CCOO reclama a aplicación do dereito do persoal laboral á xubilación parcial con contrato de remuda mediante acordos no marco da negociación colectiva

Tras a recuperación do dereito, agora toca aplicar a xubilación parcial de xeito efectivo nas universidades públicas

Como xa vos informamos, o Congreso dos Deputados convalidou o pasado 23 de xullo o Real decreto lei 19/2026, do 29 de xuño, de medidas urxentes en materia de xubilación parcial anticipada do persoal laboral das administracións públicas e de complemento de insularidade nas Illes Balears, publicado no BOE do martes 30 de xuño de 2026 e que entrou en vigor o pasado 1 de xullo. Deste xeito, o que era unha vixencia provisional ata a súa convalidación é agora unha norma de plena aplicación.

O novo marco da xubilación parcial

O RDL 19/2026 vén modificar e concretar o regulado no RDL 11/2024 (que, na práctica, supuxo a paralización na maioría das administracións públicas do acceso á xubilación parcial das persoas interesadas que cumprían os requisitos) e clarifica o procedemento que cómpre seguir para a contratación da persoa de remuda no ámbito do persoal laboral do sector público. A norma contempla unha dobre vía:

  1. Poderase recoñecer a xubilación parcial do persoal laboral fixo a tempo completo sempre que a Administración correspondente vincule a xubilación parcial de cada persoa traballadora a un contrato de persoal laboral fixo a tempo completo que fose previamente formalizado como resultado de convocatorias derivadas da RPT e dunha Oferta de Emprego Público (OEP). A cobertura das xubilacións parciais previstas debe reflectirse de forma expresa na OEP ordinaria.
    No caso de non ser posible aplicar a contratación do persoal laboral fixo de remuda como consecuencia da resolución da convocatoria pública vinculada á OEP:
    • Poderase contratar persoal laboral temporal de substitución a tempo completo, en calidade de persoal de remuda, para cubrir temporalmente un posto de traballo ata que remate o proceso de selección para a súa cobertura definitiva.
    • A devandita contratación deberá levarse a cabo de forma simultánea á xubilación parcial á que se vincule.
  2. Ata o 1 de abril de 2027, o recoñecemento da xubilación parcial do persoal laboral ao servizo das administracións públicas poderase vincular a un contrato de persoal laboral fixo a tempo completo que fose formalizado a partir do 1 de abril de 2024 como resultado de convocatorias derivadas de ofertas de emprego público ordinarias.

Agora toca aplicar a norma no marco da negociación colectiva

Esta nova regulación garante o que vimos defendendo en CCOO desde a entrada en vigor do RDL 11/2024, que veu modificar o sistema que se viña aplicando á xubilación parcial: que se garanta que a persoa que queira acceder á xubilación parcial con contrato de remuda poida facelo desde o momento en que cumpra os requisitos de idade, cotización e permanencia na empresa establecidos na normativa da Seguridade Social, sen maior impedimento que a súa vontade. Pero esta oportunidade non pode quedar nunha mera posibilidade teórica. Para que a xubilación parcial poida exercerse de xeito efectivo e homoxéneo nas universidades públicas, resulta necesario establecer, mediante negociación colectiva, un marco claro, estable, transparente e previamente coñecido polas persoas traballadoras. Só así se evitará que o acceso á xubilación parcial dependa de decisións discrecionais, de solucións improvisadas ou da situación concreta de cada universidade.

A negociación colectiva debe servir para:

  1. Integrar a xubilación parcial na planificación ordinaria dos cadros de persoal universitarios, facilitando unha saída progresiva e ordenada das persoas traballadoras que reúnen os requisitos para acceder á xubilación parcial no marco da planificación ordinaria dos cadros de persoal universitarios.
  2. E, simultaneamente, favorecer a incorporación de novo persoal laboral, converténdose nunha ferramenta de rexuvenecemento, renovación e planificación estratéxica dos cadros de persoal.

