No día de hoxe celebrouse a Mesa Sectorial Docente Non Universitaria.
Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
Listas de interinidades e substitucións en determinadas especialidades nas que, de xeito excepcional, se permite a participación a persoas sen o requisito da formación pedagóxica e didáctica
Intervención de CCOO Ensino
- Estamos ante un problema de escaseza de profesorado en determinadas especialidades de ensino secundario e FP, con vacantes que tardan meses en cubrirse e afectan o dereito á educación do alumnado.
- As condicións laborais para o persoal docente son pouco atractivas en comparación co sector privado, que nestas especialidades roza o pleno emprego. A Consellería podería tomar medidas inmediatas como a redución do horario lectivo, a recuperación do cobro do verán para substitutos ou a mellora das retribucións.
- Existe unha escaseza de prazas en universidades públicas para cursar o mestrado de profesorado en ensino secundario, o que deixa cada ano a miles de persoas sen acceso á formación necesaria para exercer a docencia.
A Consellería trasladou ás universidades galegas a necesidade de incrementar o número de prazas nos mestrados de profesorado.
- Nos últimos procesos selectivos houbo un elevado número de prazas desertas, especialmente nas especialidades que agora presentan maiores dificultades. Por exemplo, en 2023: Informática deixou 22 prazas desertas de 50, Sistemas e Aplicacións Informáticas, 49 de 65. En 2022, só se cubriron 7 de 43 prazas en Informática.
Teñen a intención de convocar o maior número posible de prazas nestas especialidades.
- A proposta da Administración preséntase como unha solución conxuntural, un parche que non resolve o problema estrutural e que, sen cambios de fondo, se reproducirá no futuro.
- A eliminación do requisito de formación pedagóxica ou didáctica para acceder ás listas de interinidades xera dúbidas sobre a súa seguridade xurídica ao carecer de amparo lexislativo estatal, a diferenza do que aconteceu durante a pandemia.
- A excepcionalidade desta medida aconsella que sexa limitada no tempo e aplicada só ás especialidades que teñan demostrado obxectivamente dificultades para cubrir as vacantes nos últimos anos.
- Ademais, o persoal que acceda sen a formación pedagóxica non pode ter os mesmos dereitos que quen cumpre a totalidade dos requisitos, incluso se os acreditan posteriormente, mantendo sempre unha prelación que reduza a posibilidade de xudicialización das listas.
- Esta proposta excepcional adóptase á marxe do Acordo de interinos/as.
- A medida debe acompañarse de solucións estruturais e permanentes que eviten que esta situación volva repetirse no futuro.
Rogos e preguntas
- Solicitamos información sobre a situación do persoal en interinidade ou substitucións en Galicia, no caso de seren seleccionadas como funcionarias de carreira a través do Concurso de Méritos en Canarias.
A Administración infórmanos sobre o persoal afectado por este proceso e comunica que se porá en contacto con el nos próximos días para ofrecerlle a posibilidade de aceptar unha comisión de servizos ata o 31 de agosto ou ata a finalización do nomeamento, no caso de producirse con anterioridade.
- Instamos á Administración a que leve á Mesa o baremo común para os diferentes concursos específicos organizados pola Consellería.
A Consellería informa de que enviará a proposta a mediados ou finais de xaneiro.
- En relación aos postos de inspectores/as accidentais, solicitamos a data de inicio das cinco persoas seleccionadas e denunciamos que o proceso non cubriu todas as vacantes.
Empezarán en xaneiro.
- Demandamos que a Administración aclare cando ten previsto levar á Mesa Sectorial o decreto de oferta de emprego e a orde de convocatoria dos procedementos selectivos.
Teñen a intención de presentar na Mesa o decreto e a orde na segunda quincena de xaneiro.
- Solicitamos que a Dirección Xeral presente na Mesa a relación completa das vacantes estruturais susceptibles de ofertarse no concurso xeral de traslados.
A Administración asumiu o compromiso para o mes de xaneiro.
- Solicitamos novamente que a Consellería leve á mesa sectorial a negociación para a actualización da orde de permisos e licenzas do persoal docente.
A administración comprométese a presentar o borrador de actualización desta orde na mesa sectorial entre xaneiro e febreiro.
- Reiteramos a denuncia sobre o retraso na incorporación en nómina do primeiro trienio ou sexenio, con atrasos de varios meses e mesmo máis dun ano. Ningún novo trienio ou sexenio foi tramitado desde marzo, segundo información das xefaturas territoriais.
Volverán contactar con Intervención para tentar solucionar a situación.
- Instamos á Administración a convocar con urxencia o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral para coñecer os resultados da enquisa de riscos psicosociais feita en maio. Recordamos que, por normativa, este comité debe reunirse trimestralmente, pero xa pasou un ano desde a última reunión.
Non responden.
- Por último, solicitamos unha maior redución horaria para as titorías, debido á elevada carga de traballo e burocracia. A maioría dos/as titores/as só contan cunha sesión lectiva semanal e carecen de redución horaria adicional.