No día de hoxe, 27 de xuño, celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria.
Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
Proxecto de decreto polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia
Intervención de CCOO Ensino
Desde CCOO Ensino debemos iniciar as alegacións a este proxecto de decreto partindo dunha base, existe lexislación e normativa estatal que, con todas as súas eivas, cambia por completo o paradigma da Formación Profesional respecto do que coñecíamos ata o momento e establece o marco para o seu desenvolvemento no futuro.
Entendemos que hai moita normativa que debe desenvolver posteriormente os puntos tratados neste proxecto de decreto; con todo, botamos en falta un maior nivel de concreción en determinados artigos que comentaremos a continuación.
Sobre todo, cremos que será determinante de cara ao curso que vén o contido das instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de FP no curso 2025-2026. Polo ben do profesorado, dos equipos directivos, e do propio sistema de FP, urximos a esta Dirección Xeral a publicación deste documento.
PREÁMBULO
No preámbulo deste documento inclúese o seguinte “Cumpre tamén cos principios de transparencia e accesibilidade, que se garantiron a través da consulta pública previa e da exposición do proxecto no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.”
Entendemos que é unha afirmación “tipo” para un borrador coma este, pero esiximos que se respecten todos os tempos que marca a lexislación. Está ou estivo o documento dispoñible para a consulta pública?
Está exposto no Portal de Transparencia e Goberno aberto, en prazo de envío de suxestións, ata o 08/07/2025.
ARTIGO 4. CURRÍCULOS CORRESPONDENTES AOS GRAOS D E E
Apartado 1.e: Habilitación lingüística cun nivel B2
Demandamos coñecer cal é a referencia lexislativa que xustifica o enunciado deste punto, xa que as normas indicadas non subscriben o que se afirma neste apartado:
“e) Determinar que certos módulos profesionais ou parte de módulos se poidan impartir nunha lingua estranxeira. Estes módulos serán impartidos polo profesorado con atribución docente neles e que, ademais, posúa a habilitación lingüística correspondente ao nivel B2, ou superior, do Marco común europeo de referencia para as linguas.“
Revisarán este punto para a versión final. As resolucións estarán a semana que vén. Publicaranas na web antes de que saian no DOG.
Por outra parte, desde CCOO Ensino cremos que esta Consellería debería reflexionar sobre a aposta que fai polo plurilingüismo na FP cando, ao tempo, establece unha capacitación mínima demasiado baixa ao profesorado para a impartición de módulos formativos en linguas estranxeiras.
APARTADO 6: DOBRES TITULACIÓNS INTERNACIONAIS DE FP
Non deixa de ser un fragmento copiado e traducido do RD 659/2023. Requírense detallar máis a organización e recoñecemento destas dobres titulacións a nivel nacional e internacional.
Hai unha posibilidade de desenvolver currículums a nivel internacional, grazas as colaboracións que se están facendo a nivel educativo con outros países. Traballarase e desenvolverase para aproveitar Iberoamérica e Portugal.
ARTIGO 19.2. OFERTAS E FORMACIÓNS ESPECÍFICAS
En todo o documento son innumerables as referencias lexislativas á normativa da que deriva cada apartado, porén, cando se fala do establecemento das ofertas de “alta especialización”, esa xustificación non aparece.
Demandamos que se inclúa esa explicación normativa e que se especifique máis polo miúdo este apartado.
ARTIGO 20. PROGRAMAS FORMATIVOS DIRIXIDOS A PERSOAS CON NECESIDADES EDUCATIVAS ESPECIAIS OU ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO
Neste artigo botamos en falta un maior nivel de concreción sobre determinados temas:
- Tal e como están redactados o primeiro e o segundo apartado, entendemos que poderá cursar estes programas formativos tanto unha persoa con trastorno de atención ou da aprendizaxe (NEAE) como unha persoa con trastorno do espectro autista (NEE).
