No día de hoxe, 30 de xuño de 2026, celebrouse a mesa sectorial docente non universitaria.
Nos seguintes apartados podes consultar as intervencións de CCOO Ensino e as respostas da Administración:
1. Aprobación, se procede, de actas anteriores
Queda aprobada a acta do 26 de maio de 2026.
2. Redución do número de alumnado nas aulas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato
Intervención de CCOO Ensino
Valoramos positivamente desde CCOO que se traia á Mesa Sectorial esta proposta de calendario de redución de ratios en Secundaria e Bacharelato, froito do diálogo na comisión de seguimento do Acordo sobre Medidas de Mellora entre a Administración e as organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF, e que xa anunciaramos a finais do mes de abril xunto a outras medidas, como a redución do horario lectivo en etapas de ensino secundario, a modificación do Acordo de catálogos, dotando de máis persoal de PT e AL a centros de Infantil e Primaria, ou o novo Plan para o impulso da atención á diversidade, incrementando a dotación de profesorado de apoio e de orientadores/as a centros de secundaria a partir do 1 de setembro.
Temos neste punto que recordar que, se ben o calendario non estaba definido, a redución das ratios en Secundaria a 25 e Bacharelato a 30 era unha medida recollida no Acordo de Medidas de Mellora, asinado en outubro de 2023. Isto representa case tres anos de adianto ao inicio do trámite parlamentario, aínda en curso, do anteproxecto de lei estatal de xornada e ratios. Trámite que aínda acaba de comezar e que en setembro continuará coa fase de emendas, polo que podería cambiar radicalmente a súa redacción. Polo tanto, en ningún caso a proposta que hoxe pasa pola mesa sectorial vén derivada ou imposta, como algunha organización sindical sostivo, pola lexislación estatal, xa que esta proposta aínda nunha fase moi inicial no seu trámite parlamentario.
É máis, no diálogo na comisión de seguimento do Acordo sobre Medidas de Mellora, desde CCOO Ensino sempre mantivemos que debía aproveitarse a oportunidade que tiñamos para adiantar o calendario de aplicación da baixada de ratios respecto da proposta estatal de proxecto de lei, e comezar xa no curso 2027/2028 para avanzar de xeito parello nos seis cursos de duración de Primaria e Secundaria máis Bacharelato.
En definitiva, ante a incerteza sobre a aprobación final desta lei, consideramos beneficioso para o sistema educativo galego poder concretar nesta nova redacción o desenvolvemento do punto 2.1.3 do acordo orixinal asinado a finais de 2023.
Ademais, instamos a Consellería, aproveitando que hoxe pasan por esta mesa os proxectos de currículo das diferentes ensinanzas de FP, a que nun futuro próximo e, analizada a evolución do número de alumnado, poidamos avanzar na redución de ratios na Formación Profesional e noutras ensinanzas de réxime especial, así como no posible adianto do inicio da redución de ratios en Secundaria ao curso 2027/2028.
Por último, propoñemos unha corrección mínima de redacción:
2.1.3. Reducir o número máximo de alumnado por aula nas ensinanzas de Educación Secundaria:
- 25 alumnos/as por unidade na ESO, en todos os centros sostidos con fondos públicos.
- 30 alumnos/as por unidade en Bacharelato.
Estas medidas aplicaranse de forma progresiva a partir do primeiro curso da etapa de Educación Secundaria Obrigatoria no curso 2028/2029. Establécese un período transitorio para a aplicación desta medida na etapa de Educación Secundaria Obrigatoria ata o curso 2031/2032, incluído. Durante este período, os centros educativos poderán manter (os) as ratios máximas vixentes establecidas na normativa estatal, sempre que así o acorde a maioría do Consello Escolar.
Respostas por parte da Administración
Empezar ao mesmo tempo con Primaria e Secundaria podería xerar tensións que non serían doadas de xestionar.
A ratio estatal de Bacharelato está en 35, en Galicia xa está en 33 e seguiremos baixando ata 30. Outras ratios que se propoñen na lei estatal van “por riba” do que xa temos asinado aquí.
Nós temos a nosa folla de ruta fixada, cun calendario establecido, e polo tanto en ningún caso se pode aceptar o que di a CIG Ensino de que o anuncio destas medidas se fixo co ánimo de boicotear unha convocatoria de folga.
A semana que vén asinarase a Addenda e comunicarase a todas as organizacións sindicais para que indiquen se desexan asinala.
