O certo é que xa en 2023 o PAS da USC, tanto laboral como funcionario, percibimos nas nosas nóminas o 60% do importe do grao I e, dende xaneiro de 2024, estamos percibindo o 100%. Isto supón entre 1.063 e 2.775 € anuais, para cada membro do cadro de persoal con máis de cinco anos de antigüidade.
Aínda que se lle queiran poñer pegas, esta retribución é unha realidade que se ingresa todos os meses con cada unha das nosas nóminas. O recoñecemento do grao I da carreira horizontal foi así un fito moi importante na mellora das retribucións de toda a plantilla da USC, do que en CC.OO nos sentimos moi orgullosos.
O desenvolvemento dos restantes graos da carreira horizontal é tamén un obxectivo que logramos, neste tempo, que se inscribira nas Liñas Xerais e no Orzamento da USC para o ano 2024 e no Plan PETXAS para o período 2024-2025, converténdose así nun compromiso institucional da USC. Con eses antecedentes, a finais do mes de xuño conseguimos iniciar na Mesa xeral de PAS, despois de meses de insistencia, a negociación sobre os restantes graos.
Como primeiro resultado, no mes de xullo, chegamos a un Acordo coa xerencia para recoñecer todos os restantes graos da carreira, segundo a antigüidade e os requisitos formativos, e tamén sobre os importes retributivos correspondentes a cada grao, que serán os mesmos que na administración autonómica.
Unha vez acordado que se recoñecerán todos os graos e os seus importes retributivos, quedou para finais de setembro/outubro (unha vez coñecidas as previsións de peche de exercicio e de masa salarial) a negociación da aplicación da data de efectos económicos. E dicir, a negociación de cando se empezarán a percibir na nómina os novos importes retributivos e en que tanto por cento se avanzará anualmente, ata acadar o 100% dos complementos por carreira horizontal dos graos II, III e IV (do grao I xa estamos percibindo o 100% dende xaneiro de 2024).
Coa finalidade, pois, de non acumular novos retrasos e incumprimento nos compromisos, a sección sindical de CC.OO, unha vez cumpridos os prazos previstos, acordou solicitar da xerencia a convocatoria inmediata da Mesa Xeral de PAS para a negociación da parte económica e dos efectos retributivos do Acordo acadado o pasado mes de xullo sobre o recoñecemento dos restantes graos da carreira horizontal (II, III e IV) ao persoal da USC.
Para CC.OO é imprescindible que esta negociación se peche nas próximas semanas, e de forma ineludible antes da presentación dos orzamentos da USC para 2025.