballar nos chegase nun formato que permitise realizar buscas e non ter recurrir a artimañas informáticas que o fagan posible.

Proxecto de decreto polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia

Proxecto de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións sobre a ordenación e a organización dos graos D e E de formación profesional para o curso 2025-2026

Debemos destacar antes de nada que non é lóxico que se informe aos equipos directivos destas instrucións o día que se abre o prazo de admisión na FP. Moito menos que estas instrucións veñan á Mesa Sectorial con ese prazo de admisión xa iniciado.

Por outra parte, como xa indicamos, lamentamos non dispor do borrador das instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso 2025-2026, que no curso pasado foron publicadas o mesmo día que as instrucións de ordenación e organización da FP.

Dito isto, entraremos directamente a analizar os distintos apartados do documento.

QUINTO. CURRÍCULO DOS CICLOS FORMATIVOS 

No punto primeiro faise referencia aos currículos dos módulos incorporados coa Lei orgánica 3/2022, incorporados no anexo A (ciclos de grao básico) e anexo B (ciclos de grao medio e superior).

O currículo do módulo de Afondamento nas competencias profesionais non aparece neses anexos. Debemos entender que se debe a que segundo o apartado décimo primeiro, punto 3, cada centro, conforme aos recursos dispoñibles, vaia poder determinar os seus contidos específicos?

Van dar indicacións para elaboralo.

OITAVO. MÓDULO PROFESIONAL DE INGLÉS PROFESIONAL, DOS CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E DE GRAO SUPERIOR 

Neste apartado esiximos que se nos facilite unha explicación detallada do sucedido cos módulos de Inglés Profesional de 160 horas e a súa “adaptación”, por chamala dalgunha maneira, neste final de curso.

As queixas e a incredulidade que nos transmite o profesorado desde os centros educativos baséanse en que recibiron instrucións, nunca por escrito, para avaliar dito módulo coma tres módulos independentes, dos que nin tan sequera existe programación didáctica.

Corrección sobre a marcha. Nestes ciclos había problemas coas horas en segundo. Fíxose máis similar así. Puídose ter feito por validación.

Pero máis aló da aclaración deste “esperpento” que mete nun verdadeiro compromiso moral ao profesorado deste módulo, o que nos preocupa é saber que ocorrerá co alumnado que non o supere.

Por ter o mesmo código, métense módulos optativos en primeiro.

No apartado vixésimo segundo destas instrucións (Validacións) indícase que os módulos Inglés Profesional (MP0156 – 160 h. en ciclos de GM) e Inglés Profesional (MP0179 – 160 h. en ciclos de GS) non deben ser obxecto de validación, senón que se considerarán superados ao matricularse noutros ciclos do mesmo grao e corresponderá o traslado da cualificación obtida.

Poderán seguir impartindo as 150 horas.

Pero insistimos, que vai ocorrer co alumnado que non superou eses módulos cursados? Debemos supoñer que non vai haber un “aprobado xeral”, e polo tanto, van poder repetir o módulo? Van ter que matricularse dos tres módulos que os substitúen?

Van poder repetir os módulos que lles queden pendentes. Poden usar a convocatoria extraordinaria para resolver certos casos excepcionais se é necesario.

NOVENO. MÓDULO DE SOSTIBILIDADE APLICADA AO SISTEMA PRODUTIVO, DOS CICLOS DE GRAO MEDIO E DE GRAO SUPERIOR

Solicitamos unha explicación da diferenza que se establece coa denominación deste módulo. No curso pasado denominábase Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo, mentres que nestas instrucións pasa a denominarse Sostibilidade aplicada ao sistema produtivo.

O término correcto é sostibilidade.

Por outra parte, no Anexo B – Apartado III, no que se recolle o currículo deste módulo aparece repetidamente o “termo sustentable”.

Vano corrixir.

Esta cuestión non sobrepasaría o ámbito linguístico (ler artigo da Universidade de Vigo onde aparece perfectamente analizado) de non ser polo feito de que esa ambigüidade trasládase aos centros educativos e contribúe a incrementar as incertezas de cara ao curso que 25-26.

