CCOO Ensino rexeita as limitacións ás actividades complementarias e reclama respecto pola autonomía dos centros

Na Mesa Sectorial celebrada no día de hoxe, desde CCOO Ensino manifestamos a nosa oposición ás instrucións da Consellería para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no réxime ordinario no curso académico 2026/27. Consideramos que supoñen unha inxerencia innecesaria na autonomía organizativa e pedagóxica dos centros, que son quen mellor coñecen as necesidades do seu alumnado.

As visitas culturais, saídas didácticas, obradoiros ou encontros con entidades externas forman parte do proceso educativo e, en moitos centros, especialmente naqueles que escolarizan alumnado de contornos socioeconómicos máis desfavorecidos, constitúen unha oportunidade única de acceso á cultura, ao patrimonio, á ciencia ou ás artes. Limitalas de maneira xeral pode empobrecer a experiencia educativa e dificultar o traballo que realizan os equipos docentes para compensar desigualdades.

A nosa preocupación non nace unicamente destas instrucións, senón da sucesión de feitos acontecidos nos últimos meses. En abril de 2025 denunciamos as presións exercidas pola Dirección Territorial de Pontevedra sobre centros educativos pola súa participación no proxecto Artelixo, por entender que supuñan unha inxerencia na liberdade pedagóxica e na autonomía dos centros. Posteriormente, en xuño de 2025, respondimos ás declaracións do conselleiro de Educación lembrando que a escola non pode renunciar a formar unha cidadanía crítica baixo unha interpretación restritiva da chamada “neutralidade ideolóxica”. En setembro de 2025 tamén denunciamos o veto no Consello Escolar de Galicia a unha resolución sobre Palestina, ao impedirse mesmo o seu debate. Finalmente, en marzo de 2026 manifestamos a nosa preocupación polo perfil elixido para a Dirección Territorial da Coruña e reclamamos garantías de respecto á autonomía dos centros e ao diálogo coa comunidade educativa.

Por iso, entendemos que estas novas limitacións deben aplicarse cunha interpretación escrupulosamente respectuosa coa autonomía dos centros, coa liberdade de cátedra e coa capacidade dos equipos docentes para decidir que actividades son máis axeitadas para o seu alumnado. Estaremos vixiantes para que non se convertan nun instrumento que xere autocensura ou que dificulte a participación dos centros en actividades educativas de interese social, cultural ou científico.

A educación pública debe formar cidadanía crítica, democrática e comprometida cos dereitos humanos. Ese obxectivo é plenamente compatible coa neutralidade institucional das administracións, pero non cunha interpretación que limite o debate, a reflexión ou a participación da comunidade educativa.