E para unha aplicación axeitada deste dereito, resulta imprescindible un acordo no marco da negociación colectiva que:

  • Proporcione seguridade xurídica tanto á universidade como ás persoas traballadoras.
  • Garanta a igualdade e a transparencia no proceso de aplicación. Só así se poderán evitar tratamentos diferentes ante situacións substancialmente iguais. Un acordo negociado permitiría establecer regras comúns e obxectivas para todas as persoas traballadoras incluídas no seu ámbito de aplicación, evitando que o acceso á xubilación parcial dependa de decisións individualizadas ou de criterios cambiantes. A existencia de criterios previamente negociados reforza os principios de igualdade, transparencia e seguridade xurídica e permite que as persoas traballadoras coñezan anticipadamente as condicións e o procedemento aplicable. Esta esixencia resulta particularmente relevante nas universidades públicas, onde a selección do persoal laboral debe respectar os principios de igualdade, mérito, capacidade, transparencia, publicidade e concorrencia.

A disposición transitoria única do RDL 19/2026 adquire unha importancia extraordinaria para as universidades, xa que permite, ata o 1 de abril de 2027, vincular a xubilación parcial a contratos de persoal laboral fixo a tempo completo formalizados desde o 1 de abril de 2024 como consecuencia de ofertas de emprego público ordinarias ou instrumentos similares. Este período transitorio debe ser aproveitado para que as universidades e as organizacións sindicais negocien e establezan un sistema estable de aplicación da xubilación parcial.

O RDL 19/2026 constitúe unha oportunidade para recuperar e consolidar a xubilación parcial con contrato de remuda nas universidades públicas. Porén, a existencia do marco legal non garante por si soa unha aplicación efectiva, homoxénea e planificada da xubilación parcial en cada universidade. É necesario trasladar ese marco á realidade concreta de cada institución mediante a negociación colectiva coa representación das persoas traballadoras. O acordo colectivo debe converterse así no instrumento que permita transformar unha posibilidade legal nunha verdadeira política de recursos humanos: transparente, obxectiva, planificada e accesible para as persoas traballadoras que cumpran os requisitos legais.

CCOO reclama a apertura inmediata deste marco de negociación colectiva que permita acadar acordos que garantan que a xubilación parcial con contrato de remuda sexa unha opción real e efectiva para o persoal laboral das universidades públicas, integrándoa na planificación ordinaria dos cadros de persoal e vinculándoa a unha política de renovación e rexuvenecemento responsable dos recursos humanos.

Un incumprimento que persiste: a xubilación parcial do persoal funcionario e estatutario

Desde CCOO entendemos que o problema da xubilación parcial está lonxe de resolverse totalmente. O Goberno central mantén un incumprimento manifesto ao non ter recuperado aínda a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario, tal e como se comprometeu no Acordo para unha Administración do século XXI. O Executivo, de xeito absolutamente inopinado, introduciu esta materia no Proxecto de lei de función pública da Administración do Estado, actualmente paralizado no Congreso dos Deputados.

Este movemento supuxo, na práctica, enterrar temporalmente un dereito comprometido, someténdoo aos ritmos e bloqueos parlamentarios e afastándoo da urxencia que require a súa aplicación, polo que instamos o Goberno e os grupos parlamentarios a que se desbloquee a Lei de función pública ou a que se leve a un novo real decreto lei que modifique o EBEP.

Non hai xustificación posible para seguir atrasando a aplicación dun dereito xa pactado e necesario para garantir condicións dignas de saída do emprego público e unha axeitada renovación dos cadros de persoal. CCOO lembra que os acordos asinados obrigan as partes e que o Goberno central ten a responsabilidade ineludible de eliminar todos os obstáculos políticos e administrativos que están a impedir que o persoal funcionario e estatutario poida acceder á xubilación parcial.

A aprobación do real decreto lei para o persoal laboral demostra que si é posible actuar cando existe vontade política. Por iso, CCOO esixe que esa mesma vontade se aplique de xeito inmediato ao conxunto do persoal ao servizo das administracións públicas.

Non caben máis escusas. Non caben máis atrasos. É o momento de cumprir. Por iso CCOO continuará defendendo, con firmeza e determinación, os dereitos de todas as empregadas e empregados públicos ata a súa plena recuperación.