DÉCIMO PRIMEIRO. OPTATIVIDADE 

Módulo de Habilidades comunicativas en lingua estranxeira:

  • Tendo en conta que o centro establecerá o idioma no que se impartirá o módulo para cada un dos ciclos formativos, cabe pensar que só o poderá “ofertar” tendo en conta o profesorado “fixo” co que poida contar dun curso para o seguinte (algo que nunca é invariable). Ademais, segundo o punto vixésimo quinto, apartado 4, sería preciso que este profesorado fose da especialidade dese idioma ou tivese un C1.

    Por certo, quen tería prioridade á hora de escoller estes módulos?

    Está igual que no módulo autonómico de lingua estranxeira profesional. Non hai prioridades.

    Perfectamente poderían cubrirse esas necesidades con profesorado provisional no CADP, pero tamén é lóxico que se se vai ofertar unha materia como optativa, haxa que ter certa garantía (antes da matrícula do alumnado) de que se contará co profesorado axeitado e que non haberá “problemas derivados dos cupos”.

Módulo de Afondamento nas competencias profesionais:

  • Ver apartado Quinto desta intervención.

DÉCIMO SEGUNDO. MÓDULOS DE PROXECTO INTERMODULAR DE APRENDIZAXE COLABORATIVA, E DE PROXECTO INTERMODULAR

Dicir que “Os centros determinarán o momento en que deban iniciarse, en función das características do ciclo formativo.” é copiar literalmente o que di o RD 659/2023.

No ámbito dunhas instrucións para a ordenación e organización para o curso 25-26 é fundamental un nivel maior de concreción.

Derívase a responsabilidade da organización destes módulos aos centros, sen unhas directrices claras do camiño a tomar.

Á vez que fan a formación na empresa é o momento máis razoable para facelo, pero non temos por que limitar a que o fagan aí. Este curso, se ven que poden empezar antes por calquera motivo, poden facelo.

DÉCIMO TERCEIRO. FORMACIÓN EN MATERIA DE PREVENCIÓN EN RISCOS LABORAIS NOS GRAOS D

Resulta paradóxico que para os ciclos de grao básico, a formación en Prevención de Riscos Laborais (PRL) vaia ser de 30 horas e a certificación tamén de 30 horas, mentres que para os ciclos de grao medio e superior a formación en PRL vaia ser de 50 horas, mentres que a certificación será de 60 horas.

Entendemos a problemática existente a nivel normativo por discrepancias á hora de acreditar o nivel básico en PRL con 50 ou con 60 horas, por exemplo, dependendo do sector produtivo. E tamén vemos as diferenzas no apartado vixésimo segundo destas instrucións á hora de validar o módulo de IPE I en función de cando se cursara o módulo de FOL, mais preocúpanos o encaixe legal que pode ter certificar ao alumnado por máis horas das que realmente vai cursar.

Quedan compensadas coas horas dedicadas á PRL noutros módulos distintos de IPE I.

DÉCIMO CUARTO. PERÍODO DE FORMACIÓN NA EMPRESA OU ORGANISMO EQUIPARADO NOS GRAOS D DE OFERTA ORDINARIA POLO RÉXIME XERAL

Este apartado representa un dos “grandes cabalos de batalla” para o profesorado nesta nova FP.

Apartado 2.a:

Dise que durante a formación en empresa ou organismo equiparado do alumnado de primeiro curso, “Con carácter xeral, no número de horas establecido anteriormente incluiranse as horas correspondentes ás reunións de titoría e seguimento da formación”.

Vano estudar.

Doutra banda, no apartado 2.c, dise que O alumnado non incorporado ao período formativo na empresa seguirá coa súa formación no centro educativo, segundo o establecido no currículo correspondente a cada ensinanza e na Orde do 8 de maio de 2025 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2025-2026 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.” 

