Hoxe, 30 de xullo, CCOO Ensino asinamos o novo Convenio Colectivo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, culminando un proceso de negociación no que participamos de maneira activa e propositiva.
CCOO é o sindicato con maior representatividade no sector, unha responsabilidade que asumimos coa vontade de defender os intereses das persoas traballadoras mediante un traballo serio, constante e rigoroso. Ao longo de toda a negociación mantivemos unha actitude dialogante e construtiva, sempre coa vontade de acadar un acordo que permitise mellorar as condicións laborais de todo o persoal.

Desde a primeira mesa de negociación, CCOO presentou unha plataforma reivindicativa completa, que serviu de base para defender as nosas propostas durante todo o proceso negociador. O texto finalmente acordado incorpora unha parte moi importante desas reivindicacións, entre as que destacan as seguintes melloras:
Salario
- Incremento salarial do 12 % en tres anos, distribuído en tres subas do 4 % anual.
Complementos e pluses
Todos eles terán carácter non absorbible nin compensable.
- Plus de perigosidade, penosidade e toxicidade: incorporación dunha disposición adicional para definir e cuantificar estes pluses no prazo dun ano.
- Plus de coordinación: nova redacción, máis garantista para as persoas traballadoras, e incremento de 60 a 100 €.
- Plus de asistencia: as situacións de incapacidade temporal deixan de penalizar a súa percepción e introdúcese un cálculo proporcional. Incremento de 60 a 70 €.
- Plus de distancia: de 60 a 70 €.
- Traballo en domingos e festivos: incremento de 40 a 60 € e recoñecemento dun día de descanso.
- Nocturnidade: 35 % sobre o valor da hora ordinaria.
- Plus de idiomas: 20 % do salario base.
- Plus de dispoñibilidade: de 40 a 70 €.
- Plus por prolongación de xornada: de 40 a 70 €.
- Creación do plus de teletraballo, dotado con 20 €.
- Mellora da prima por accidente.
Paga de beneficios
- Nova redacción máis garantista para as persoas traballadoras, incorporando unha fórmula de cálculo que mellora substancialmente o seu reparto.
Paga de vinculación
- Redución de 21 a 18 anos do período necesario para percibila.
Vacacións
- Incremento de 32 a 33 días naturais.
Permisos
- Adaptación á lexislación vixente.
- Recoñecemento de 10 días por falecemento de familiar.
Asuntos propios
- Nova regulación con maiores garantías para as persoas traballadoras.
Preaviso por cesamento
- Redución do prazo de 15 a 7 días.
Dereitos LGTBIQA+
- Incorporación de propostas defendidas en solitario por CCOO, entre elas a actualización da nomenclatura (LGTBIQA+) e a inclusión expresa das persoas trans e non binarias, garantindo o dereito ao uso do nome sentido en comunicacións internas, o respecto aos pronomes escollidos, o acceso a vestiarios, baños e uniformidade conforme á identidade de xénero e a prohibición expresa de comentarios, bromas ou cuestionamentos sobre transicións ou corporalidades.
A sinatura deste convenio supón un avance nas condicións laborais do persoal dos Centros Especiais de Emprego de Galicia e pon de manifesto a importancia da negociación colectiva. Desde CCOO Ensino seguiremos traballando coa mesma responsabilidade e compromiso para continuar mellorando os dereitos das persoas traballadoras do sector.

