CCOO presenta un informe sobre o preocupante incremento da privatización na Formación Profesional

O sindicato denuncia, ademais, que existe un incremento desmesurado da oferta a distancia e que o proceso de “dualización” se está a desenvolver con enormes dificultades nas comunidades autónomas.

A Federación de Ensino de CCOO presentou esta mañá un informe que ofrece unha panorámica da situación actual da Formación Profesional nas distintas comunidades autónomas, marcando as tendencias que máis preocupan ao sindicato: o avance dos centros privados, o aumento desmedido da oferta a distancia e os obstáculos que afronta a FP Dual na súa implantación.

A privatización da Formación Profesional vese claramente ao analizar a evolución do alumnado matriculado en centros privados de FP a distancia entre os cursos 2015-2016 e 2022-2023. En Grao Medio, o incremento de centros privados foi do 1.401,5 % fronte ao 132 % nos centros públicos; no mesmo período, o alumnado de Grao Superior a distancia aumentou un 1.605% na privada fronte a un 176 % na pública.

Por outra banda, a dubidosa viabilidade dunha FP totalmente Dual reflíctese na falta de empresas que poidan atender a demanda formativa e, sobre todo, na carencia de titoras e titores nas empresas. Pensando na calidade da formación que recibe o alumnado, é fundamental que exista unha capacitación equiparable entre o titor ou titora do centro educativo e o da empresa, máis aínda cando parte do currículo e dos “resultados de aprendizaxe” se adquiren e se avalían na propia empresa.

Para facer fronte a estas problemáticas, o sindicato propón actuacións como garantir unha oferta de prazas públicas axeitada, suficiente e de calidade; eliminar as trabas de acceso e matrícula nos ciclos formativos de Grao Medio e Superior; e aliñar a oferta coa demanda de emprego, sen perder de vista a perspectiva de xénero e o dereito a unha formación que non sempre debe ter como único obxectivo a empregabilidade.

No caso da FP Dual, resulta urxente incrementar os cadros de persoal necesarios para unha implantación en condicións axeitadas desta modalidade, sempre en consenso co profesorado, co fin de garantir o seguimento e a coordinación que require un desenvolvemento de calidade. E, por suposto, que as estadías nas administracións públicas sexan obxecto de negociación colectiva para evitar a substitución de postos de traballo e a sobrecarga laboral das persoas titoras.

En relación co profesorado, CCOO esixe que se garantan as horas necesarias para o persoal docente que desenvolva proxectos e titorías de prácticas formativas, que se dispoña de plans ben estruturados e dos recursos suficientes, así como doutras medidas de calado que se detallan no informe.