O bloqueo da Conferencia Xeral de Política Universitaria atrasa o financiamento do Programa María Goyri para as universidades públicas

CCOO esixe o desbloqueo inmediato do financiamento do Programa María Goyri.

Este mércores, 29 de xullo, estaba prevista a reunión do Pleno da Conferencia Xeral de Política Universitaria, na que se ía tratar un asunto de grande importancia: o financiamento do Programa María Goyri para a incorporación de Profesorado Axudante Doutor (PAD) ás universidades públicas. Porén, esta reunión non puido celebrarse ao non acadarse o quórum necesario para a súa válida constitución.

Esta falta de quórum non se debeu a un problema técnico, senón a unha decisión política: todas as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular decidiron non acudir á reunión, alegando estar centradas na crise dos incendios ou por solidariedade coas que o están.

Segundo a información facilitada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o acordo que debía ratificarse xa fora aprobado por unanimidade na Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria e o Pleno tiña como obxectivo iniciar o procedemento administrativo imprescindible para transferir os fondos ás comunidades autónomas, que posteriormente deben facelos chegar ás universidades públicas.

Para CCOO, este desplante non ten xustificación, xa que a reunión era breve —basicamente para ratificar o acordo—, non afectaba os conselleiros e conselleiras implicados na resposta á crise, era telemática e, mesmo, os conselleiros poden delegar noutro alto cargo do seu departamento para acudir ás reunións. Polo tanto, máis que unha dificultade real, parece un novo ataque ao Goberno e á universidade pública por parte destas comunidades autónomas, que parecen incapaces de asumir as súas competencias e de xestionar adecuadamente o servizo público universitario.

O Programa María Goyri constitúe unha das poucas medidas de apoio ao sistema universitario público dos últimos anos e ten como obxectivo financiar contratos de profesorado axudante doutor, contribuíndo á remuda xeracional, ao reforzo dos cadros de persoal universitarios e ao cumprimento dos obxectivos previstos na Lei orgánica do sistema universitario (LOSU).

Desde CCOO manifestamos a nosa preocupación porque calquera demora no inicio do procedemento administrativo reduce a marxe dispoñible para que os recursos cheguen ás universidades nos prazos previstos, o que pode afectar á contratación do profesorado e á planificación do próximo curso académico.

Ao mesmo tempo, consideramos que unha actuación desta transcendencia esixía o máximo compromiso institucional por parte de todas as administracións implicadas. Ao tratarse dun financiamento esencial para as universidades públicas e para miles de persoas traballadoras, a celebración do Pleno e a aprobación da repartición dos fondos deberían terse garantido con tempo e con independencia da data fixada para a súa convocatoria.

As universidades públicas necesitan estabilidade, planificación e un financiamento suficiente para desenvolver as súas políticas de persoal. As discrepancias institucionais non poden traducirse en atrasos que prexudiquen as universidades, o profesorado ou o estudantado.

Por todo isto, CCOO esixe que a Conferencia Xeral de Política Universitaria sexa convocada novamente coa maior urxencia posible para aprobar a distribución destes fondos e garantir que as universidades públicas reciban canto antes os recursos necesarios para reforzar os seus cadros de persoal, ademais do resto de medidas que afectan ao financiamento público das universidades e ás condicións das súas persoas traballadoras, co obxectivo de continuar avanzando no desenvolvemento do establecido na LOSU.

CCOO reclama responsabilidade institucional para garantir o financiamento das universidades públicas.