Esa Orde do 8 de maio de 2025 só contén unha referencia á “formación en empresa” no seu artigo 15.2 e non resolve as seguintes cuestións.

Entón como se vai organizar naqueles casos en que haxa alumnado que vai á empresa e outro que queda no centro? Vaise encargar un/ha docente de titorizar e facer o seguimento da formación na empresa e ao mesmo tempo seguir formando ao alumnado que queda no centro?

Igual que se está facendo actualmente nos segundos cursos.

Prevese algunha “liberación” horaria para estes casos? Como se organizaría?

Vano consultar.

Apartado 3.d:
Esta mesma situación dáse respecto do período de formación en empresa ou organismo equiparado do alumnado de segundo curso; se existe alumnado que non acceda a esa formación por falta de postos na empresa, pola temporalidade destes, por non ter superados os módulos necesarios ou por diversas casuísticas sobrevidas… Quen vai titorizar e facer o seguimento da formación na empresa e ao mesmo tempo formar ao alumnado que quede no centro? Non vemos información clara ao respecto nestas instrucións.

Apartado 4:

Non vemos sentido a que nos ciclos de grao básico só os módulos profesionais poidan incorporar formación na empresa ou no organismo equiparado, mentres que nos de grao medio e superior todos os módulos poderán ser susceptibles dese tratamento.

Por exemplo, nin IPE I, nin IPE II, nin Sostibilidade, teñen contidos axeitados para ser incorporados á empresa. Vai a empresa a aprenderlles cómo facer un bo plan de negocio? Ou cal é o contrato que máis lles convén ou que salario deberían cobrar? Cando alguén actúa como xuíz e parte, mal asunto.

Se se imparten integramente no centro os módulos transversais, os módulos profesionais terían que perder horas.

Apartado 5:

Non acertamos a entender o sentido de que neste apartado, que versa sobre a oferta ordinaria no réxime xeral (cuns límites para a formación en empresa ou organismo equiparado >20 % en GB e 25 % – 35 % en GM, GS e CE) se permita ter ata un 65 % dun módulo “transferido” á empresa.

O 65% “transferido” non se vai dar, máis que en sectores moi excepcionais. 

Apartado 6:

Que sentido ten este punto dentro da formación en empresa no réxime xeral? Pode pasar o alumnado de réxime xeral a réxime intensivo co ciclo xa empezado?

Si. Pode cambiar de réxime. Van analizar se é necesario poñer un apartado diferenciado para que se entenda mellor.

DÉCIMO QUINTO. APRAZAMENTO DA FASE DE FORMACIÓN NA EMPRESA 

Durante canto tempo vai poder quedar “pendente” esa formación na empresa ou organismo equiparado?

Estas instrucións son soamente para o curso que vén. Polo momento non está limitado. Se non se limita por parte do estado, terán que limitalo aquí.

DÉCIMO SEXTO. DESENVOLVEMENTO DA FORMACIÓN NA EMPRESA POLO RÉXIME XERAL E POLO RÉXIME INTENSIVO

Apartado 4.f:

En que casos se está pensando con esta redacción?

Pódese entender, cando se fai unha programación didáctica, que haxa RA que formen parte de varias UD, pero que se pretenda incorporar á formación en empresa RA xa avaliados no centro educativo, e máis en cursos anteriores, non o acabamos de entender.

Hai que ter en conta todo o que o alumnado fai na empresa.

Apartado 5:

Temos neste caso unha situación similar á que ocorre coa impartición dos módulos de Proxecto intermodular, só que agora xeralizado ao conxunto de todos os módulos.

Que ocorrerá no caso de que haxa alumnado que vaia á empresa e outro que deba quedar no centro educativo?

Como se pretende organizar ese “dobre traballo”?

Apartado 8:

Segundo a redacción deste apartado, consideramos que o apartado 6 do punto décimo cuarto debe ser unha errata.

