CCOO pedimos ao Ministerio pasar das palabras aos feitos e traballar con miras a un Estatuto Docente

Mesa Sectorial estatal do persoal docente non universitario

Reiteramos a importancia de que esta negociación sexa máis áxil que ata o de agora e que antes do inicio de curso haxa un compromiso en relación coas condicións de traballo.

O xoves, 26 de xuño, reunímonos na Mesa Sectorial estatal do persoal docente non universitario co Ministerio de Educación para tratarmos o proxecto de real decreto polo que se desenvolven as características do programa de formación sobre o desenvolvemento da función directiva, así como os módulos de actualización no desempeño da dita función.

Recolléronse só unhas poucas das nosas achegas ao borrador, nas que reflectiamos a necesidade de promover unha xestión democrática dos centros, con atención a todo o persoal e a toda a comunidade educativa.

Insistimos en que falta incluír no curso, de forma clara e específica, contidos relacionados con:

  • educación transformadora e inclusiva;
  • promoción da igualdade de xénero e do pensamento feminista;
  • visibilización e defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+;
  • inclusión do alumnado en situación de vulnerabilidade social ou económica;
  • traballar desde unha perspectiva crítica, fomentar valores de cooperación;
  • solidariedade e xustiza; tamén contidos en materia de melloras no benestar laboral do persoal do centro;
  • prevención do acoso sexual entre iguais (tanto entre o alumnado como entre o persoal del centro).

Esiximos que se elimine calquera posibilidade de privatizar esta formación.

Tamén manifestamos outras cuestións que afectan á función directiva, máis alá da súa formación, como os procedementos de elección e a necesidade de que existan pautas comúns no ámbito estatal sobre este e outros temas, como o complemento de dirección.

Desde CCOO esixímoslle ao Ministerio que se convoque con urxencia o grupo de traballo de condicións laborais do profesorado, e respondeunos que manteñen o seu compromiso de presentar á Mesa un documento en relación co grupo de traballo de condicións do profesorado e de convocar unha reunión dese grupo para mediados de xullo.

Malia esta intención, reiteramos a importancia de que esta negociación sexa máis áxil do que foi ata o de agora, que antes do inicio de curso haxa un compromiso con respecto ás condicións de traballo e que este proceso finalice na aprobación dun Estatuto Docente acorde co modelo educativo que se afirma querer, o que todas e todos desexamos. É hora de pasar das palabras aos feitos.

Para apoiar a campaña por un Estatuto Decente, preme aquí.