O dereito á xubilación parcial das empregadas e os empregados públicos: máis cerca para o persoal laboral

Cada vez máis cerca a recuperación plena da xubilación parcial do persoal laboral nas universidades públicas

CCOO reclama unha solución que recoñeza o dereito para o persoal funcionario e que garanta a súa aplicación efectiva para todo o persoal, funcionario e laboral

Desde CCOO vimos reclamando o seguinte:

  1. Que a xubilación parcial das empregadas e empregados públicos se reflicta de maneira inmediata na normativa de aplicación en materia de seguridade social e clases pasivas, sen esperar á hipotética aprobación da lei de función pública.
  2. Que os termos en que se recoñeza este dereito non supoñan unha modificación do criterio xeral que aplica a seguridade social ao persoal laboral. A nova regulación non pode supoñer unha penalización para este persoal da Administración que, en moitos casos, vén accedendo a esta modalidade de xubilación desde hai décadas.
  3. Que o procedemento que se estableza para o persoal funcionario (ou para o conxunto de empregadas e empregados públicos, se for o caso) non supoña unha paralización na súa aplicación práctica como consecuencia da necesidade dun desenvolvemento regulamentario. O contrario podería supoñer unha paralización de facto da aplicación deste dereito ou, no mellor dos casos, un atraso nos tempos para que a persoa que o puider solicitar acceda á situación de xubilación parcial desde o momento en que cumpra os requisitos e teña interese.

O acordo para o persoal laboral podería reflectirse proximamente nun real decreto

O 1 de abril de 2025 entrou en vigor o Real decreto lei 11/2024, de 23 de decembro, para a mellora da compatibilidade da pensión de xubilación co traballo, que veu modificar a regulación da xubilación parcial para o colectivo laboral. Esta norma introduciu unha serie de modificacións (que se poden consultar no ANEXO).

O problema para o persoal laboral non veu tanto das modificacións introducidas no Estatuto dos Traballadores e a normativa da Seguridade Social, como dos criterios de aplicación para o persoal laboral da Administración que a Comisión de Coordinación de Emprego Público plasmou na resolución da Secretaría de Estado de Función Pública con data 21 de xullo de 2025. Nestes criterios de xestión establecíase:

  1. Que a persoa remudista tiña que ser contratada como persoal laboral fixo, e non con carácter temporal, como se viña facendo na maior parte das Administracións públicas, incluída boa parte das universidades.
  2. Que, polo tanto, a contratación tiña que vincularse a unha taxa de reposición específica, que debía finalmente reflectirse nunha oferta de emprego pública (OEP).

A aplicación destes criterios supuxo, na práctica, a paralización do acceso á xubilación parcial das persoas que cumprían os requisitos e querían acceder a esta modalidade de xubilación. E xa coñecemos os prazos asociados á aprobación e resolución final dunha oferta pública de emprego, que pode chegar a demorarse varios anos.

Desde o primeiro momento, desde CCOO demandamos a necesidade de axustar estes criterios á realidade do persoal da Administración e volver a recuperar a aplicación real deste dereito. Neste sentido, reclamaramos que, con independencia de que a cobertura final do posto ocupado pola persoa xubilada parcial se concrete mediante o procedemento que se determine (taxa de reposición específica e a súa oferta mediante unha OEP), debe garantirse que no momento en que a persoa traballadora cumpra os requisitos de idade e cotización, acceda á situación de xubilada parcial se así o solicita. E a solución pasa pola posibilidade de realizar unha contratación temporal ata o momento en que se resolva o proceso selectivo correspondente á OEP. Todo o que non sexa esta solución suporía baleirar de contido este dereito.

E este é o criterio que, inicialmente, foi asumido polos representantes dos diferentes ministerios presentes na mesa de negociación (Traballo e Economía Social, de Transformación Dixital e da Función Pública e o de Inclusión, Seguridade Social e Migracións). O texto consensuado inclúe a posibilidade de que, en caso de non poder contar cunha persoa remudista indefinida a tempo completo, poida realizarse unha contratación temporal de remuda mentres se resolve a OEP e se incorpora o persoal laboral fixo correspondente. E isto canda a xubilación parcial do persoal laboral temporal.

