Agora máis ca nunca, os dereitos LGTBIQA+ eríxense como fronteira de democracia ante a onda reaccionaria que percorre o mundo e que xa alcanza a UE.
O pasado 18 de marzo, Hungría converteuse no primeiro país do mundo democrático en prohibir as marchas do Orgullo, mentres noutros Estados no corazón de Europa, como Polonia ou Bulgaria, continúan coas súas políticas discriminatorias. Non podemos ficar impasibles. Tamén no Estado español hai concellos gobernados por PP e Vox que vetan as bandeiras co arco da vella, poñen trabas a unha educación afectivo-sexual inclusiva e son voceiros dos discursos de odio.
Defendermos a diversidade, a liberdade e o exercicio de dereitos en igualdade de condicións de todas as persoas, con independencia da súa identidade, orientación sexual e expresión de xénero, é vital para o noso modelo social e de convivencia. E é fundamental para o sindicalismo de clase de CCOO. Porque sempre é a clase traballadora, ampla e diversa, a que fai progresar este país e a que máis padece os retrocesos.
CCOO caracterízase pola reivindicación e defensa dos dereitos das persoas traballadoras. Por iso:
- Fronte a quen quere impoñernos a súa estreita visión monolítica, CCOO defendemos un modelo social de progreso e convivencia no que todo o mundo caiba. Nin un paso atrás.
- Esiximos a fin inmediata das terapias de conversión, que non son máis que instrumentos de tortura contra o colectivo LGTBIQA+ e que teñen como obxectivo as persoas máis novas do colectivo. É inconcibible que nun Estado democrático como é o noso se permitan aínda estas prácticas.
- Defendemos unha sociedade libre de discursos de odio, que son a antesala dos delitos e agresións que, nos últimos tempos, aumentan arreo. Non á impunidade dos discursos de odio. Reclamamos un pacto estatal contra esta praga.
- Necesitamos unha educación afectivo-sexual diversa, integradora e feminista, que responda realmente ás necesidades do alumnado.
- Reivindicamos que se nos inclúa nos currículos educativos. As persoas do colectivo LGTBIQA+ existimos desde sempre e reclamamos o noso lugar na historia. Necesitamos referentes.
- No mundo do traballo, esiximos a aplicación efectiva de todas as leis que protexen as persoas lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais, a todas as expresións de xénero e as familias diversas. E, en concreto, a aplicación do Real decreto 1026/2024 polo que se desenvolve o conxunto planificado das medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBIQA+ nas empresas.
Por todo isto, seguimos loitando por ambientes laborais inclusivos, sans, libres de discriminación e que respecten os dereitos humanos. Que ninguén teña que esconderse nin padeza medo. Que ninguén vexa coartadas as súas liberdades nin minguadas as súas posibilidades laborais e vitais. As persoas delegadas de CCOO somos barreira contra o odio e as discriminacións, somos axentes de igualdade.
Pola diversidade, pola igualdade, pola xustiza, polos dereitos, este 2025 berramos:
AGORA MÁIS CA NUNCA: AO TRABALLO SEN ARMARIOS!
