CCOO solicita a mediación do SIMA e adíase a reunión do 27 de xullo da mesa do XVI convenio de discapacidade

Ante a situación anómala de representatividade na Mesa Negociadora do convenio de discapacidade tras a inclusión de FSIE, CCOO presentou unha solicitude de mediación na Fundación SIMA para clarificar a situación.

O pasado 13 de maio iniciáronse as negociacións, coa representatividade maioritaria no convenio colectivo de CCOO, para a revisión das táboas salariais dos centros de educación especial para o ano 2025. Lembramos que nesta negociación CCOO presentou unha proposta con subas salariais axustadas por riba do SMI.

Así mesmo, convocouse tamén para a aplicación da Disposición Transitoria Sexta e para a actualización do complemento por solapamento retributivo.

Na reunión do pasado 6 de xullo, o sindicato FSIE presentouse apelando a ter a representatividade necesaria para estar na mesa negociadora, que xa estaba constituída. Esta situación supón un feito sen precedentes na negociación no ámbito educativo.

A situación vén agravada pola pretensión de UGT e FSIE de chegar a acordos en alianza, e cuxa primeira consecuencia directa sería unha nefasta actualización dos salarios á baixa, causando un claro prexuízo para as persoas traballadoras do sector.

CCOO deixou constancia reiteradamente desta situación incidindo na necesidade de clarificar a representatividade antes de continuar coa negociación. Ante a imposibilidade dunha aclaración previa antes de continuar coas negociacións, vímonos obrigados a solicitar unha mediación á Fundación SIMA.

Agardamos que con esta reunión de mediación se poida clarificar a situación con acordo, recoñecendo a maioría que ostenta CCOO na Mesa Negociadora e revertendo a entrada do sindicato FSIE, ao non contar con lexitimidade inicial para formar parte dunha Mesa Negociadora xa constituída.

En caso contrario, veriámonos na necesidade de ter que xudicializar a situación a través dunha impugnación que, ademais, afectaría aos posibles acordos acadados.

Desde CCOO seguiremos defendendo, con firmeza e sen descanso, unhas condicións laborais e salariais dignas para as persoas traballadoras do sector. A falta dunha remuneración salarial axeitada non só prexudica a quen desempeña o seu labor nos centros de educación especial, senón que está a converter o sector nun ámbito cada vez menos atractivo para a incorporación e permanencia dos e das profesionais, agravando a dificultade para cubrir os postos de traballo.

CCOO denuncia con rotundidade que a negativa a actualizar os salarios de forma xusta e acorde coa realidade económica está a acelerar a precarización do sector de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade. Esta situación está a provocar unha preocupante fuga de profesionais cara a outros ámbitos con mellores condicións laborais e retributivas, poñendo en risco a estabilidade dos cadros de persoal e, en consecuencia, a calidade da atención que poden ofrecer ás persoas usuarias.

Desde CCOO non cesaremos na loita e defensa das persoas traballadoras do sector de Centros e Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade.