Entregamos 102 013 sinaturas dirixidas ao Ministerio de Educación e á Conferencia Sectorial para esixir o grupo A1 e a suba de nivel para todosos corpos docentes

O apoio que obtivo a iniciativa do sindicato debe ser un aliciente para que o Goberno poña en marcha as negociacións pertinentes.

Esta medida é de xustiza e debe aplicarse xa. Todo o profesorado ten labores de vital responsabilidade e importancia, e debe estar no subgrupo máis alto da función pública, tal e como marca o Estatuto Básico do Empregado Público. Tamén é prescritivo que aumente o recoñecemento de todo o persoal docente co incremento do nivel de complemento de destino de todos os corpos. 

A Federación de Ensino de CCOO rexistrou as sinaturas no Ministerio e asemade todas as súas organizacións territoriais rexistraron ambos os escritos ás súas conselleiras e conselleiros de Educación coa mesma reivindicación. O obxectivo é que a mellora teña todo o apoio na Conferencia Sectorial e, logo da negociación na Mesa Sectorial Docente no Ministerio de Educación, sexa de aplicación o antes posible.

Para CCOO, este é un primeiro paso máis ca necesario para avanzar no recoñecemento e nas condicións retributivas do profesorado, xunto coa redución do horario lectivo con carácter obrigatorio en todo o Estado. Medidas iniciais que deben continuar coa negociación tamén dun estatuto docente que mellore e homologue as condicións laborais do profesorado, que leva xa demasiado tempo pendente, e que resultan imprescindibles para que esta sexa, de vez, a lexislatura do profesorado.