O Real decreto-lei aprobado polo Goberno permitirá recuperar este dereito para o persoal laboral, tamén no ámbito educativo: universidades, persoal de apoio educativo e profesorado de Relixión. CCOO reclama agora a súa convalidación no Congreso e esixe que se estenda tamén ao persoal funcionario e estatutario.
CCOO valora positivamente a aprobación do Real decreto-lei 19/2026, do 29 de xuño, de medidas urxentes en materia de xubilación parcial anticipada do persoal laboral das administracións públicas, publicado no BOE o 30 de xuño e con entrada en vigor o 1 de xullo de 2026.
Esta norma permite desbloquear unha situación inxusta que, desde a entrada en vigor do Real decreto-lei 11/2024, viña impedindo na práctica que milleiros de traballadoras e traballadores laborais das administracións públicas puidesen acceder á xubilación parcial, malia cumprir os requisitos establecidos.
No ámbito de CCOO Ensino, esta medida afecta ao persoal laboral das universidades públicas, ao persoal de apoio educativo con relación laboral e ao profesorado de Relixión, entre outros colectivos laborais vinculados ás administracións públicas.
Un dereito bloqueado pola falta de adaptación ao sector público
O problema xurdiu porque a normativa esixía a formalización simultánea dun contrato de relevo indefinido e a tempo completo. Esta condición, que no ámbito privado pode ter unha aplicación máis directa, chocaba no sector público cos tempos propios dos procesos selectivos, coas ofertas de emprego público e cos principios de igualdade, mérito e capacidade.
Na práctica, esta situación deixaba bloqueado o acceso á xubilación parcial para moitas persoas que tiñan dereito a solicitala, dificultando tamén o relevo xeracional nos servizos públicos.
Durante meses, CCOO denunciou esta situación e esixiu unha solución urxente, combinando negociación, presión institucional e mobilización. O resultado é unha reforma que dá resposta ao principal obstáculo que impedía aplicar este dereito nas administracións públicas.
Que cambia coa nova norma?
O Real decreto-lei permite recoñecer a xubilación parcial do persoal laboral fixo a tempo completo cando a Administración vincule esa xubilación a un contrato de relevo.
A principal novidade é que, cando non sexa posible contar de maneira inmediata cunha persoa relevista fixa, a Administración poderá recorrer temporalmente á contratación de persoal laboral temporal de substitución a tempo completo mentres se resolve o proceso selectivo correspondente.
Ademais, as administracións deberán planificar estas necesidades nas ofertas de emprego público ou nos instrumentos equivalentes, incorporando as prazas necesarias para evitar que esta fórmula derive en máis temporalidade.
Deste xeito, a norma permite compatibilizar o dereito á xubilación parcial coas garantías propias do acceso ao emprego público.
Un avance importante para o persoal laboral
Para CCOO, este desbloqueo é unha boa noticia. Recupera unha vía de saída digna e progresiva do emprego público para o persoal laboral que cumpra os requisitos de idade, cotización e antigüidade, e contribúe tamén á renovación dos cadros de persoal.
A xubilación parcial permite reducir a xornada laboral e percibir a parte proporcional do salario, complementada coa parte correspondente da pensión. Trátase dunha medida positiva para quen se achega ao final da súa vida laboral e tamén para os servizos públicos, porque facilita o relevo xeracional e a incorporación de novo persoal.
No ensino galego, CCOO Ensino estará especialmente atenta á súa aplicación efectiva nos colectivos afectados: persoal laboral das universidades, persoal de apoio educativo e profesorado de Relixión.
Cómpre a convalidación no Congreso
A norma estará xa en vigor desde o 1 de xullo de 2026, pero, ao tratarse dun real decreto-lei, debe ser convalidada polo Congreso dos Deputados no prazo legal establecido.
CCOO reclama responsabilidade aos grupos parlamentarios para garantir de maneira definitiva este dereito. As traballadoras e traballadores públicos non poden ver condicionados os seus dereitos a bloqueos políticos nin a cálculos alleos ás súas necesidades laborais.
A xubilación parcial tamén debe chegar ao persoal funcionario
CCOO lembra, ademais, que este avance non resolve toda a situación. O Goberno segue sen cumprir plenamente os seus compromisos coa recuperación da xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario.
A aprobación deste Real decreto-lei demostra que, cando hai vontade política, é posible desbloquear dereitos. Por iso CCOO esixe que esa mesma vontade se aplique tamén ao conxunto das empregadas e empregados públicos.
Non caben máis atrasos. Non caben máis escusas. Desde CCOO Ensino seguiremos defendendo a recuperación plena deste dereito para todo o persoal público e vixiaremos que a nova regulación se aplique de maneira efectiva nos colectivos laborais do ámbito educativo.

