Publicadas no DOG as melloras no premio de xubilación e na escala de gratificacións por xubilación anticipada do PAS laboral da USC

DOG deste mércores 10 de xullo vén de publicar o acordo de 12 de abril da Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio do PAS laboral da USC polo que se incrementa nunha mensualidade o premio de xubilación do persoal laboral e se mellora a gratificación por xubilación anticipada, que pasa a percibirse non pola idade da persoa traballadora, senón en función dos meses que lle falten para a xubilación ordinaria.

En canto ao premio de xubilación, as persoas traballadoras que teñan como mínimo 15 anos de antigüidade na USC, percibirán no momento de acceder á xubilación o importe íntegro de catro mensualidades, en vez das tres que se percibían ata agora, e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda deses 15. 

A mellora na gratificación por xubilación anticipada consiste en equiparar as cantidades a percibir, entre as persoas que accederían á xubilación ordinaria aos 65 anos e os que so poderían acceder mais tarde. Para iso, a gratificación a percibir calcularase en función dos meses que falten para acollerse á xubilación ordinaria; en vez de tomar como referencia como se viña facendo ata agora, a idade da persoa traballadora. Así, por exemplo, unha persoa con xubilación ordinaria aos 67 anos poderá xubilarse anticipadamente aos 65 percibindo unha gratificación por importe de 20 mensualidades, en vez das 12 que lle corresponderían anteriormente, ou facelo aos 66 anos percibindo 12 en vez de 8. 

Ambas cuestións, premio de xubilación e gratificacións por xubilación anticipada, amosan unha vez máis a capacidade da acción sindical que vimos desenvolvendo para cambiar as cousas e para mellorar as condicións de traballo do persoal da USC.