Reclamamos a súa recuperación
Desde CCOO Ensino manifestamos o noso frontal rexeitamento á supresión das licenzas por formación retribuídas que viña convocando a Consellería de Educación. A nova resolución, presentada como borrador na mesa sectorial do 4 de xuño, elimina completamente esta modalidade, que consistía en períodos curtos —normalmente de entre un e tres meses— nos que o profesorado quedaba liberado da docencia para elaborar materiais curriculares e recursos educativos, mantendo a súa retribución.
Queremos lembrar que estas licenzas non eran auténticas licenzas por formación, tal como as entendemos desde CCOO: non se trataba de formación académica, investigadora ou de actualización profesional, senón dun recoñecemento institucional e económico ao traballo de creación de materiais didácticos. A pesar das limitacións, permitían que o profesorado desenvolvese recursos de utilidade para o sistema educativo galego nun marco regulado e con apoio da Administración.
A orde proposta pola Consellería para o curso 2025/26 mantén unicamente as licenzas non retribuídas, que teñen un enfoque individual de formación ou investigación, e que foron recuperadas grazas ao Acordo de Melloras asinado por CCOO, ANPE e UGT. Pero ao mesmo tempo, elimínanse por completo as licenzas retribuídas destinadas ao desenvolvemento de materiais didácticos, que permitían unha redución da carga lectiva durante un período concreto para dedicar ese tempo a unha tarefa concreta de interese educativo.
Desde CCOO Ensino consideramos que esta supresión supón un retroceso nos dereitos laborais e unha mostra do escaso compromiso da Consellería co apoio institucional á mellora do ensino. A elaboración de materiais segue sendo unha tarefa necesaria, pero a Xunta deixa de recoñecela, suprimindo o único marco retribuído e regulado que existía para este tipo de traballo.
Reclamamos á Consellería:
- Que presente un novo borrador da resolución que inclúa as licenzas retribuídas para a elaboración de materiais.
- Que abra o debate sobre un novo modelo de licenzas retribuídas, que inclúa tamén períodos de formación académica e actualización profesional reais, e non só produción de materiais.
Desde CCOO Ensino seguiremos defendendo un modelo de licenzas por formación digno, útil e realista, que permita ao profesorado galego mellorar a súa práctica docente con tempo, recursos e recoñecemento institucional.

