En CCOO Ensino abrimos a preinscrición no curso “Comezar con bo pé: claves para a xestión eficaz do departamento de orientación”, unha actividade formativa pensada para acompañar o profesorado que se incorpora á xefatura dun Departamento de Orientación ou que leva pouco tempo desempeñando esta responsabilidade.
Queremos ofrecer unha formación práctica, útil e vinculada ao traballo real nos centros, centrada no papel do Departamento de Orientación, no marco normativo galego e nas principais ferramentas de organización, planificación e intervención.
A actividade está homologada pola Consellería.
Información básica do curso
- Título: Comezar con bo pé: claves para a xestión eficaz do departamento de orientación
- Lugar de celebración: plataforma de teleformación de CCOO Ensino, Moodle
- Duración: 50 horas
- Datas: do 14 de setembro ao 1 de novembro de 2026
- Prazas: 50
- Persoa titora: Iria López Cambeiro
- Custo: de balde para persoas afiliadas a CCOO / 100 € para persoas non afiliadas
- Prazo de matrícula: ata completar prazas
Proceso de preinscrición e matrícula
A inscrición inicial realízase a través dun formulario de preinscrición, que podes atopar ao final do artigo.
O envío do formulario non garante automaticamente unha praza no curso. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición ata completar a capacidade dispoñible.
Nos primeiros días de setembro contactaremos por correo electrónico coas persoas admitidas para indicarlles como formalizar a matrícula. Tamén comunicaremos por correo electrónico, se é o caso, a situación das persoas que queden en lista de agarda.
No caso das persoas non afiliadas, a matrícula quedará formalizada unha vez realizado o pagamento correspondente. Para as persoas afiliadas a CCOO, o curso será de balde.
As comunicacións enviaranse desde o enderezo formacion.ensino@galicia.ccoo.es. Recomendamos engadir este enderezo aos contactos ou crear un filtro no correo para evitar que as mensaxes poidan chegar á carpeta de spam ou correo non desexado.
Ligazóns
Obxectivos
Con este curso queremos facilitar ferramentas para asumir a xefatura dun Departamento de Orientación con confianza, criterio e eficacia.
- Coñecer as funcións xerais do departamento de orientación nos centros educativos e do seu responsable.
- Comprender a normativa vixente que regula a organización, funcionamento e actuación dos departamentos de orientación en Galicia.
- Identificar as funcións específicas do xefe ou xefa do departamento de orientación e os seus vínculos coa xefatura de estudos e demais órganos de coordinación docente.
- Saber elaborar, organizar e revisar a documentación básica do departamento: PXAD, Plan de orientación PAADO, memorias, protocolos, informes, etc.
- Establecer pautas para unha planificación eficaz das accións de orientación académica, profesional, psicopedagóxica e de atención á diversidade.
- Recoñecer a importancia do traballo coordinado co equipo docente, as familias e outros servizos e entidades externas.
- Familiarizarse co uso de ferramentas e modelos organizativos que melloren a eficacia e a sistematización do traballo do departamento.
- Reflexionar sobre boas prácticas e estratexias para afrontar os retos habituais na posta en marcha dun departamento de orientación.
Contidos
O curso estrutúrase en oito módulos:
Módulo 0. Comezamos o camiño: presentación e punto de partida
Presentación do curso, coñecemento do grupo e identificación das necesidades formativas iniciais.
Módulo 1. Base legal e funcións da xefatura: onde estamos e que nos toca facer
Normativa básica da orientación educativa en Galicia, funcións do Departamento de Orientación e papel da xefatura no funcionamento do centro.
Módulo 2. Liderar con sentido: funcións da xefatura do DO
Documentación do departamento, informes psicopedagóxicos, detección temperá de NEAE, ferramentas de avaliación inicial e plans de transición.
Módulo 3. Decidir con criterio
Medidas de atención á diversidade, modalidades de escolarización, ditames de escolarización e toma de decisións en situacións complexas.
Módulo 4. Protocolos que protexen: intervencións desde a coordinación e a prevención
Protocolos vinculados á atención á NEAE, acollida, protección infantil, absentismo e coordinación con equipos específicos.
Módulo 5. Coidar as relacións: familias e coordinación externa
Relación coas familias, coordinación con servizos externos, programas institucionais e protección de datos.
Módulo 6. Organizar con intelixencia: recursos e ferramentas para o día a día
Modelos, ferramentas e boas prácticas para sistematizar a planificación, o seguimento e a avaliación do traballo do Departamento de Orientación.
Módulo 7. Mirada cara ao futuro: peche, reflexión e mellora continua
Peche do curso, reflexión final, avaliación da experiencia formativa e posta en común de propostas de mellora.

