As Comunidades Autónomas avanzan no fomento das universidades privadas a expensas da universidade pública

Aínda que é unha responsabilidade pública, especialmente das comunidades autónomas (CC. AA.), garantir as condicións necesarias para que as universidades públicas poidan cumprir co seu mandato de servizo público e asegurar un sistema universitario no que o éxito non dependa do entorno social, a realidade demostra o contrario. Así, desde boa parte das CC. AA. poténciase un modelo universitario no que prima, en moitos casos, a universidade como oportunidade de negocio, favorecendo o crecemento incontrolado e inxustificado de universidades privadas. Aposta por un modelo que non só non garante a igualdade efectiva de oportunidades, senón que incrementa as desigualdades sociais.

E esta estratexia pasa, necesariamente, pola posta en cuestión da universidade pública por diversas vías. Aínda que a ferramenta principal é a infrafinanciación, estamos a asistir á posta en marcha de novas medidas de fomento da universidade privada sen importar as consecuencias.

Alén da entrada en funcionamento de cinco novas universidades privadas no curso 2025/2026 e do aumento constante de novas solicitudes de autorización e funcionamento de universidades privadas (en Andalucía, Madrid, Extremadura, Galicia, Aragón, Illes Balears, Asturias, etc.), nestes días entramos nunha nova fase na que directamente se favorece de forma expresa e tanxible ás universidades privadas en detrimento das públicas.

Exemplo desta política é a intención do Parlamento de La Rioja de permitir á UNIR, universidade privada a distancia, impartir clases presenciais e semipresenciais. É moi probable que acabe impartindo docencia presencial en titulacións como Medicina, Enfermaría, os graos en Educación Infantil e Primaria ou o máster de profesorado, titulacións que, agás Medicina, xa se ofertan na Universidade pública de La Rioja. É dicir, autorízase a unha universidade a distancia a impartir docencia presencial nas titulacións con maior impacto de negocio en detrimento da universidade pública.

Pero o exemplo máis claro do desmantelamento da universidade pública en favor da privada estase a vivir estes días en Andalucía, onde:

  • Na elaboración do mapa de titulacións 2025-2029 inadmitíronse títulos como o Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte proposto pola Universidade de Córdoba, alegando “baixa empregabilidade específica”. Porén, este grao si se incluíu no novo mapa para a súa impartición pola Universidade CEU Fernando III. É dicir, o criterio de maior ou menor empregabilidade só se aplica se a solicitante é unha universidade pública.
  • Proponse a autorización de até 34 novos títulos a universidades privadas (Tecnolóxica Atlántico-Mediterráneo, CEU Fernando III e Loyola Andalucía), cando a maioría xa se imparten en universidades públicas con prazas suficientes. Ao mesmo tempo, rexeítanse propostas das universidades públicas:
    • A Universidade de Granada non ve autorizados os títulos do Grao en Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial, o Máster Universitario en Intelixencia Artificial Aplicada ás Ciencias da Saúde (conxuntamente coa Universidade de Almería).
    • Rexéitase un programa de doutoramento en Arquitectura que implica a tres universidades públicas (Sevilla, Granada e Málaga).
  • Négase a posta en marcha de graos universitarios en universidades públicas (Jaén e Granada), como o Grao en Enxeñaría Biomédica, ao tempo que se autoriza esa mesma titulación en universidades privadas (Loyola de Andalucía) sen traxectoria no ámbito das ciencias da saúde e con informes que evidencian claras deficiencias na proposta presentada.

Todo isto súmase ao que xa está a acontecer desde hai tempo noutros territorios, como Madrid, onde se acepta calquera proposta de universidade privada mentres as públicas sofren unha situación de inestabilidade debido a uns orzamentos insuficientes.

  • A educación superior universitaria é un dereito de cidadanía, e non se pode condicionar o acceso á mesma á capacidade económica do alumnado e as súas familias.
  • Implementar de maneira inmediata a obriga legal de destinar, polo menos, o 1% do PIB autonómico ás universidades públicas.
  • A financiación pública, en todas as súas modalidades, debe destinarse á universidade pública, que debe contar cos recursos e medios necesarios, especialmente unha financiación axeitada, suficiente e previsible no tempo.
  • Garantir unha oferta de prazas en todos os niveis (grao, máster e doutoramento) que permita que toda persoa que solicite praza nunha universidade pública poida acceder a ela. Isto é especialmente necesario no caso dos másteres habilitantes, convertidos na gran oportunidade de negocio para as universidades privadas. Como mínimo, debe garantirse praza a todo o alumnado procedente da universidade pública.
  • Ata que se alcance a gratuidade dos estudos universitarios, os prezos dos másteres deben ser iguais aos dos graos e deben ampliarse, en relación coas bolsas e axudas ao estudo, a dotación económica (especialmente no caso da axuda á residencia) e os supostos contemplados, que permitan afrontar as novas realidades sociais e económicas.
  • Esixir aos centros privados universitarios o cumprimento das normas de calidade que debe cumprir unha institución universitaria, revisar a súa necesidade con base nun mapa de titulacións e establecer unha moratoria de 10 anos para a creación, autorización e recoñecemento de novas universidades e centros universitarios.