- Tendo en conta o anterior, quen vai determinar se unha persoa pode ou non pode tomar parte nestes programas formativos adaptados? E do mesmo xeito, cales son os criterios que se van a seguir para a toma desa decisión?
- Xa no punto 28 entraremos a analizar a o fragmento deste segundo apartado que fala de “medidas e as alternativas organizativas e metodolóxicas de atención á diversidade e inclusión”.
- Por outra parte, sendo coñecedores de que no curso 25-26 se vai a desenvolver esta FP adaptada a persoas con discapacidade na EPAPU Berbés de Vigo, cun PFB de Comercio que conta con 18 prazas, botamos en falta, para o futuro, coñecer que normativa determinará o número de prazas a ofertar, as características “comúns” que deberá ter o alumnado de cara á organización destes programas formativos adaptados, etc.
É dicir, botamos en falta un maior desenvolvemento normativo para este tipo de formación.
Xa hai uns requisitos propostos: ter máis de 18 anos, non estar cursando nada, pídese un informe ao equipo de orientación. É unha pilotaxe. Sempre se ofertan 18 prazas, e contan por 2. Cómo máximo habería 9. A experiencia da pilotaxe (a básica para adultos en Vigo será unha pilotaxe este curso).
ARTIGO 27. PROGRAMACIÓNS
Gustaríanos que se nos confirme se todas as programacións de FP van a ter que facerse de novo en PROENS no curso 25-26.
De ser así, queremos saber se van a estar dispoñibles as programacións actuais para poder traballar sobre elas.
Se a idea é traballar sobre PROENS por unificar plataformas dentro do “ecosistema informático” da Consellería, vemos que se repiten os mesmos erros do pasado, é dicir, querer implantar algo sen ter levado a cabo a formación precisa do profesorado.
Ademais, este factor debería ser tido en conta á hora de aprobar a orde de calendario escolar para o curso 25-26, xa que sendo o curso con máis cambios na FP, as datas que se aprobaron (contra a nosa vontade) foron contraproducentes para todo o traballo que é preciso facer desde o 1 de setembro ata o inicio das clases en moi poucos días.
Si van cambiar as programacións a PROENS. Tiñan problemas para actualizar a aplicación actual aos cambios normativos. Vai haber formación do profesorado neste ámbito. As programacións van ser menos ríxidas. Non é posible pasar as programacións vellas á aplicación nova. Vai estar accesible a aplicación antiga para acceder a elas. Haberá flexibilidade no inicio de curso para facer as programacións.
ARTIGO 28. METODOLOXÍA
Apartado 6: Atención a persoas con discapacidade
Sería un gran avance especificar en detalle en que consiste a atención adecuada ás persoas con discapacidade ou cales son os recursos de apoio necesario en cada caso nos centros ordinarios con Formación Profesional, xa que as poucas referencias que hai á FP na Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación son exclusivamente en relación aos centros de educación especial.
Por outra banda, e tendo en conta o anterior, sería máis que preciso reforzar os departamentos de Orientación dos centros nos que se imparten ensinanzas de FP, xa que nalgúns casos debe encargarse unha soa persoa da atención a máis de 1000 alumnos e alumnas.
ARTIGO 46. CALIDADE
Máis aló da marxe de mellora existente no sistema de calidade actual, non podemos estar de acordo cun sistema de certificación externo pola incongruencia que supón que sexa a administración quen habilita ás empresas certificadoras e que logo éstas cobren da Administración para auditalas.
A Administración ten á Inspección Educativa para levar a cabo a supervisión que sexa necesaria, tamén no tocante á calidade educativa.
A calidade educativa non pode basearse en pedir papeis, senón en contar con centros dotados suficientemente de recursos, manténdoos actualizados, mellorando as súas infraestruturas e apostando pola formación continua do profesorado.
A normativa estatal establecía o sistema de auditoría externa. Con esta norma, a inspección educativa participa coa auditoría interna.
