No Consello Escolar de Galicia celebrado onte, a nosa organización solicitou que se debatera unha resolución de condena do xenocidio que está a sufrir o pobo palestino e de apoio á paz, á convivencia e ao dereito internacional. A Presidencia do órgano rexeitou sequera admitir a súa presentación, baixo o argumento de que non era un tema propio do Consello.
Este veto contrasta co acontecido noutros territorios do Estado, onde os Consellos Escolares si entenderon que a defensa da vida, dos dereitos humanos e da educación en contextos de guerra son cuestións que afectan directamente á comunidade educativa:
- Aprobáronse declaracións en Catalunya, Illes Balears, Andalucía e Canarias, así como no Consello Escolar do Estado.
- Non se permitiu a súa presentación en Galicia, País Valencià, Cantabria; en Aragón só se aceptou mencionarse en rogos e preguntas, sen darlle trámite.
- Rexeitouse en Castilla La Mancha.
- Están pendentes de debate ou presentación no resto de comunidades.
Dende CCOO Ensino consideramos que a decisión tomada en Galicia responde unicamente a criterios ideolóxicos, e supón negar a posibilidade de que o principal órgano consultivo da educación galega exprese a súa solidariedade cos centos de miles de nenas, nenos, profesorado e familias palestinas que sofren cada día as consecuencias da guerra e da ocupación.
Lamentamos enormemente que un organismo como o Consello Escolar de Galicia deixase pasar a oportunidade de expresar unha condena firme e clara ante esta barbarie, e de reclamar, xunto ao resto da comunidade internacional, un alto o fogo inmediato, o respecto ao dereito internacional e a protección do dereito á educación para todos os nenos e nenas do mundo.
A nosa organización seguirá reclamando que non se dea as costas á realidade, e que este tipo de resolucións, lexítimas e necesarias, sexan debatidas e aprobadas como xa se fixo noutras partes do Estado.
Podes ver o texto íntegro da proposta de resolución de CCOO Ensino
PALESTINA LIBRE!

