A pesar das reiteradas peticións do noso sindicato, o Goberno de España non está a cumprir nin os seus compromisos nin o seu deber cos empregados e empregadas públicas. E é que dous meses despois de que o INE certificase o IPC de 2024, aínda non se levou ao Consello de Ministros e Ministras a orde para pagarnos o 0,5 % restante de incremento salarial correspondente a 2024. Un incremento que provén do acordo asinado por CCOO e UGT en outubro de 2022.
Unha vez que se faga efectivo este pago, retroactivo desde xaneiro de 2024, teremos incrementado as nosas retribucións máis dun 9,8 % nestes tres anos, limitando ao mínimo a perda de poder adquisitivo na gran crise inflacionista que vivimos.
Tamén é urxente e necesario culminar outras cuestións do Acordo Marco, como a clasificación profesional segundo o Art. 76 do TREBEP ou algúns cambios normativos, tan importantes como o que debe permitir a xubilación parcial do persoal funcionario e estatutario ou o carácter de mínimos dos permisos e vacacións do EBEP.
Pero, ademais, levamos meses esixíndolle ao Goberno a negociación dun novo acordo, onde estarían, xunto ao compoñente salarial, outros como acabar coa taxa de reposición, chegar ao máximo do 8% de temporalidade, as 35 horas como xornada semanal máxima, formación
continua de calidade, e un impulso decidido na mellora das políticas de igualdade e LGTBIQ+.
A nivel salarial, é o momento de reverter definitivamente os recortes de 2010 (redución salarial do 5% e da contía das pagas extraordinarias) e, sobre todo, que o importante crecemento económico do noso país tamén chegue aos traballadores e traballadoras das administracións públicas. Porque é o noso traballo o que permite que as empresas xeren riqueza: coas infraestruturas que creamos, educando a quen as deseñan e as constrúen, coidando da saúde, mantendo os procesos
administrativos e un longo etcétera de importantísimas funcións. Porque #SenTiNonFunciona
A que espera o Goberno para cumprir as nosas esixencias de negociación? Acaso non lle importa a mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras das administracións? É moi importante para o conxunto do país e para a clase traballadora, que se aproben uns orzamentos en 2025. E para a negociación a múltiples bandas que terá que realizar o Goberno, debe estar presente
o acordado cos sindicatos.
En vista da situación actual, CCOO levará a cabo unha manifestación fronte á sede do Ministerio de Facenda en Madrid o próximo 8 de abril ás 12:00 horas. Esta mobilización representa o inicio dunha serie de accións que se intensificarán se o Goberno non responde ás nosas demandas. O noso sindicato demostrou unha gran responsabilidade nas súas propostas e acordos. Agora, é imperativo que o Goberno actúe da mesma maneira e busque un consenso con quen representamos á maioría dos traballadores e as traballadoras das administracións públicas en España.