CCOO insistiu ata a saciedade en que a regulación debía adaptarse á realidade do sector público e permitir unha fórmula transitoria para a traballadora ou o traballador remudista ata a cobertura definitiva da praza. Finalmente, conseguiuse. Xa que logo, deuse un paso necesario pero non definitivo: este acordo deberá ser incluído nun próximo real decreto lei aprobado polo Consello de Ministros e o texto validado polo Congreso dos Deputados.

E que ocorre co recoñecemento deste dereito para o persoal funcionario?

CCOO defende que este real decreto lei debería incluír igualmente o recoñecemento e regulación deste dereito para o conxunto de empregadas e empregados públicos: laborais, funcionarios e estatuarios. Neste caso, a representación da Administración insiste en que o marco adecuado para a súa regulación é o Proxecto de Lei de Función Pública da Administración do Estado, que está en tramitación parlamentaria desde o 17 de xullo de 2024. Unha vez aprobado polo Congreso, se for o caso, pasaría ao Senado. Ao non ter a consideración de trámite de urxencia, o Senado ten un prazo de dous meses para a súa tramitación. En calquera caso, dada a actual distribución da representación parlamentaria, nada garante a aprobación desta norma se nalgún momento se somete a votación, polo que seguimos reclamando unha regulación independente e específica deste dereito.

Neste contexto, as empregadas e empregados públicos non podemos seguir esperando indefinidamente a aplicación efectiva do dereito á xubilación parcial. Non é unha concesión nin un regalo, esiximos que os acordos se cumpran.

ANEXO

Que é a xubilación parcial

A xubilación parcial é unha modalidade de xubilación iniciada despois do cumprimento da idade que normativamente se determine e que permite compaxinar a xubilación cun contrato de traballo a tempo parcial e vinculado ou non cun contrato de remuda concertado cun traballador ou traballadora en situación de desemprego ou que teña concertado coa empresa un contrato de duración determinada.

Coa xubilación parcial, a persoa traballadora cobra unha parte da súa pensión de xubilación ao tempo que percibe un soldo pola súa actividade profesional. Pero, a diferenza doutras modalidades de xubilación compatibles co traballo, debe solicitarse sen estar xubilado, mentres aínda se traballa na empresa. Outra particularidade da xubilación parcial é que a persoa traballadora non pode seguir contratada a xornada completa nesta nova etapa, senón que ha asinar coa empresa un contrato parcial. Por tanto, a redución de xornada é obrigatoria. A xubilación parcial pode ter dúas modalidades: con ou sen contrato de remuda.

O cuestionamento do dereito

O dereito á xubilación parcial con contrato de remuda, que legalmente está recoñecido para o persoal laboral, foi suprimido para o persoal funcionario no ano 2012 polo goberno do Partido Popular que, mediante o Real decreto lei 20/2012, polo que se levaron a cabo diferentes recortes no sector público, derrogou a normativa que posibilitaba que o persoal funcionario e estatutario puidese acollerse a esta modalidade de xubilación (artigo 67 letra d) da Lei 7/2007 do Estatuto Básico do Empregado Público).

O proceso de recoñecemento legal do dereito

No marco do Acordo para una Administración do século XXI, en decembro de 2024 CCOO, UGT e o Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública asinaron un acordo que devolve ao persoal funcionario —incluído o pertencente ao réxime de clases pasivas— e estatutario o dereito á xubilación parcial, un avance que equipara estes colectivos co resto dos traballadores e traballadoras en España, que xa gozaban deste dereito. O acordo non supoñía o recoñecemento automático do dereito, senón que correspondía ao Goberno impulsar, con axilidade, as modificacións normativas necesarias para que o acordo se faga realidade. As leis que teñen que cambiar son:

  • o Estatuto Básico do Empregado Público (TREBEP), engadindo unha disposición específica sobre xubilación parcial,
  • a Lei xeral da Seguridade Social, que regulará a idade, cotización e redución de xornada,
  • a Lei de clases pasivas, que tamén require axustes para incluír esta modalidade de xubilación.

