O Congreso convalida o Real Decreto-Lei 19/2026 que permite a recuperación real do dereito á xubilación parcial con contrato de remuda do persoal laboral desde o 1 de xullo

CCOO esíxelle ao Goberno que cumpra os seus compromisos respecto da xubilación parcial co resto do persoal público e estenda este dereito ao persoal funcionario e estatutario

O Congreso dos Deputados convalidou o Real Decreto-Lei 19/2026 de medidas urxentes en materia de xubilación parcial anticipada do persoal laboral das Administracións Públicas, que soluciona con carácter permanente esta modalidade de retiro e que aprobou o Consello de Ministros o pasado 29 de xuño. A norma foi aprobada con 167 votos a favor, 37 en contra (Vox e Podemos) e 144 abstencións (PP).

Como xa vos informamos, no BOE do xoves 30 de xuño de 2026 publicouse o Real Decreto-lei 19/2026, do 29 de xuño, de medidas urxentes en materia de xubilación parcial anticipada do persoal laboral das Administracións Públicas e de complemento de insularidade nas Illes Balears, que, finalmente, permite dar solución á xubilación parcial do persoal laboral nas Administracións Públicas e cumprir o acordo acadado por CCOO e UGT co Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Aínda que este RDL estaba vixente desde o 1 de xullo, a súa continuidade estaba condicionada á aprobación no Congreso. Tras a votación de onte, o RDL está plenamente vixente.

A nova norma permítelle ao persoal laboral que non acadase a idade ordinaria de xubilación acceder a esta forma de xubilación parcial, sempre que, con carácter simultáneo, se formalice un contrato de remuda e cando se cumpran os requisitos legalmente establecidos de idade, permanencia na empresa e cotización. A redución da súa xornada de traballo será entre o 25 % e o 75 %, sendo de entre o 20 % e o 33 % se se anticipa en máis de dous anos. Deste xeito, o persoal laboral poderá reducir a xornada laboral recibindo a parte proporcional do salario polo tempo de traballo que siga desempeñando e polo resto recibirá proporcionalmente a pensión.

En principio, debe cumprirse a condición de concertar un contrato de remuda indefinido e a tempo completo na Administración, tendo en conta que o acceso ao emprego público debe cumprir os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade e que, polo xeral, as ofertas de emprego público se realizan unha vez ao ano. No caso de non ser posible simultanear a xubilación parcial anticipada coa contratación do relevista fixo, acudirase ao persoal laboral temporal de substitución. Esta contratación temporal de substitución a tempo completo rematará cando se formalice o contrato fixo ou ao termo do segundo ano posterior á extinción da xubilación parcial.

Esta nova regulación vén garantir o que viñemos defendendo en CCOO desde a entrada en vigor do RDL 11/2024, que modificou o sistema que se viña aplicando á xubilación parcial. Isto é, a garantía de que a persoa que queira acceder á xubilación parcial con contrato de remuda poida facelo desde o momento en que cumpra os requisitos de idade, cotización e permanencia na empresa establecidos na normativa da Seguridade Social, sen máis impedimento ca a súa vontade. Conséguese así unha reivindicación insistente de CCOO que reverte o prexuízo provocado polo Executivo central cando non contemplou, e deixou fóra, o persoal laboral coa publicación do RDL 11/2024, do 23 de decembro, para a mellora da compatibilidade da pensión de xubilación co traballo.

De feito, este Real Decreto-Lei é froito de meses de mobilizacións e negociación levadas a cabo polo sindicato e permitirá recuperar este dereito a milleiros de empregadas e empregados públicos laborais que, malia ter recoñecido o dereito á xubilación parcial, se viron impedidos na práctica de exercelo.

Grazas a esta acción sostida, conseguiuse reverter parcialmente o problema, materializándose agora na aprobación deste Real Decreto-Lei, incorporando fórmulas viables como a cobertura do contrato de remuda mediante persoal temporal ou interino. Este avance demostra, unha vez máis, que a defensa firme dos dereitos laborais dá resultados.

Un incumprimento que persiste: xubilacion parcial do persoal funcionario e estatutario

Porén, CCOO insiste en que o problema está lonxe de resolverse totalmente. O Goberno central mantén un incumprimento manifesto ao non ter recuperado aínda a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario, tal e como se comprometeu no Acordo para unha Administración do Século XXI.

O Executivo, de xeito absolutamente inopinado, introduciu esta materia no Proxecto de Lei de Función Pública da Administración do Estado, actualmente paralizado no Congreso dos Deputados.

Este movemento supuxo, na práctica, enterrar temporalmente un dereito comprometido, someténdoo aos ritmos e bloqueos parlamentarios e afastándoo da urxencia que require a súa aplicación, polo que instamos ao Goberno e aos grupos parlamentarios a que se desbloquee a Lei de Función Pública ou que se leve a un novo Real Decreto-Lei.

Xa que logo, a solución debe pasar pola modificación do EBEP mediante a fórmula do RDL e a apertura inmediata dun proceso de negociación para a concreción deste dereito. Non hai xustificación posible para seguir atrasando a aplicación dun dereito xa pactado e necesario para garantir condicións dignas de saída do emprego público e unha axeitada renovación de cadros de persoal. CCOO lembra que os acordos asinados obrigan as partes, e que o Goberno central ten a responsabilidade ineludible de remover todos os obstáculos políticos e administrativos que están a impedir que o persoal funcionario e estatutario poida acceder á xubilación parcial.

A aprobación do Real Decreto-Lei para o persoal laboral demostra que si é posible actuar cando existe vontade política. Por iso, CCOO esixe que esa mesma vontade se aplique de maneira inmediata ao conxunto do persoal ao servizo das Administracións Públicas.

Non caben máis escusas. Non caben máis atrasos. É o momento de cumprir. Por iso CCOO continuará defendendo, con firmeza e determinación, os dereitos de todas as empregadas e empregados públicos ata a súa plena recuperación.