3. Documentación sobre afinidades
Intervención de CCOO Ensino
Temos que empezar a nosa intervención neste punto concreto, recordando, que dende CCOO Ensino, levabamos reclamando nos últimos anos tanto na Mesa Sectorial como nas diferentes xuntas de persoal, que se acometera unha racionalización das materias afíns para completar horario lectivo en etapas de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial.
Polo tanto, damos a benvida a este borrador.
En segundo lugar, é preciso advertir diversos erros nos nomes de especialidades que aparecen na táboa enviada:
-
- Bioloxía e xeoloxía, en lugar de Bioloxía y xeoloxía
- Equipos electrónicos, en lugar de Equipamentos electrónicos
- Intuímos que Sistemas electrónicos onde consta Instalacións electrónicas, xa que noutra liña xa aparece correctamente Instalacións electrotécnicas.
- Organización e xestión comercial, en lugar de Organización y xestión comercial
- Sistemas electrotécnicos e automáticos, en lugar de Sistemas electrotécnicos e automatismos
Polo tanto, para evitar calquera tipo de erro, solicitamos que a táboa se modifique para incluír, xunto co nome de cada especialidade, o seu código asociado, o que sen dúbida contribuirá a evitar dúbidas ou malentendidos.
Facemos a continuación algunhas achegas, partindo da premisa de que toda especialidade que aparece no borrador debería ter como mínimo unha posible especialidade/materia para impartir como afín preferente:
- Se se lles recoñece a Inglés e Italiano a posibilidade de afinidade con Oratoria, débese estender ao resto de especialidades lingüísticas, como Alemán ou Francés. Ademais, tamén a Xeografía e Historia.
- A Bioloxía e Xeoloxía, sobre todo pola parte de Química, poderíaselle incluír, para ter unha especialidade afín, Física e Química de 2º da ESO; e viceversa, a Física e Química recoñecerlle Bioloxía de 1º da ESO.
- En Educación Física, podería ser axeitado, pola parte de fisioloxía e anatomía, recoñecer Bioloxía de 1º da ESO como posible afín.
- Xa que hoxe en día nunha gran parte de centros, Grego e Latín impártense polo mesmo docente, podería incluírse Latín como materia afín da especialidade de Grego e viceversa.
- En Administración de Empresas, Formación e Orientación Laboral e Procesos de Xestión Administrativa, podería incluírse Economía e emprendemento como posible afin.
- Posto que o profesorado de Economía pode impartir Formación e Orientación Persoal e Profesional, parece acaído que o profesorado de Formación e Orientación Laboral poida impartir Economía e emprendemento.
- Finalmente, en todas as especialidades de FP relacionadas coa informática e a electrónica, podería contemplarse incluír Tecnoloxía e dixitalización de primeiros cursos da ESO como materias afins.
- Relacionado con este último punto, tamén sería recomendable introducir aspectos como o recollido na Disposición adicional primeira do Real Decreto 286/2023 que permite ao profesorado do corpo a extinguir de Profesorado Técnico de Formación Profesional impartir a materia de Tecnoloxía e dixitalización.
Consideramos importante destacar que, coa redución horaria a 18 períodos lectivos, que será unha realidade a partir do 1 de setembro grazas ao acordo de CCOO, ANPE, UGT e CSIF, parece necesario limitar as afinidades a unha única materia afín, sen considerar ámbitos de PDC, FP Básica ou Educación para persoas adultas (que estean regulados como afíns na normativa existente) nin tampouco módulos coa consideración de transversais, tales como Dixitalización aplicada aos sectores produtivos, Sustentabilidade aplicada ao sistema produtivo, Inglés profesional, Habilidades comunicativas en lingua estranxeira e Afondamento nas competencias profesionais.
Tamén debería abrirse a porta a que poidan impartirse certas materias afíns, independentemente da especialidade de orixe do docente, en caso de dispoñer de formación acreditada para facelo con solvencia, como por exemplo a especialidade de Música para persoas que conten con estudios profesionais de Conservatorio.
Pero neste apartado hai que ter en conta tamén dous posibles perigos:
- A posibilidade de “habilitarse” para impartir certas materias supón un grave risco de que se soliciten vacantes “a medida” de algún docente concreto.
- Outro risco asociado, no caso de establecerse estas “habilitacións”, estas deben ser reversibles e quedar ao criterio da ou do docente o mantelas ou revocalas.