A xubilación parcial como ferramenta para a renovación ordenada dos cadros de persoal

A regulación efectiva da xubilación parcial non só supón o recoñecemento dun dereito longamente reivindicado polas traballadoras e os traballadores, senón que constitúe ademais unha ferramenta imprescindible para garantir unha renovación ordenada e sostible dos cadros de persoal nas Administracións públicas e, en particular, nas universidades. A posibilidade de que o persoal de maior idade acceda á xubilación parcial facilita unha transición progresiva do coñecemento e a experiencia acumulada, evita a perda brusca de capital profesional e permite que as novas incorporacións se integren de forma gradual nos equipos de traballo.

Así mesmo, a xubilación parcial contribúe a mellorar a planificación de recursos humanos, favorece a redución da temporalidade e permite anticipar necesidades de reposición con maior precisión. Nun contexto de envellecemento xeneralizado dos cadros de persoal universitarios, esta medida convértese nun instrumento clave para garantir a continuidade do servizo público, impulsar a incorporación de novas xeracións e avanzar cara a modelos organizativos máis equilibrados e eficientes.

Xubilación parcial con contrato de remuda a partir do 1 de abril de 2025 para o persoal laboral

Desde o día 1 abril de 2025, parte dos requisitos e condicións da xubilación parcial modifícanse no seguinte sentido:

ConceptosAta o 31.3.2025Desde o 1.4.2025
Idade mínima para solicitar a xubilación parcialTer 62 anos e 8 meses e ter 36 anos e 3 meses ou máis cotizados. Se non se cumpre o criterio anterior, poderase acceder á xubilación parcial sempre que se teñan, polo menos, 33 anos cotizados. Neste caso, a idade non pode ser inferior aos 64 anos e 4 meses.Ter 62 anos e 33 anos cotizados.
Período que se pode anticipar a xubilación ordinariaDous anosAta tres anos.
Porcentaxe de redución da xornada de traballo referida á xornada dunha persoa traballadora a tempo completo comparableEstará comprendida entre o 25 e un máximo do 50%. No caso de que o contrato da persoa remudista sexa indefinido, a tempo completo e cunha duración igual ao resultado de sumar dous anos ao tempo que lle falte ao traballador/a substituído/a para alcanzar a idade ordinaria de xubilación, poderase chegar ao 75%.Entre o 25 e o 75% nos dous anos anteriores respecto da idade ordinaria de xubilación. Nos supostos de anticipación do acceso á xubilación parcial en máis de dous anos respecto da idade ordinaria de xubilación, a redución de xornada de traballo durante o primeiro ano fixarase entre un 20 e un 33 %. Nestes casos, a partir do segundo ano as partes poderán alterar a redución da xornada dentro das marxes establecidas no parágrafo anterior. Isto significa, por exemplo, que, se se acorda en negociación colectiva a redución máxima nesta modalidade de xubilación parcial ordinaria ou xeral, sería dun 33 % o primeiro ano e 75 % nos dous seguintes.
Concentración da xornadaSó se permite a concentración da xornada anual por acordo de negociación colectiva.Permitirase a acumulación do tempo de traballo en períodos de días na semana, semanas no mes, meses no ano ou outros períodos, consonte o disposto en pacto individual ou, se for o caso, na negociación colectiva, sen que en ningún ámbito se poida limitar ou impedir o seu uso.
Tipo e duración do contrato do remudistaRedución de entre o 25 e o 50 %: temporal e a tempo parcial. Redución do 75 %: a tempo completo e indefinido. O contrato deberá alcanzar polo menos unha duración igual ao resultado de sumar dous anos ao tempo que lle falte ao/á traballador/a substituído/a para alcanzar a idade ordinaria de xubilación.Indefinido e a tempo completo e deberá alcanzar polo menos unha duración igual ao resultado de sumar dous anos ao tempo que lle falte ao/á traballador/a substituído/a para alcanzar a idade ordinaria de xubilación.
Cotización mínima33 anos, sen que poida terse en conta a parte proporcional de pagas extras. No caso de persoas con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %, requiriranse 25 anos de cotización. Para os únicos efectos de determinar o período de cotización, só se computará o período de prestación do servizo militar obrigatorio ou da prestación social substitutoria, ou do servizo social feminino obrigatorio, co límite máximo dun ano.
Antigüidade na empresa da persoa que solicita a xubilación parcialPolo menos seis anos inmediatamente anteriores á data da xubilación parcial.
Correspondencia entre as bases de cotización do/a remudado/a e o/a remudistaDebe darse unha correspondencia entre as bases de cotización do/da traballador/a remudista e do xubilado/a parcial, de modo que a correspondente ao traballador/a remudista non poderá ser inferior ao 65 % da media das bases de cotización correspondentes aos seis últimos meses do período de base reguladora da pensión de xubilación parcial.
Cotización durante a xubilación parcialDurante o período de gozo da xubilación parcial, a empresa e a persoa traballadora cotizarán pola base de cotización que, se for o caso, correspondería de seguir traballando esta a xornada completa. Desde 2023, a porcentaxe que se aplica sobre a base da cotización é o 100 %.
Modelo de contratoRemudista: 540 (xubilación parcial). Xubilado/a parcial: 100 (remuda indefinida a tempo completo).
Requisitos da persoa remudistaO contrato de remuda concertarase cunha persoa traballadora en situación de desemprego ou que tivese concertado coa empresa un contrato de duración determinada. Tamén poderá concertarse un contrato fixo-descontinuo nos termos que se establezan regulamentariamente.

