A formación profesional experimentará cambios significativos a partir do curso 2024/25. A resolución publicada o 10 de xullo pola Dirección Xeral de Formación Profesional establece novas directrices para a ordenación e organización dos graos D (ciclos formativos) e E (cursos de especialización). Neste artigo detallamos as claves destas novidades aplicables só para o primeiro curso de oferta ordinaria, modalidade presencial e réxime xeral, referenciando onde se atopan na resolución.
- Hai cambios na terminoloxía para nomear as distintas opcións de estudos: onde antes se falaba de réxime ordinario ou modular, pasa a falarse de oferta ordinaria e modular; así mesmo, cando antes se falaba de FP dual, ao dualizarse toda a formación profesional débese falar de FP dual intensiva. (Punto terceiro)
- A oferta de FP organízase en dous réximes: o réxime xeral, cunha formación na empresa a partir do 20% da duración nos ciclos de grao básico e de entre o 25 % e o 35 % da duración nos de grao medio, grao superior e cursos de especialización, e o réxime intensivo, que incrementa esta formación ao intervalo entre o 35 % e o 50 %. (Punto terceiro)
- Incorporarase nos currículos dos ciclos formativos de grao básico o módulo de Itinerario persoal para a empregabilidade e nos ciclos de grao medio e superior os módulos de Itinerario persoal para a empregabilidade I, Inglés profesional e Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo. Deixarase de impartir o módulo de Formación e orientación laboral. (Punto quinto)
- Os ámbitos de FP de grao básico reducen a súa duración tal e como establece a lei, pero finalmente redistribúese esa baixada de horas no ámbito de Comunicación e ciencias sociais I para que “afecte menos” á unidade formativa de Comunicación en linguas galega e castelá, apartado fundamental na formación do alumnado destes ciclos. (Punto sexto)
- A formación relativa a prevención de riscos laborais dos distintos módulos deberá impartirse ao inicio do curso escolar, de forma que o alumnado poida contar con dita formación antes de incorporarse ás empresas. No caso de non superala e ao tratarse dun requisito indispensable, o alumnado non poderá asistir á formación en empresa ou organismo equiparado. (Punto décimo primeiro)
- Os ciclos formativos de oferta ordinaria, modalidade presencial polo réxime xeral, incorporarán no primeiro curso un período de formación na empresa, contribuíndo á adquisición de entre o 10 % e o 20 % dos resultados de aprendizaxe. 80 horas, como máximo, nos ciclos de grao básico e 200 horas, como máximo, nos ciclos de grao medio e superior. Se non existen prazas dispoñibles nas empresas cun perfil adecuado ao currículo do ciclo, o alumnado non incorporado seguirá coa súa formación no centro educativo. (Punto décimo segundo)
- O alumnado repetidor adaptarase á nova ordenación académica. (Punto décimo terceiro)
- O alumnado de segundo curso con módulos pendentes de primeiro deberá superar as avaliacións correspondentes, de acordo co currículo do plan de estudos para extinguir. (Punto décimo cuarto)
- Para os efectos dunha mellor organización dos centros educativos, o persoal docente en cuxo centro non existira horario lectivo completo da súa especialidade poderá completar a súa xornada lectiva impartindo materias afíns. Para impartir o módulo de Inglés profesional, será preciso acreditar a habilitación lingüística do nivel C1 en Inglés ou, excepcionalmente, o B2. (Punto décimo sexto)
Estas son as ideas principais da resolución, destacando os aspectos organizativos e curriculares para a formación profesional en Galicia no curso 2024/25.
Tamén é destacable que, nas instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de FP do sistema educativo no curso 24-25, publicadas tamén o 10 de xullo, no punto décimo noveno establécese que os centros subscribirán acordos específicos para o desenvolvemento da formación que se realizará nos centros de traballo, tal e como se viña facendo nos ciclos formativos duais.