Respostas por parte da Administración
- Ámbito de PDC e ámbito de Ciencias Aplicadas de FPB debería ir na primeira columna de Bioloxía e Xeoloxía.
- Este é un traballo inicial de cara a avanzar nesta materia e non ten por que afectar ao CADP, agora que está en marcha. Os centros á hora de facer as peticións de vacantes, deberían ter claro como marcar as características das mesmas.
4. Proxecto de orde pola que se establece o currículo dos ciclos formativos de grao básico na Comunidade Autónoma de Galicia
5. Proxecto de orde pola que se establece o currículo dos ciclos formativos de grao medio na Comunidade Autónoma de Galicia
6. Proxecto de orde pola que se establece o currículo dos ciclos formativos de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia
7. Proxecto de orde pola que se establece o currículo dos títulos de especialista e de máster de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia
Intervención de CCOO Ensino
Trataranse as emendas de xeito común aos catro documentos, pola súa similaridade na estrutura e especificarase en cada caso a que documentos afectan os cambios solicitados.
Artigo 4. A duración e distribución dos módulos profesionais – Os catro documentos
- De acordo co artigo 7, punto 5, do Decreto 20/2026, a oferta modular poderase concentrar en determinados períodos do curso escolar.
Podemos entender esta cláusula como unha porta á flexibilidade organizativa das ensinanzas, pero esiximos coñecer como afectará ao profesorado, tanto ao que traballa todo o ano como ao persoal subsituto con contratos temporais?
Ante esta pregunta, cremos que a norma debería incluír certas garantías:
“A concentración da oferta modular en determinados períodos do curso escolar realizarase sen prexuízo do cumprimento da normativa vixente sobre xornada semanal, horarios do profesorado, cadros de persoal e réxime de nomeamento do persoal interino e substituto. Esta organización non poderá implicar, por si mesma, redución de xornada, cesamento anticipado nin fragmentación artificial de necesidades docentes de carácter anual.
Ademais, a planificación da oferta modular concentrada deberá estar definida antes da elaboración dos horarios e da adxudicación de destinos, indicando período de impartición, carga horaria semanal, profesorado responsable e previsión de tarefas docentes para os períodos nos que non exista docencia directa dese módulo.”
Artigo 7. Espazos e equipamentos – Os catro documentos
Aínda que non se trate dunha emenda ao texto deste apartado, cremos máis que recomendable que se publiciten as características e condicións propias das Aulas Nómadas así como os equipamentos cos que contan en cada caso particular de implantación.
De ter feito esta publicación con carácter previo á asignación de oferta formativa nesta modalidade no IES de Carral e no IES República Oriental del Uruguay (Vigo) seguramente teríase evitado boa parte do conflito que houbo nos mesmos nas pasadas semanas.
A competencia para determinar a oferta educativa corresponde á Consellería, ao igual que a obriga de manter correctamente informada ás comunidades escolares destes centros ante as incertezas que provocan estas iniciativas innovadoras, tanto a nivel de espazos e equipamentos, como de dotación de profesorado, organización dos propios centros e resolución de dúbidas ao alumnado e ás súas familias.
Artigo 8. Profesorado – Só no documento de GB
No punto 2 é preciso corrixir un fragmento en castelán… “Nos centros privados serán impartidos por profesorado con la titulación y requisitos establecidos na normativa vixente…”.
Artigo 8. Profesorado
GB – Artigo 5.b) | GM – Artigo 5.b) | GS – Artigo 5.b) | CE – Artigo 3.a)
Sobre a posibilidade de que as direccións dos centros poidan agrupar varios módulos ou accións formativas para seren impartidos polo mesmo profesor ou profesora.
- Cales son os casos de usos previstos para aplicar esta posibilidade?
- Como influirá iso na calidade educativa do grupo?
- Por suposto deberán respectarse as ratios máximas dos distintos grupos, polo que volvemos a incidir na necesidade de abordar unha negociación sobre as ratios nas ensinanzas de FP e de réxime especial.
Artigo 8. Profesorado
GM – Artigo 5.a) | GS – Artigo 5.a)
Sobre a posibilidade de impartir o módulo de Inglés Profesional sen ser da especialidade de Inglés do Corpo de Profesorado de Ensino Secundario e contando cun nivel C1 do MCER ou, excepcionalmente, cun nivel B2.