DÉCIMO SÉTIMO. ORGANIZACIÓN DA FORMACIÓN NA OFERTA MODULAR DOS GRADOS D

Neste apartado queda claro que na oferta modular todos os módulos de primeiro curso impartiranse no centro, mentres que os de segundo curso impartiranse entre o centro e a empresa ou organismo equiparado.

Esas 500 horas que deben reservarse da duración dos módulos como se van organizar e/ou decidir?

Vaise facer toda a formación en empresa “nun só bloque” ou independentemente por cada módulo?

De facerse nun só bloque, en que situación quedaría ese alumnado no caso de non poder facer a formación en empresa (PF)? Aplicaríase á oferta modular o artigo vixésimo?

A planificación atenderá ás circunstancias e desexos das empresas ou do alumnado matriculado en oferta modular?

Pode haber varias opcións para favorecer a flexibilización, tendo en conta que a formación modular non implica facer todos os módulos. Van elaborar unha guía con casos para orientar tanto ao alumnado como ao profesorado. Estableceranse certas agrupacións de módulos para cursar de forma conxunta e esixirase ter superado o 50% dos módulos para acceder á empresa. Vaise pensar na flexibilidade para o alumnado.

DÉCIMO OITAVO. ALUMANDO NA OFERTA MODULAR MATRICULADO POR MÓDULOS INDIVIDUAIS DOS GRAOS D

Apartado 2:

Celebramos que, logo da proposta de CCOO Ensino, se publicase con tanta celeridade na web da Consellería e se fixese chegar aos centros a información aclaratoria para a matrícula deste alumnado que xa tiña cursado e superado previamente algún módulo profesional do ciclo formativo.

Xestionar este proceso de transición entre dous modelos tan diferentes de Formación Profesional é todo un reto e, cando as cousas se fan ben, tamén debemos recoñecelo.

Parécenos un acerto a opción de “substituír a nivel docente” FOL por IPE I e EIE por IPE II, aínda que esperamos que isto non poida supoñer un problema no futuro para posibles validacións ao consignar a cualificación obtida como se tivesen cursado FOL e EIE (apartado vixésimo primeiro, punto 2).

Vanse convalidar. Xa está recollido a nivel estatal.

Xa por último, durante canto tempo este alumnado vai poder escoller entre “seguir polo plan vello ou incorporarse ao novo”?

Esperan que se vaia concretando por parte do Ministerio.

VIXÉSIMO. CUALIFICACIÓN DO ALUMNADO QUE NON REALIZASE A FORMACIÓN NA EMPRESA

Canto tempo pode pasar ata que realicen a formación na empresa?

Esperan que se vaia concretando por parte do Ministerio.

Cando se fala de módulos nos que a formación se realice totalmente no centro educativo, debemos distinguir ciclos de grao básico do resto? Facemos referencia á argumentación sobre o apartado décimo cuarto, punto 4.

En que situación quedan neste caso, por exemplo, IPE I e IPE II?

A última frase deste apartado fai referencia a que a cualificación obtida no centro nun módulo que queda como (PF) será recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Polo tanto, debemos entender que no caso dun traslado de expediente entre comunidades esa cualificación “obtida no centro” non tería validez de ningún tipo?

Poden non ter validez de ningún tipo noutra comunidade autónoma.

Por outra banda, pode darse unha situación estraña, pero posible. Que pasaría co alumnado que realiza a formación na empresa sen ter “superado” un determinado módulo no centro educativo (poden ir á empresa se teñen máis dun 50 % das horas semanais en módulos con cualificación positiva). Nese caso tamén se lles gardaría a cualificación da empresa como “Pendente de formación no centro (PC, por poñerlle xa unha abreviatura)”?

Poden considerar que a formación recibida na empresa lle permite aprobar contidos que non tivera superados anteriormente.

O centro debe especificar, a principio de curso, os criterios de avaliación para ter en conta este caso.

De non poder facerse, correría convocatoria na formación en empresa?

VIXÉSIMO PRIMEIRO.  ALUMNADO REPETIDOR DE SEGUNDO CURSO DE OFERTA ORDINARIA 

Apartado 1:

Que ocorre co alumnado que suspenda neste curso 24-25 os módulos de Inglés Profesional de 160 horas?