Características específicas dos contratos

Peculiaridades do contrato a tempo parcial da persoa traballadora que se xubila

  • Formalizarase por escrito e no modelo oficial.
  • Deberán figurar nel os elementos propios do contrato a tempo parcial, así como a xornada que a persoa traballadora realizaba antes e a que resulte como consecuencia da redución da súa xornada de traballo.
  • A concertación do contrato non suporá a perda dos dereitos adquiridos e da antigüidade que correspondan á persoa traballadora.

Peculiaridades do contrato de remuda

  • Concertarase cunha persoa traballadora en situación de desemprego ou que tivese concertado coa empresa un contrato de duración determinada.
  • Formalizarase por escrito no modelo oficial e nel deberá constar necesariamente o nome, idade e circunstancias profesionais da persoa traballadora substituída, así como as características do posto de traballo que vaia desempeñar a persoa remudista.
  • O posto de traballo do traballador/a remudista poderá ser ou non o mesmo da persoa traballadora substituída. En todo caso, deberá existir unha correspondencia entre as bases de cotización de ambas.
  • O horario de traballo do/da traballador/a remudista poderá completar o da persoa traballadora substituída ou compatibilizarse con ela.

Extinción do contrato de remuda antes de que a persoa xubilada parcial acceda á xubilación plena

No suposto de que o contrato de remuda se extinga antes de que a persoa xubilada parcialmente acceda á xubilación plena en calquera das súas modalidades, a empresa (a universidade) estará obrigada a concertar un novo contrato nos mesmos termos do extinguido. En caso de incumprimento por parte da empresa das condicións establecidas neste artigo en materia de contrato de remuda, será responsable do reintegro da pensión que percibira a persoa pensionista a tempo parcial.