ARTIGO 48. PERSOAS EXPERTAS DO SECTOR PRODUTIVO
Tal e como se indica na xustificación normativa, a contratación de persoas expertas do sector produtivo ten encaixe legal perfectamente e, en certos casos, ata está plenamente xustificado polas necesidades de coñecementos dun determinado sector.
Pero tamén advertimos de que con esta “excusa” xa se ten abusado desta figura noutros territorios, por exemplo, non facendo os suficientes esforzos por renovar as listaxes de persoal interino ou substituto en determinadas especialidades de difícil cobertura.
Desde CCOO Ensino estaremos atentos ás casuísticas que poidan darse e, no caso de observar algunha irregularidade, tomaremos todas as medidas precisas para garantir os dereitos do profesorado que se gañou a súa praza ou que leva anos traballando como persoal interino ou substituto e “sacándolle as castañas do lume” á Consellería.
Por outra parte, convén indicar que o feito de ser os centros públicos os que poidan realizar a proposta de contratación das persoas expertas do sector vén recollida no último parágrafo do artigo 165.6 do RD 659/2023.
Con todo, resultaría axeitado establecer uns criterios básicos, que sen limitar en exceso a flexibilidade neste tipo de contratacións, sirvan para garantir certa competencia por méritos entre distintas persoas expertas para ocupar un posto, fronte a unha contratación directamente discrecional.
Estas persoas expertas non avaliarán.
ARTIGO 49. PERSOAL EXPERTO DO SECTOR PRODUTIVO NOS CENTROS PÚBLICOS
Recoñecendo o encaixe deste artigo co artigo 88 da Lei 3/2022, gustaríanos que quedasen moito máis especificadas as condicións que deben darse para poder contratar a este persoal experto asociado e cales serán os criterios ou procedementos a seguir para evitar a selección discrecional deste persoal.
Ao igual que indicamos para o artigo anterior, desde CCOO Ensino estaremos especialmente vixiantes para que non se faga un mal uso desta figura.
ARTIGO 50. PERSOAS EXPERTAS SÉNIOR DE EMPRESA
Aceptando para este punto a xustificación legal do artigo 171 do RD 659/2023, demandamos saber por que non se engadiu no borrador do decreto o punto 2 deste artigo 171.
“2. Las administraciones y, en su caso, los centros del Sistema de Formación Profesional podrán bien establecer acuerdos con empresas u organismos equiparados con los que colaboran para la contratación con jornada parcial de una persona trabajadora experta sénior de empresa, bien directamente con las personas expertas.”
ARTIGO 55. INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN E APLICADA
No apartado d) deste artigo fálase da figura do profesor-investigador ou da profesora-investigadora como xeradores de proxectos de investigación e innovación aplicada. Precisamos que se especifiquen as funcións e responsabilidades concretas deste profesorado, as súas condicións de traballo (horas de dispoñibilidade nos centros educativos ou condicións en xeral nos centros de investigación e/ou innovación) e demais detalles que regularán o seu día a día nos centros educativos.
En Galicia xa está moi avanzada a parte de innovación. Quérese avanzar neste campo tanto para profesorado como para alumnado. Estase traballando para que alumnado e centros poidan patentar/rexistrar traballos.
CAPÍTULO XV – INFORMACIÓN E ORIENTACIÓN PROFESIONAL
ARTIGO 68. FINS E ARTIGO 69. ORGANIZACIÓN
Lendo e relendo estes dous artigos, botamos en falta unha redacción moito máis específica, ou a perspectiva dun maior desenvolvemento normativo noutro documento (facultado pola disposición derradeira segunda deste documento), para establecer claramente a dotación de recursos persoais que levarán a cabo estas funcións de información e orientación profesional.
Segundo o apartado 1.d do artigo 69: A consellería con competencias en materia de educación promoverá… O establecemento das medidas e dos instrumentos necesarios de apoio e reforzo aos servizos de información, de orientación e de asesoramento, para… desenvolver catro puntos que precisan dunha gran intensidade organizativa e de carga de traballo.
