Cinco prioridades para unha formación profesional pública, inclusiva e de calidade
O xoves, 26 de xuño, CCOO participamos na sesión do Consello Galego da Formación Profesional. Presentamos a nosa posición sobre o proxecto de Decreto de ordenación da FP en Galicia. Na nosa intervención puxemos o foco en cinco cuestións estruturais que consideramos imprescindibles para garantir unha formación profesional ao servizo do interese público, da cohesión social e do desenvolvemento sostible.
Intervención
Desde CCOO Galicia consideramos que este proxecto de Decreto de ordenación da Formación Profesional debe abordarse como unha oportunidade para definir o modelo galego de FP que o noso país necesita: un modelo ao servizo do ben común, da cohesión social e do desenvolvemento económico sostible. Non é un documento técnico máis. É unha peza clave do futuro socioeconómico de Galicia.
Por iso, lamentamos que este texto chegue ao Consello con escaso marxe temporal para o seu estudo e sen unha tramitación participativa real. Unha norma de tal alcance esixe tempos e espazos amplos para a reflexión compartida.
Desde esta perspectiva, queremos poñer o foco en cinco cuestións estruturais que, ao noso xuízo, deben ser atendidas con urxencia para garantir unha FP pública, inclusiva e de calidade:
1. A formación en linguas estranxeiras require ambición, non mínimos
Non se pode afirmar que apostamos pola internacionalización da FP galega e, ao mesmo tempo, aceptar que o nivel esixido ao profesorado para impartir módulos en lingua estranxeira sexa un simple B2. Desde CCOO consideramos que este nivel resulta insuficiente para garantir a competencia comunicativa necesaria nun contexto profesional internacionalizado. A formación en linguas debe ser unha prioridade estratéxica, non unha formalidade resolta con mínimos.
2. Fronte á privatización, defensa decidida da FP pública
A nova ordenación abre a porta a unha maior implicación de entidades privadas na Formación Profesional. Desde CCOO Galicia manifestamos con claridade que faremos todo o posible para evitar unha deriva privatizadora que erosione o papel dos centros públicos. A competencia debe existir, pero debe ser xusta e transparente. Denunciaremos calquera intento de aproveitar os ocos normativos para derivar fondos públicos a modelos de baixa calidade educativa ou sen garantías sociais. A FP é un servizo público esencial, e debe estar blindada como tal.
3. Atención ás persoas con NEAE, NEE ou discapacidade: non só inclusión, tamén equidade
Non abonda con mencionar a atención á diversidade. Cómpre desenvolver normativamente, e con detalle, os recursos metodolóxicos, persoais e materiais que garantan unha formación profesional adaptada a todas as realidades. Non podemos permitir que a FP galega quede atrás na inclusión efectiva das persoas con discapacidade, nin que o acceso a programas adaptados dependa da vontade dun centro ou da interpretación dun artigo. A inclusión debe estar garantida por dereito e con dotación suficiente.
4. Persoas expertas: encaixe legal si, pero tamén garantías públicas
Recoñecemos o encaixe legal das figuras das persoas expertas do sector produtivo, persoal experto nos centros públicos ou persoas sénior de empresa. Pero insistimos: sen un desenvolvemento normativo que regule a súa contratación, os criterios de acceso e as condicións básicas, abrimos a porta á discrecionalidade. Desde CCOO Galicia defenderemos sempre que calquera contratación nese ámbito se faga con criterios de mérito, transparencia e garantía pública. Non aceptaremos atallos que supoñan o afastamento da contratación docente ordinaria ou a devaluación das listas públicas de interinidades.
5. Recursos humanos: a FP non pode crecer a costa do profesorado
A nova FP esixe máis carga administrativa, máis seguimento ao alumnado, máis titorías, máis orientación profesional, máis innovación, máis colaboración co tecido produtivo. Todo isto non pode recaer nas costas do profesorado sen reforzos claros. Necesitamos máis profesionais de orientación educativa, máis dispoñibilidade horaria para o profesorado de FOL, e unha planificación realista das titorías en empresa e dos proxectos de investigación ou emprendemento. Do contrario, o que se presenta como un avance pode converterse nun factor de sobrecarga e malestar profesional.
Conclusión
A nova ordenación da FP debe estar ao servizo de Galicia e da súa cidadanía. Non pode ser unha tradución apresurada do marco estatal, nin unha norma pensada só desde a lóxica da xestión administrativa. Debe responder a unha estratexia educativa e de país.
Desde CCOO Galicia estaremos á altura desa esixencia. Seguiremos traballando, con propostas e tamén con firmeza, para garantir unha Formación Profesional pública, equitativa, de calidade e conectada coas verdadeiras necesidades do territorio.

