Toda a información do Comité intercentros do 17 de xuño de 2025

O 17 de xuño produciuse a xuntanza do pleno do Comité intercentros.

Escritos recibidos e emitidos

Recibidos

  • 2 adscricións provisionais novas
  • 21 prórrogas adscricións provisionais – 21 superiores categorías
  • 1 proposta de amortización de prazas de Medio Ambiente
  • 1 Escrito recibido enviado polo colectivo do persoal laboral intérprete da linguaxe signos

Emitidos

Escrito dirixido á Dirección Xeral de Emprego Público e máis á Consellería de Medio rural solicitando a extensión das condicións do acordo do persoal funcionario, tal como se aprobara no Pleno anterior.

Amortizacións

Recibiuse unha proposta de amortización de Medio Rural, non se nos convocou para explicar a fundamentación da mesma nin a súa xustificación (de habela).
Apróbase, por unanimidade, informala negativamente.

Titulación auxiliares de cociña

Dado que se rectificou este tema na convocatoria da oposición, retírase o punto da orde do día.

Listas de contratación Decreto 37/2006

Suspendeuse a apertura de listas de oficial de segunda de cociña polas reclamacións que as organizacións sindicais emitiron polo tema da ausencia do requisito das titulacións preceptivas, considerábase que se crearían problemas nas cociñas dos centros. Está habendo serios problemas para a cobertura das prazas xa que nesa lista a cobertura é optativa, isto xunto co anterior provoca problemas de cobertura que están a repercutir nas cociñas.

CSIF considera que deberíamos pedir dende o Intercentros que se faga unha nova apertura destas listas de oficial de segunda de cociña, xerocultores e PSXs pedindo a titulación necesaria para a cobertura do posto. CCOO opina que estaría ben abrilas, pero que o máis importante é que se pida a titulación para asegurarse de que cando esa xente chegue ao centro poida facer ese traballo axeitadamente, senón non se estaría a arranxar o problema; para iso no Convenio Colectivo hai unhas titulacións asociadas a eses grupos e categorías.

UGT está de acordo tamén tanto con esixir a titulación como con volver a abrir esas listas, ou incluso en facer listas paralelas para este tipo de postos.

CIG tamén está de acordo en que teñen que abrilas, ou máis ben publicalas xa que a xente apuntouse a esas listas pero non se chegaron a usar. No tema da titulación tamén están de acordo. Considera que ao trocaren en prazas de funcionarios a titulación debe manterse xa que era unha característica desas prazas.

Por unanimidade acórdase solicitarlle a Emprego Público que se abran estas listas destas 3 categorías e que se solicite a titulación correspondente segundo figura no Convenio Colectivo; tamén que inste ás Consellerías que fagan unha selección de persoal (conforme ao que di o convenio colectivo) naquelas categorías nas que apenas hai persoal apuntado nas listas.

Adaptacións de posto de traballo por saúde

En moitos centros hai problemática derivada destas adaptacións, e é unha problemática que vai ir aumentando dado que a plantilla estase envellecendo; a Administración non fixo nada ata agora para atallar este problema, como modificar as ratios de persoal naqueles centros nos que haxa adaptacións.

CCOO expón que este problema xa vén de atrás, xunto cos aptos con restricións, e que Función Pública nalgúns momentos amosou que comprendía o problema e que ía tentar buscar solucións, pero de momento non fixeron nada. CCOO está de acordo tanto na diagnose como na necesidade perentoria de tomar medidas encamiñadas a solucionar o problema (por exemplo, que as persoas traballadoras cunha adaptación de posto ou apta con restricións non conte para as ratios de persoal); indicamos que se podería empezar por instar a Función Pública a que tome medidas nese sentido.

Apróbase por unanimidade facer un escrito dirixido a Emprego Público facéndoos partícipes desta situación e solicitándolles que tomen medidas. En Política Social é un problema importante, pero tamén pasa no resto de consellerías e na maioría dos centros de traballo, de aí que a solicitude debe facerse extensible a todas as Consellerías a través de Emprego Público.

Incompatibilidade laboral intérpretes de signos

Chegoulle a CCOO un escrito, que encamiñamos ao Comité Intercentros dada a súa natureza, do colectivo do persoal laboral intérprete da linguaxe signos no cal expoñen que hai moitos eventos culturais que precisan do traballo destes intérpretes e que eles non poden ofrecer eses servizos ao estaren catalogados actualmente como incompatibles coa súa labor no sector público.

Por unanimidade acórdase facer un escrito dirixido a Emprego Público, aportando o escrito achegado polo colectivo en cuestión, indicando que teñen o apoio unánime do Comité Intercentros. No escrito vaise pedir que leven a cabo o procedemento lexislativo correspondente para faceros cambios normativos precisos para eliminar esa incompatibilidade. Tamén se lle vai enviar isto mesmo aos grupos parlamentares, dado que a eventual tramitación lexislativa vai pasar por eles.