Non sendo isto dabondo, no apartado 2 do mesmo artigo 69, aínda se engaden novas tarefas a desenvolver desde os centros en cuestións como a titorización de persoas con especiais dificultades de aprendizaxe ou de inserción social ou laboral, o asesoramento para a participación da cidadanía no procedemento de acreditación de competencias profesionais e o asesoramento ás empresas do seu ámbito territorial no deseño de itinerarios formativos axustados ás súas necesidades.
Logo de todo o anterior, suscítanos especial preocupación o feito de que a Disposición adicional segunda se apoie no artigo 166.1.d) do RD 659/2023 para definir as persoas responsables da coordinación ou responsabilidade de coordinación do servizo de orientación profesional, emprendemento e o procedemento de acreditación de competencias profesionais no centro, en caso de non dispoñer dun departamento de orientación ao efecto. É dicir, que alá onde exista a figura do orientador ou orientadora, de partida, estas persoas serán as responsables de realizar ou coordinar todas estas tarefas.
Polo tanto, insistimos en reclamar a dotación suficiente dos medios persoais necesarios para desenvolver todas estas tarefas desde os departamentos de Orientación, en todos os centros nos que se impartan ensinanzas de Formación Profesional. Tanto a través da dotación de máis profesionais da especialidade de Orientación Educativa, como pola asignación de dispoñibilidade horaria para estas tarefas ao persoal da especialidade de Formación e Orientación Laboral, tal e como vén especificado no Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, artigo 3.e:
e) Nos institutos nos que se imparta formación profesional específica, incorporarase ó departamento de orientación un profesor ou profesora que imparta a área de formación e orientación laboral designado polo director por proposta da comisión de coordinación pedagóxica.
Nos CIFP xa pode haber persoal de FOL no departamento que non é só de orientación. Analizarán a proposta.
Rolda final de intervencións
Intervención de CCOO Ensino
Elección de módulos por parte do profesorado de FP nos CIFP
Convén unha instrución meridianamente clara de como debe realizarse a elección de módulos, sen posibilidade de que haxa distintas interpretacións sobre esta cuestión.
A realidade nos CIFP é que, curso tras curso, non se ten claro se ademais da normativa específica para este tipo de centros sobre a elección de módulos ou accións formativas, debe aplicarse tamén a normativa ao respecto existente para os IES.
Esta cuestión é fonte de graves problemas curso tras curso e mesmo orixe de animadversións persoais entre o profesorado que se sinte agraviado.
Considera que a lexislación é suficientemente clara. Aínda así revisarano.
CFGM de Cociña e Gastronomía – Oferta Modular – CIFP de Vilamarín
Ciclo que viña ofertándose nos últimos anos nese tipo de oferta no centro, solapándose módulos e dando lugar á imposibilidade de cursar a totalidade de módulos na “duración ordinaria” que tería o ciclo en oferta ordinaria.
Para o curso que vén elimínase a modalidade modular, dando a única alternativa ao alumnado para poder rematalo, cursalo en ordinario pola mañá, opción inviable para moito dese alumnado, xa que traballa nese horario.
Non existe oferta do ciclo en modalidade a distancia, e o resto de opcións modulares en Galicia están noutras provincias, en concreto na Coruña, Pontedeume, Santiago de Compostela, Foz e Vigo. Sendo Ourense a única provincia onde non se ofertaría tal ciclo en oferta modular.
Urxe algunha solución:
- Deixar acabar os modulos pendentes ao alumnado que xa comezou o ciclo nesta oferta modular ou mesmo ofertar un ciclo en oferta ordinaria, pero en horario vespertino, como xa se fixo noutros centros cando suprimiron a oferta modular durante algún tempo.
- Instaurar unha opción a distancia (parece pouco viable neste caso concreto).
O que non pode ocorrer nunca é deixar colgado a este alumnado, xa que como algunha persoa afectada di, e non lle falta razón, se tivera sabido desta situación, non tería comezado o ciclo.
Teñen constancia deste caso e doutros dous. Darase solución a todo este alumnado.

