Toda a información do Consello Galego de Formación Profesional (6 de xuño de 2025)

No día de hoxe celebrouse unha xuntanza da Comisión Permanente do Consello Galego de Formación Profesional.

Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:

Orde do XX de XXXX de 2025 pola que se actualiza a oferta de Formación Profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2025- 2026

Desde CCOO denunciamos a forma de abordar cuestións tan relevantes como a oferta de Formación Profesional para o vindeiro curso, onde a comunicación coas organizacións sindicais é nula (con carácter previo) e debemos enterarnos polos medios ou pola propia web da Consellería do contido de dita oferta.

Temos que lamentar tamén que esa falta de comunicación se traslade ao conxunto do profesorado, posto que aínda que a información se traslade aos equipos directivos dos centros, esta despois non flúe como debería á totalidade das e dos docentes e isto crea un clima de incerteza que en nada favorece á calidade do sistema educativo de Formación Profesional.

Por outra parte, desde CCOO recoñecemos que a situación  de descoñecemento e falta de concreción é xeneralizada en todas as comunidades autónomas, dada a complexidade da normativa estatal e a recente sentenza do Tribunal Constitucional respecto do “Real Decreto 659/2023, de 18 de julio, por el que se desarrolla la ordenación del Sistema de Formación Profesional”.

 

  • Debemos facer un exercicio de confianza e partir da base de que o traballo por comarcas se está realizando correctamente, xa que non temos ningún tipo de información ao respecto. E o preocupante xa non é que as organizacións sindicais teñan esa información previa ou non, senón que a propia comunidade educativa non coñece que criterios se aplican. Isto supón un grave problema de comunicación que deriva en malestar entre o profesorado e os equipos directivos, que son os colectivos que ao final debe soster o sistema da Formación Profesional.

    Mesmo desde os centros, transmítennos “un alto interese” por parte da Consellería para incorporar novos ciclos de FP Básica (entendemos que é un dos obxectivos do Plan FPGal360), e que unha vez “impostos” a ditos centros, despois non aparecen no borrador de oferta.

    A oferta pode conter erros e pode sufrir variacións logo de falar cos equipos directivos dos centros.

  • Non se especifican nos documentos da oferta o número de grupos previstos, senón soamente o número de prazas.
    Ao non indicar a modalidade da formación (aínda que se pode intuír), tampouco se pode facer unha estimación do profesorado necesario.
    Esta información debería vir especificada.

  • Tendo en conta o notable aumento na oferta de FP Básica, consideramos fundamental reforzar os departamentos de Orientación.
    Moitas veces este aumento concéntrase nuns poucos centros e, para afrontar as necesidades que este alumnado representa, consideramos que é o momento de “aproveitar” e dotar de máis profesionais de Orientación Educativa aos centros onde se imparte Formación Profesional, especialmente a de Grao Básico.

  • Hai que poñer fin ao aumento desmesurado da oferta de FP en centros concertados e privados (noticia relacionada).

    Desde a Administración indican que non poden ir en contra da liberdade de empresa e que só poden verificar que os centros que soliciten autorización cumpran os requisitos legais.

  • Consideramos que máis alá dos requisitos legais para a súa constitución, tanto os centros como o seu profesorado e a forma de funcionar dos mesmos debe estar suxeita a sistemas de supervisión da calidade, ao igual que sucede na rede pública de CIFP que se somete anualmente a dúas auditorías.
    O obxectivo final debe ser que estes centros non se convirtan en “meros expendedores de títulos” carentes dunha calidade educativa contrastada.

    Estes centros privados xa se atopan baixo a supervisión da Inspección Educativa.


  • Desde CCOO rexeitamos totalmente o concerto de ensinanzas en etapas non obrigatorias. A rede de centros concertados supón unha rede subsidiaria da rede pública de centros e debe existir unicamente para paliar as carencias desta, non para substituíla. Existen comarcas nas que habendo demanda suficiente, en lugar de multiplicar a oferta pública, permítese que medren os centros concertados e privados.
    Non entendemos que estes concertos teñan cabida na Formación Profesional cando hai cantidade de centros con capacidade suficiente para acoller a oferta formativa e, en caso contrario, haberá que facer os investimentos necesarios para garantir a oferta desde a rede pública.

    Comprométense a revisar a oferta pública comentada nesas comarcas.
  • Imaxe e son

    Redución por dous ciclos que rotan (ofértanse o segundo curso no 25-26 e non en primeiro curso), por outra parte, auméntase a oferta nun ciclo.

  • Artes gráficas

    Redución por dous ciclos que rotan (ofértanse o segundo curso no 25-26 e non en primeiro curso).

  • Instalación e mantemento

    En realidade non hai unha diminución da oferta nesta familia, senón que o ciclo de Prevención de riscos profesionais pasa á familia de Seguridade e Medio Ambiente.

 

  • Existen familias profesionais cunha gran oferta, caso de Informática e comunicacións (5.702 prazas), que supoñen do mesmo xeito unha demanda moi alta de profesionais docentes, que non son cubertas nin nas oposicións nin mediante listas de substitucións, xa que as condicións laborais (tanto a nivel de salario como doutras condicións de traballo) non son atractivas respecto á empresa privada.

