A Universidade de Vigo inicia unha nova etapa coa toma de posesión de Carmen García Mateo como nova reitora da institución, converténdose na primeira muller que asume esta responsabilidade na historia da UVigo.
Desde CCOO Ensino queremos trasladar o noso recoñecemento institucional a este nomeamento e desexarlle o maior dos acertos nunha responsabilidade de grande relevancia para o futuro da universidade pública galega.
Un fito para a igualdade na universidade galega
A chegada de Carmen García Mateo á reitoría da Universidade de Vigo supón un fito histórico para a institución e para o conxunto do sistema universitario galego.
Despois do recente nomeamento de Rosa Crujeiras como primeira reitora da Universidade de Santiago de Compostela, a toma de posesión da primeira reitora da UVigo confirma un avance moi significativo na presenza das mulleres nos máximos órganos de responsabilidade académica.
Desde CCOO Ensino consideramos imprescindible dar visibilidade a esta nova realidade, porque a igualdade efectiva tamén se constrúe rompendo inercias históricas que durante demasiado tempo dificultaron o acceso das mulleres aos espazos de maior responsabilidade institucional.
Unha nova etapa con importantes retos por diante
A nova reitoría comeza nun contexto no que a universidade pública afronta desafíos de fondo: o financiamento suficiente, a estabilidade do persoal, o relevo xeracional, a mellora das condicións laborais, o fortalecemento da investigación e a garantía dunha universidade pública ao servizo da sociedade.
A Universidade de Vigo é unha peza esencial do sistema universitario galego e cumpre un papel clave na formación, na investigación, na transferencia de coñecemento e no desenvolvemento social, cultural e económico do país.
Para CCOO Ensino, estes retos deben abordarse desde a negociación, a planificación e a participación da comunidade universitaria, contando co persoal docente e investigador, co persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, co persoal investigador e co conxunto dos colectivos que sosteñen a actividade diaria da universidade.
Por iso seguiremos traballando para fortalecer a universidade pública galega, mellorar as condicións laborais do seu persoal e defender unha institución aberta, igualitaria, democrática e comprometida co país.