A pesar da vontade manifesta da Consellería por non modificar o seu posicionamento, volvemos a insistir no feito de que os reais decretos que modifican os títulos de grao medio e superior indican claramente que a atribución deste módulo profesional corresponde ao profesorado da especialidade de Inglés do corpo de PES.
Artigo 8. Profesorado – Só no documento de GB
GB – Artigo 5.d)
Consideramos un acerto que se inclúa este apartado para priorizar ao profesorado que imparta clase cos ciclos formativos de grao básico, a pesar das dificultades prácticas que poida supoñer a súa posta en funcionamento nos centros educativos.
Desde logo, deberán incrementarse os controis para evitar un uso perverso desta vía para “adxudicar a dedo” profesorado a determinados centros.
Artigo 9. Persoas expertas do sector produtivo, persoas expertas asociadas de formación profesional e persoas expertas sénior de empresa – Os catro documentos
Posto que estas figuras xa foron tratadas no momento no que o Decreto de FP pasou por esta Mesa Sectorial, só queda incidir no papel de vixilancia permanente que pretendemos desenvolver desde CCOO Ensino sobre estas novas figuras docentes e sobre o uso que se faga delas por parte da Consellería.
Tal e como manifestamos en numerosas ocasións, consideramos que hai casos que xustifican plenamente a contratación deste tipo de persoal, pero non se poden convertir en norma común estas solucións ante necesidades puntuais. E isto é algo que xa sucedeu noutras comunidades como Catalunya e que non pode ocorrer en Galicia.
Por este motivo demandamos a maior das transparencias en todos os procesos relacionados con estas figuras para evitar calquera tipo de redución nos dereitos das profesoras e profesores que ata o de agora veñen sostendo o sistema galego de FP.
Respostas por parte da Administración
Respecto á posibilidade de impartir o módulo de Inglés Profesional cun nivel C1 do MCER ou, excepcionalmente, cun nivel B2, a Administración indica que isto xa pasou por Mesa Sectorial coa tramitación do Decreto de FP, co visto bo dos servizos xurídicos da Consellería e que polo tanto, non procede seguir debatindo sobre isto.
Non se van desenvolver novas ordes polo momento posto que están pendentes a nivel ministerial novas modificacións sobre o RD 659/2023.
8. Rolda final de intervencións
Intervención de CCOO Ensino
- En canto ás instrucións de inicio de curso en ensinanzas de infantil, primaria, ESO e Bacharelato, recentemente publicadas pola Dirección Xeral de Innovación e Ordenación Educativa, non podemos estar de acordo coas limitacións ás actividades complementarias e extraescolares que recolle. Consideramos que supoñen unha inxerencia innecesaria na autonomía organizativa e pedagóxica dos centros, que son quen mellor coñecen as necesidades do seu alumnado.
As visitas culturais, saídas didácticas, obradoiros ou encontros con entidades externas forman parte do proceso educativo e, en moitos centros, especialmente naqueles que escolarizan alumnado de contornos socioeconómicos máis desfavorecidos, constitúen unha oportunidade única de acceso á cultura, ao patrimonio, á ciencia ou ás artes. Limitalas de maneira xeral pode empobrecer a experiencia educativa e dificultar o traballo que realizan os equipos docentes para compensar desigualdades.
Por este motivo, supoñen un mecanismo para combatir desigualdades e fomentar a equidade e a cultura da sociedade e, polo tanto, limitalas de maneira xeral pode empobrecer a experiencia educativa e dificultar o traballo que realizan os equipos docentes para compensar desigualdades.
Consulta o posicionamento íntegro de CCOO Ensino ao respecto destas instrucións.
- Volvemos recordarlle á Dirección Xeral, aproveitando que seguramente sexa a última mesa sectorial do curso, que hai un compromiso recollido en anteriores mesas sectoriais, a petición de CCOO, de actualización da orde de especial dificultade. E instamos a que tal modificación se realice con antelación á convocatoria do seguinte Concurso Xeral de Traslados.
- Sabemos por anteriores mesas que o concurso de prazas de convenio non vai ser convocado por escaseza de prazas para ofertar, pero volvemos esixir que se convoquen os concursos específicos que faltan por convocar este curso: CAFI e CFR, asesorías e atención preferente.
- En canto a condicións climáticas, este foi o curso onde CCOO interpuxo máis denuncias a inspección de traballo contra incumplimentos do Real Decreto que recolle as temperaturas máximas e mínimas dos espazos de traballo. Solicitamos que se acometa canto antes o acondicionamento climático dos centros educativos.

