A Área Pública de CCOO valora este paso como o resultado dunha intensa loita sindical fronte a unha situación inxusta e de parálise, e lémbralle ao Goberno o seu incumprimento manifesto ao non ter recuperado aínda a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario.
A Área Pública de CCOO aplaude a convalidación acadada onte no Congreso dos Deputados do Real Decreto-Lei aprobado o pasado 29 de xuño polo Consello de Ministros e que permitirá dar solución á xubilación parcial do persoal laboral nas Administracións Públicas.
Conséguese así unha reivindicación insistente de CCOO que reverte o prexuízo provocado polo Executivo central cando non contemplou, e deixou fóra, o persoal laboral coa publicación do RDL 11/2024, do 23 de decembro, para a mellora da compatibilidade da pensión de xubilación co traballo.
De feito, este Real Decreto-Lei é froito de meses de mobilizacións e negociación levadas a cabo polo sindicato e permitirá recuperar este dereito a milleiros de empregadas e empregados públicos laborais que, malia ter recoñecido o dereito á xubilación parcial, se viron impedidos na práctica de exercelo.
Grazas a esta acción sostida, conseguiuse reverter parcialmente o problema, materializándose agora na aprobación deste Real Decreto-Lei, incorporando fórmulas viables como a cobertura do contrato de remuda mediante persoal temporal ou interino.
Este avance demostra, unha vez máis, que a defensa firme dos dereitos laborais dá resultados.
Un incumprimento que persiste: xubilación parcial do persoal funcionario e estatutario
Porén, CCOO insiste en que o problema está lonxe de resolverse totalmente. O Goberno central mantén un incumprimento manifesto ao non ter recuperado aínda a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario, tal e como se comprometeu no Acordo para unha Administración do Século XXI.
O Executivo, de xeito absolutamente inopinado, introduciu esta materia no Proxecto de Lei de Función Pública da Administración do Estado, actualmente paralizado no Congreso dos Deputados.
Este movemento supuxo, na práctica, enterrar temporalmente un dereito comprometido, someténdoo aos ritmos e bloqueos parlamentarios e afastándoo da urxencia que require a súa aplicación, polo que instamos ao Goberno e aos grupos parlamentarios a que se desbloquee a Lei de Función Pública ou que se leve a un novo Real Decreto-Lei.
Os acordos están para cumprirse
CCOO lembra que os acordos asinados obrigan as partes, e que o Goberno central ten a responsabilidade ineludible de remover todos os obstáculos políticos e administrativos que están a impedir que o persoal funcionario e estatutario poida acceder á xubilación parcial.
“O sindicato é claro: se a única vía eficaz para cumprir este compromiso é a aprobación mediante real decreto-lei, debe facerse de xeito inmediato. Non hai xustificación posible para seguir atrasando a aplicación dun dereito xa pactado e necesario para garantir condicións dignas de saída do emprego público e unha axeitada renovación de cadros de persoal”.
CCOO advirte de que non tolerará este incumprimento e de que non permanecerá impasible ante unha nova dilación. A organización sindical xa planifica accións de presión, tanto no ámbito institucional como na mobilización do conxunto das traballadoras e traballadores públicos, para obrigar o Goberno a cumprir os seus compromisos.
A aprobación e a convalidación do Real Decreto-Lei para o persoal laboral demostra que si é posible actuar cando existe vontade política. Por iso, CCOO esixe que esa mesma vontade se aplique de maneira inmediata ao conxunto do persoal ao servizo das Administracións Públicas.
“Non caben máis escusas. Non caben máis atrasos. É o momento de cumprir. Por iso CCOO continuará defendendo, con firmeza e determinación, os dereitos de todas as empregadas e empregados públicos ata a súa plena recuperación”. A organización subliña que a paciencia do persoal público ten un límite, e que non se poden seguir utilizando os seus dereitos como moeda de troco nin mantelos bloqueados por decisións políticas erráticas.