    Tal é a situación, que se está chamando para substitucións, con carácter excepcional, a profesionais que carecen da acreditación de competencia pedagóxica esixible con carácter xeral e loxicamente desexable para garantir a calidade do ensino.

    Para facer máis atractiva a profesión docente nestas especialidades, ou cando menos para poder competir coa empresa, precisamos avanzar en aspectos aínda por desenvolver do “Acordo sobre medidas de mellora” tales como a recuperación do horario lectivo previo á crise económica ou a redución da excesiva burocratización do traballo do profesorado.

    Está claro que non podemos competir en salarios co que se cobra na empresa privada en certos sectores, pero seguiremos avanzando neses apartados para facer máis atractiva a profesión docente.
  • Ver información xeral no acto de presentación da oferta de FP.

  • Outras características avanzadas pola Administración:
    • Desenvolverase fundamentalmente nos CIFP
    • Formación en breves períodos de tempo durante o curso (de 4 a 6 meses)
    • Incorpórase dentro da oferta de formación modular, pero en lugar de ofertar módulos soltos, ofértanse “packs” de módulos previamente establecidos dos que haberá que matricularse en conxunto
    • Horario de tarde
    • Contarán con formación en centro educativo e formación en empresa
    • Existirá a posibilidade de facer dúas “formacións” por curso académico, xa que se establecen dous prazos non solapados ao longo do curso
    • O obxectivo é favorecer reinserción laboral en pouco tempo, formando rapidamente a profesionais para sectores cunha moi alta demanda de man de obra
    • Para o profesorado será parte do horario lectivo “normal”, non hai nada de tempo engadido ao horario dos docentes
    • Tampouco se trata de formación AFD nin certificados de profesionalidade
    • Os módulos destas formacións correspóndense cos módulos dos ciclos formativos dos que proveñen e as atribucións docentes serán as que marcan os RD ou decretos destes títulos

Orde do XX de XXXX de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025- 2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para o exercicio 2025 (código de procedemento TR301K)

Como en ocasións anteriores, con outras ordes que xa pasaron polo Consello Galego de Relacións Laborais, para a nosa intervención remitímonos ao contido do ditame deste órgano.

Consideramos que unha orde desta importancia debe contar co maior consenso posible no ámbito social, dito isto, podería ter sido enviada a outros órganos con anterioridade para poder ser debatida coa profundidade que se merece e que as aportacións de CCOO puideran ser estudadas con detalle e ser incorporadas

CCOO non ten unha entidade formadora e, polo tanto, lonxe de intereses particulares, o que nos interesa é que este modelo de formación ofreza igualdade no acceso ás entidades participantes, que estea controlado desde o público e que estea o menos privatizado ou externalizado posible; na liña contraria ao que se está facendo neste momento.

Desexámoslle toda a sorte a este novo modelo, será de xestión máis sinxela, pero estamos seguros de que non vai ofrecer unha mellor formación nin en canto a calidade, nin en canto a cantidade.

Información sobre o desenvolvemento do próximo curso 2025-2026 e as novidades do proceso de admisión ás ensinanzas de Formación Profesional

  • En primeiro lugar, gustaríanos saber se as instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo no curso 25-26 van pasar por Mesa Sectorial?

    De cara ao curso 25-26, as novas instrucións irán á Mesa Sectorial. Tentaremos aportar información sobre isto a próxima semana co fin de poñer a Mesa Sectorial dentro do mes de xuño.

    En canto ao Decreto que regulará a FP en Galicia, vaise comezar a fase intermedia de tramitación (exposición pública, Consello Escolar de Galicia, Consello Galego de Formación Profesional, Mesa Sectorial, etc.) coa maior brevidade posible.

  • En canto ás novidades no proceso de admisión de ensinanzas de FP, esperamos que se corrixiran cuestións como a claridade nas comunicacións ao alumnado durante o proceso, antes de mellorar a “informatización” dun procedemento con certas deficiencias.

    A Directora Xeral de FP toman nota da comunicación desas deficiencias feitas no pasado, agradece a aportación e comprométese a revisalas.

    O alumnado deste curso non vai ter aínda aprobado o curso actual, pero adiántanse e acúrtanse os prazos de admisión para poder facelo antes de setembro e que os centros educativos poidan organizarse antes.


    Desde agora a intención é que poida facerse tanto a admisión como a matrícula desde aplicacións móbiles, xa non desde un ordenador.

    As solicitudes para as probas libres xa se puideron facer coa aplicación móbil e non houbo problema (hai que ter en conta que se trataba só dunhas 700 persoas fronte ás 70000 que pode haber na admisión a FP).

Rolda final de intervencións

Destacamos a necesidade de desenvolver unha normativa clara sobre as seccións bilingües tendo en conta que:

  • O Real Decreto non recolle a opción de bilingüismo para os módulos “transversais”.
  • Estanse dando casos de centros nos que a creación de seccións bilingües se percibe como unha forma de adulterar e blindar o proceso de elección de módulos.