Solicitude

  • A pensión de xubilación contributiva terá efecto na data indicada para tal efecto pola persoa interesada ao presentar a solicitude, sempre que entón reúna todos os requisitos.
  • A data do feito causante debe estar comprendida dentro dos tres meses anteriores ou posteriores ao día de presentación da solicitude ou coincidir con este. 

Contía

A contía da pensión é o resultado de aplicar a porcentaxe de redución de xornada ao importe da pensión que lle correspondería, de acordo cos anos de cotización que acredite a persoa traballadora na data do feito causante, calculada de conformidade coas normas xerais do réxime da Seguridade Social de que se trate, pero sen a aplicación do coeficiente adicional que corresponda.

O importe da pensión así calculada non poderá ser inferior, en ningún caso, á contía que resulte de aplicar esa mesma porcentaxe ao importe da pensión mínima vixente en cada momento para as persoas xubiladas maiores de 65 anos, de acordo coas circunstancias familiares destas.

As pensións de xubilación parcial serán obxecto de revalorizaciónnos mesmos termos que as demais pensións de modalidade contributiva.

Base reguladora: é o cociente que resulta de dividir por 350 a suma das bases de cotización do traballador/a durante os 300 meses (25 anos) inmediatamente anteriores ao mes previo a aquel en que se produza o feito causante (cesamento no traballo). As bases dos últimos 24 meses téñense en conta no seu valor nominal e as anteriores actualízanse de acordo coa evolución que experimentase o índice de prezos ao consumo (IPC).
Porcentaxe: a porcentaxe depende dos anos cotizados (inclúense os beneficios por coidado de fillos/as), desde un 50 % con 15 anos de cotización ata un 100 % con 36 anos e 6 meses cotizados. Tómanse anos e meses completos, sen que se equiparen a un ano ou a un mes as fraccións destes (ver cadro de porcentaxes ao final). Ao resultado de aplicar a porcentaxe por anos de cotización á base reguladora, aplícase a porcentaxe de redución de xornada experimentada (100 menos % xornada traballada), obténdose a contía da xubilación parcial.
Complemento por maternidade (para xubilacións causadas ata o 3/2/2021): non é aplicable á xubilación parcial. Non obstante, o dito complemento poderá ser aplicado cando se acceda á xubilación plena, sempre que non se trate dunha xubilación anticipada voluntaria.
Complemento para reducir a fenda de xénero (para xubilacións causadas a partir do 4/2/2021): non é aplicable á xubilación parcial. Non obstante, o dito complemento poderá ser aplicado cando se acceda á xubilación plena.

Efectos económicos

  • O día seguinte ao do feito causante (día en que se cumpre a idade necesaria para acceder á xubilación), sempre que nesa data entrase en vigor o correspondente contrato a tempo parcial e, se for necesario, o de remuda, se a solicitude se presenta dentro dos tres meses anteriores ou posteriores ao cesamento no traballo que viña realizándose e que é obxecto da correspondente redución de xornada.
  • Se a solicitude se presenta transcorridos máis de tres meses desde o cesamento no traballo que viña realizándose, e que é obxecto da correspondente redución de xornada ou desde a data en que produza efectos a nova redución de xornada, os efectos terán unha retroactividade máxima de tres meses contados desde a data de presentación de solicitude.

Outros efectos

  • O xubilado ou xubilada parcial terá a condición de pensionista para os efectos do recoñecemento e percepción de prestacións sanitarias, tanto médicas como farmacéuticas, así como das prestacións de servizos sociais.
  • A persoa traballadora acollida á xubilación parcial poderá solicitar a pensión de xubilación ordinaria ou anticipada en calquera das modalidades legalmente previstas e de acordo coas normas do réxime de Seguridade Social de que se trate.
  • A percepción da pensión de xubilación parcial será compatible co posto de traballo a tempo parcial resultante da redución de xornada.

