CCOO Ensino critica con dureza a deriva da Consellería de Política Social, que volve demostrar que a súa prioridade non é mellorar o primeiro ciclo de Educación Infantil (0-3), senón protexer o actual modelo de financiamento da rede privada subvencionada, mesmo a costa da calidade educativa, das condicións laborais das traballadoras e do interese superior da infancia.
As recentes declaracións do presidente da Xunta, nas que recoñece que a redución das ratios “compromete a gratuidade” do sistema, poñen de manifesto unha realidade que CCOO leva anos denunciando: a suposta gratuidade universal do 0-3 en Galicia construíuse sobre un modelo baseado nas subvencións aos centros privados que resulta incompatible cunha mellora real da calidade educativa se a Xunta non está disposta a incrementar o investimento público.
Se a Xunta admite que non conta con financiamento suficiente para garantir a gratuidade de todas as prazas, debe reforzar o investimento público e revisar as súas prioridades, non frear a redución das ratios nin facer recaer as súas limitacións orzamentarias sobre as traballadoras e a calidade do servizo. O que resulta inaceptable é utilizar unha gratuidade mal financiada, sostida sobre a precariedade laboral, como escusa para bloquear avances imprescindibles na calidade educativa.
É inaceptable que a Consellería de Política Social pretenda presentar un falso dilema entre gratuidade e calidade. A redución das ratios non é un luxo nin unha ameaza para o sistema: é unha necesidade pedagóxica, educativa, asistencial e de seguridade, amplamente avalada polos profesionais do sector e por toda a comunidade educativa.
Reducir as ratios significa ofrecer unha atención máis individualizada, garantir un mellor desenvolvemento emocional e cognitivo das crianzas, incrementar a súa seguridade e, ademais, crear máis emprego. Quen presenta esta medida como un problema económico esquece deliberadamente que investir na infancia é investir no futuro da sociedade.
Desde CCOO Ensino compartimos que a redución das ratios debe ir acompañada dunha planificación seria, dun incremento do investimento público e dun diálogo real con todos os axentes implicados.
O Goberno galego volve situar os intereses económicos da patronal por diante do interese xeral. Non é casualidade que as organizacións empresariais alertasen inmediatamente das consecuencias económicas que, ao seu xuízo, tería a redución das ratios, mentres a Xunta fai súas esas preocupacións antes que atender as reivindicacións das traballadoras e das familias.
Especialmente grave é a actitude da Consellería de Política Social, que durante todo este ano ignorou de maneira sistemática as reiteradas solicitudes de reunión formuladas por CCOO Ensino. Mentres se reúne coas organizacións empresariais do sector ao día seguinte do anuncio do Ministerio e esixe nos medios máis financiamento ao Estado, non ten nin a decencia de responder as constantes peticións de xuntanza que levamos meses solicitando para abordar tanto os problemas estruturais do primeiro ciclo de Educación Infantil, como o doutros sectores que son da súa competencia. Esta ausencia total de diálogo constitúe unha falta de respecto cara ás profesionais do sector e evidencia unha maneira de gobernar baseada na unilateralidade, na opacidade e na falta de negociación.
A esta política súmase outra decisión especialmente preocupante: mentres Galicia continúa precisando ampliar e reforzar a rede pública de escolas infantís, a Xunta foi incapaz de executar todos os fondos europeos dispoñibles para este fin, renunciando a 22 millóns de euros que poderían destinarse á creación de novas prazas públicas e á mellora do servizo, consolidando, en cambio, un modelo cada vez máis dependente da iniciativa privada.
CCOO lembra que mellorar as ratios non enfronta modelos educativos nin centros públicos e privados; o que realmente enfronta son dúas maneiras de entender as políticas públicas: unha que sitúa no centro os dereitos da infancia e a calidade educativa, e outra que prioriza a contención do gasto e a protección dos intereses económicos da patronal.
A nivel estatal tamén hai quen busca atallos en lugar de asumir a súa responsabilidade
Desde CCOO Ensino queremos denunciar igualmente a actitude de quen, no ámbito estatal, asinou un convenio colectivo que CCOO non subscribiu precisamente porque perpetúa a precariedade salarial e laboral das traballadoras do sector.
Resulta cando menos sorprendente que as organizacións asinantes dese convenio, en lugar de centrar todos os seus esforzos en mellorar as condicións laborais nas mesas de negociación colectiva, se apresuren agora a solicitar reunións co Ministerio da man da patronal para reclamar solucións a un problema cuxa orixe está precisamente no convenio insuficiente que decidiron avalar.
As condicións laborais das traballadoras deben mellorarse onde corresponde: na negociación colectiva. Non é aceptable trasladar ao Ministerio a responsabilidade de corrixir un acordo que algunhas organizacións sindicais decidiron asinar renunciando a reivindicacións fundamentais para o conxunto do sector.
CCOO seguirá defendendo un modelo de Educación Infantil 0-3 baseado en tres principios irrenunciables: a redución efectiva das ratios para garantir unha atención educativa de calidade, un maior investimento e a mellora real das condicións laborais e salariais das traballadoras a través dunha negociación colectiva seria e ambiciosa.
A infancia non pode seguir sendo a gran prexudicada dun modelo que prioriza os intereses empresariais por riba dos dereitos educativos e laborais. Galicia necesita máis investimento público, máis diálogo social e máis compromiso coa Educación Infantil, non máis escusas.


