CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF celebramos novos avances nas instrucións de FP derivados do Acordo sobre Medidas de Mellora

As organizacións asinantes celebramos que a Administración incorporase demandas reiteradas do profesorado e trasladadas polas nosas organizacións a través do diálogo na Comisión de seguimento do Acordo.

CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF celebramos que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Formación Profesional, incorporase ás instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de FP no curso 2026/27 novas medidas que responden a demandas importantes do profesorado.

Estas melloras son froito do traballo sindical desenvolvido polas organizacións asinantes no marco da Comisión de seguimento do Acordo sobre Medidas de Mellora. Nese espazo trasladamos propostas concretas para adaptar a organización dos centros á nova realidade da Formación Profesional e ás necesidades reais do profesorado e do alumnado.

As instrucións incorporan avances en tres cuestións especialmente relevantes.

Recoñecemento das funcións propias dos Centros Integrados de FP

Un dos avances máis significativos afecta aos Centros Integrados de Formación Profesional. Os CIFP non poden organizarse coma se fosen simplemente IES con oferta exclusiva de FP, xa que teñen unha natureza específica, unha estrutura funcional diferenciada e responsabilidades propias que deben ter reflexo nos horarios do profesorado.

A nova regulación permite destinar sesións complementarias fixas do horario docente a funcións directamente vinculadas á realidade dos CIFP. Na práctica, isto supón recoñecer traballos que xa se estaban realizando nos centros, moitas veces sen encaixe horario suficiente, como a xestión do sistema de calidade, o desenvolvemento do proxecto funcional, a planificación anual, a coordinación das áreas funcionais, etc.

Valoramos especialmente este avance porque dá cobertura organizativa a tarefas imprescindibles para o funcionamento dos CIFP e permite que cada centro, no marco da súa autonomía, poida concretar estas sesións en función das súas necesidades reais. Ademais, desta forma abórdase a demanda de moitos anos de mitigar a sobrecarga que supón a diferenza na duración das sesións entre os IES e os CIFP.

Apoio á formación na empresa nos centros con maior oferta de FP

Tamén celebramos que as instrucións recollan unha medida relevante para os centros cunha elevada oferta de Formación Profesional: a posibilidade de realizar asignacións horarias ao profesorado para atender necesidades específicas derivadas da fase de formación na empresa ou organismo equiparado.

Desde as organizacións asinantes entendemos que esta medida debe servir para reforzar a coordinación da formación en empresa, especialmente nos centros con moitos ciclos, moitas familias profesionais e un volume elevado de alumnado. A formación na empresa require coñecemento do tecido produtivo, contacto continuado cos centros de traballo, seguimento do alumnado e coordinación entre equipos docentes, titorías e empresas.

Na práctica, esta asignación horaria debe entenderse como un apoio á coordinación de FCT do centro e ao traballo das persoas titoras, permitindo unha organización máis equilibrada e máis próxima á realidade de cada familia profesional. Deste xeito, favorécese unha mellor relación entre centro educativo e empresa, unha atención máis eficaz ao alumnado e unha resposta máis axustada ás necesidades de cada sector produtivo.

Reforzo educativo para o alumnado de ciclos de grao básico

Outro dos avances que consideramos especialmente importante é o reforzo da atención ao alumnado dos ciclos formativos de grao básico.

As novas instrucións permiten que, na elaboración dos horarios e na asignación das ensinanzas, os centros teñan en conta as necesidades específicas de apoio, reforzo, recuperación e acompañamento educativo deste alumnado, tanto ao longo de todo o curso como durante a fase de formación na empresa.

Para CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF, esta medida é fundamental para mellorar a atención educativa nunha etapa que require estabilidade, seguimento próximo e recursos suficientes. O alumnado de grao básico precisa unha resposta específica, non só nos momentos finais do curso, senón durante todo o proceso formativo. Por iso, a posibilidade de asignar profesorado con horario lectivo dispoñible a estas tarefas supón un avance na prevención do abandono, na recuperación de aprendizaxes e no acompañamento educativo.

Do mesmo xeito, esta medida poderá extenderse ao alumnado de ciclos de grao medio e grao superior.

O diálogo dá resultados

Desde CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF queremos subliñar que estas medidas non aparecen por casualidade. Son resultado do traballo sindical e do seguimento do Acordo sobre Medidas de Mellora. Trasladamos á Administración propostas concretas, baseadas nas demandas do profesorado e na realidade organizativa dos centros, e agora esas propostas comezan a ter reflexo nas instrucións de inicio de curso.

Con todo, tamén lembramos que a incorporación destas medidas debe ir acompañada dunha aplicación real nos centros. Por iso, faremos seguimento da súa posta en práctica para garantir que estas posibilidades organizativas se traducen en melloras efectivas nos horarios, na carga de traballo do profesorado e na atención ao alumnado.

CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF seguiremos traballando para que o desenvolvemento da nova Formación Profesional veña acompañado de recursos, recoñecemento horario, condicións laborais dignas e unha organización dos centros acorde coas novas responsabilidades que se lles esixen.