Incompatibilidades

A pensión de xubilación parcial será incompatible:

  • co desempeño dun posto de traballo a tempo completo;
  • co incremento da xornada a tempo parcial na empresa en que se xubilou parcialmente ou da xornada a tempo parcial, noutras empresas, anteriores á situación de xubilación parcial que era inicialmente compatible coa pensión (a pensión queda en suspenso);
  • coas pensións de incapacidade permanente absoluta e grande incapacidade, ou de xubilación; o recoñecemento dalgunha destas pensións produce a extinción da xubilación parcial;
  • coa pensión de incapacidade permanente total para o traballo que se preste en virtude do contrato que deu lugar á xubilación parcial; o recoñecemento desta pensión produce a extinción da xubilación parcial;
  • coa pensión de xubilación que puider corresponder por outra actividade distinta da realizada no contrato a tempo parcial.

Xestión e solicitudes

  • A solicitude de xubilación parcial presentarase ante o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), indicando a data prevista en que vaia producirse o cesamento no traballo ou, se for o caso, a data da nova redución de xornada.
  • A solicitude poderá presentarse cunha antelación máxima de tres meses ás datas indicadas no parágrafo anterior.
  • Antes de elaborar a proposta de resolución, o INSS informará o solicitante de se reúne as condicións xerais esixidas para ter dereito á pensión e, se for o caso, da contía que puider corresponderlle para que, nun prazo máximo de 10 días, formule alegacións e presente os documentos que estime pertinentes.
  • O recoñecemento do dereito quedará condicionado á formalización do correspondente contrato de traballo a tempo parcial e, de ser necesario, o de remuda ou, se é o caso, á modificación destes nos supostos de nova redución de xornada.
A Sala do Social do Tribunal Supremo confirmou a súa doutrina acerca de que as persoas traballadoras xubiladas parcialmente mediante contrato de remuda teñen dereito a que se lles compute o 100 % da cotización ao pasar a xubilación completa e non só a que se lles teña en conta a porcentaxe parcial efectivamente traballada. Isto significa que, se unha persoa traballadora se xubila de forma parcial con concertación simultánea de contrato de remuda, na base reguladora da pensión de xubilación deben computarse as cotizacións do período de traballo a tempo parcial ao 100 %, é dicir, coma se durante ese período se traballase a xornada completa. No suposto agora resolto polo Tribunal Supremo, a persoa interesada solicitou que se lle elevaran as cotizacións ao 100 %, fronte ao criterio de dúas decisións previas emitidas por un xuíz do social e por un tribunal superior de xustiza que avogaban por computar as cotizacións realmente efectuadas sen incremento ningún. O Supremo unifica doutrina establecendo que, nestes casos, as cotizacións correspondentes ao período de traballo a tempo parcial han incrementarse ata o 100 % da contía que correspondería de ter realizada na empresa a mesma porcentaxe de xornada desenvolvida antes de pasar á situación de xubilación parcial, é dicir, coma se traballase a xornada completa.

Documentación para solicitar a prestación

  • Modelo de solicitude da prestación, que pode obter nos Centros de Atención e Información (CAISS) ou a través de Internet (www.seg-social.es). Se vai solicitar a prestación persoalmente nun CAISS, estes modelos non son necesarios. Deben achegarse os datos para a domiciliación bancaria (código IBAN).
  • Documento nacional de identidade, orixinal e en vigor. En caso de non ter nacionalidade española: pasaporte ou documento de identidade vixente no seu país e NIE (número de identificación de estranxeiro).
  • Certificación de empresa para a xubilación parcial.
  • Se é muller, libro de familia para verificar a existencia de fillos/as.
  • Tamén debe achegar o libro de familia ou documento de adopción ou acollemento, con independencia de ser muller ou home, nos casos en que desexe que se lle apliquen os beneficios por coidado de fillos/as.

Extinción

A pensión de xubilación parcial extínguese por:

  • falecemento da persoa pensionista;
  • recoñecemento da xubilación ordinaria ou anticipada en virtude de calquera das modalidades legalmente previstas;
  • recoñecemento dunha pensión de incapacidade permanente declarada incompatible.