O Goberno aprobou este luns 29 de xuño un Real decreto-Lei negociado con CC.OO que permite recuperar a xubilación parcial do persoal laboral das administracións públicas, poñendo fin a máis dun ano de bloqueo que impedía o acceso a este dereito a milleiros de traballadoras e traballadores do sector público.
Esta medida afecta a un colectivo de arredor de 700.000 persoas empregadas públicas, entre elas un número importante de traballadoras e traballadores de concellos e universidades, e a varias decenas tamén da USC.
Que cambia?
A nova norma permitirá que o persoal laboral fixo da USC poida acceder novamente á xubilación parcial anticipada, compatibilizando unha redución da xornada laboral co cobro proporcional do salario e da pensión.
O principal obstáculo existente ata agora era a imposibilidade de formalizar con rapidez os contratos de relevo fixos esixidos pola normativa. Para resolver esta situación, as administracións poderán recorrer temporalmente á contratación de persoal substituto mentres se completan os procesos selectivos e se incorporan os relevistas fixos.
Unha reivindicación sindical cumprida
Desde CCOO levamos meses reclamando unha solución urxente para esta situación, que estaba a impedir o exercicio dun dereito consolidado e bloqueando o relevo xeracional nas administracións públicas. A presión sindical e a negociación permitiron alcanzar un acordo que agora se materializa nesta reforma.
Un avance importante, pero non o último
Valoramos positivamente este desbloqueo, que permitirá que milleiros de persoas poidan acceder á xubilación parcial e facilitará a incorporación de novo persoal aos servizos públicos. Non obstante, seguimos reclamando que este dereito sexa tamén plenamente recoñecido para o persoal funcionario, cuestión que continúa pendente de desenvolvemento normativo.
✅ Recuperamos un dereito fundamental para o persoal laboral.
✅ Facilitamos o relevo xeracional nas administracións públicas.
✅ Seguiremos traballando para ampliar este dereito ao conxunto das empregadas e empregados públicos.