A que sesións lectivas van poder asistir o curso 25-26?

Ou van ter que cursar os tres módulos que substituirán a este de 160 horas (Inglés profesional de 60 h + Habilidades comunicativas en lingua estranxeira de 60 h. + Afondamento nas competencias profesionais de 30 h.)?

VIXÉSIMO SEGUNDO. VALIDACIÓNS

Apartados 4.F e 4.G:

Tal como están redactados estes apartados parece ser que os módulos de Dixitalización e Sostibilidade só se van poder validar entre ciclos da mesma familia profesional. 

Isto a pesar de que os códigos destes módulos serán únicos independentemente da familia profesional ou ciclo onde se impartan e que no ANEXO B figuran uns resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación comúns en función de se o ciclo é de GM ou GS. 

De que ou quen dependerá que se poidan validar entre ciclos de diferentes familias? Irá condicionado polos contidos?

É normativa estatal.

Apartados 4.H e 4.I:

Neste punto hai que lembrar o apartado décimo primeiro, punto 2, que di: “O módulo de Habilidades comunicativas en lingua estranxeira poderá ser impartido no idioma que o centro estableza para cada un dos ciclos formativos.”

Polo tanto, e aínda que careza de todo sentido, tal e como están redactados estes apartados podería darse o caso de que alguén valide o módulo de Habilidades comunicativas en lingua estranxeira (a impartirse en Francés) coa acreditación de ter superado o módulo de Inglés profesional de 160 horas.

Cómpre modificar a redacción e asegurar a concordancia entre idiomas.

Vano redactar mellor.

Apartado 4.J:

Falta a designación do módulo como “optativo” ao igual que está nos dous apartados anteriores.

E ao igual que neses apartados, tamén cómpre modificar a redacción do apartado para asegurar a concordancia entre idiomas na validación.

Vano redactar mellor.

VIXÉSIMO CUARTO. CURSOS DE ESPECIALIZACIÓN

Apartado 2:

Quen decide se a formación en empresa ou organismo equiparado debe facerse nun único período ou en alternancia coa formación no centro?

Decide o centro. Xa o fai agora.

VIXÉSIMO QUINTO. PROFESORADO

Apartado 4:

Quen terá prioridade para impartir o módulo de “Habilidades comunicativas en lingua estranxeira”? O profesorado da especialidade desa lingua estranxeira ou o que teña o nivel C1? Non vén especificado.

Non hai prioridade.

Apartado 5:

Aplícanse os mesmos requisitos para a docencia no caso de que o módulo de “Afondamento nas competencias profesionais” se oriente á adquisición de habilidades lingüísticas?

Vano revisar. Entenden que serían os mesmos requisitos.

Nese caso, quen tería prioridade de elección para impartir o módulo?

Apartado 6:

Desde CCOO Ensino seguimos insistindo en que se está vulnerando gravemente o que di a normativa estatal ao respecto do módulo de Inglés profesional. Este módulo de primeiro curso vén determinado a nivel estatal e queda claro que a atribución docente correspóndelle ao profesorado de ensino secundario da especialidade de Inglés.

Ademais disto, neste apartado faise referencia ao artigo 8 da Orde do 23 de xuño de 2011, que establece que “O persoal docente en cuxo centro non existira horario lectivo completo da súa especialidade docente ou de materia para a que teña competencia docente, poderá optar por completar a súa xornada lectiva noutro centro da localidade, de acordo coa dita especialidade ou competencia docente, ou no propio centro, impartindo materias afíns á mesma.”, polo que unha vez máis volvemos a esixir a habilitación dun procedemento de actualización do expediente de cada docente para que quen así o desexe poida retirar do mesmo as súas certificacións de idiomas e evitar a asignación de materias afíns contra a súa vontade.

Úsase o mecanismo de especialidade afín para non incumprir a normativa estatal.