As políticas públicas vinculadas ao ámbito universitario e do ensino superior deben ser o resultado do acordo e o consenso.
O ámbito das universidades e do ensino superior enfróntase a unha etapa especialmente relevante como consecuencia tanto do marco normativo de referencia recentemente aprobado ou en tramitación como das novas realidades, necesidades e desafíos que se nos presentan de maneira inmediata e a medio prazo. Con tal fin, é preciso xerar un marco de traballo conxunto e permanente co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Para iso, CCOO solicitou unha primeira reunión co obxectivo de tratar unha serie de cuestións prioritarias como serían, entre outras, as seguintes:
- A necesaria modificación do Real Decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario que, co paso dos anos, quedou totalmente obsoleto. Ademais, diversas sentenzas xudiciais sinalan a ilegalidade dalgúns dos seus apartados.
- Retomar a negociación do Estatuto do Persoal Docente e Investigador, cuxa negociación se iniciou hai máis de quince anos e que, a día de hoxe, está paralizada. E iso a pesar de que a Disposición Adicional Décima da Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario contemplaba un prazo de seis meses desde a súa entrada en vigor para que o Goberno presentase ao Congreso dos Deputados un proxecto de Lei do estatuto do persoal docente e investigador universitario. Este prazo venceu o pasado 14 de outubro de 2023. A última reunión da mesa de negociación produciuse o 24 de xullo de 2024 e, tras un ano de paralización deste proceso, consideramos imprescindible abordar de maneira decidida e urxente a concreción do proxecto de lei que defina de maneira axustada o marco dos dereitos e condicións laborais deste colectivo.
- Concretar un acordo para o financiamento das universidades públicas. O artigo 55.2 da LOSU establece a obriga de destinar como mínimo o 1% do Produto Interior Bruto ao gasto público en educación universitaria pública no conxunto do Estado, permitindo así a equiparación progresiva ao investimento medio dos Estados membros da Unión Europea. O 20 de novembro de 2024 constituíuse a comisión de traballo con ese fin pero, desgraciadamente, tras unha convocatoria ese mesmo ano, non se volveu a reunir. No actual contexto de infrafinanciación crónica e deterioro progresivo do conxunto do sistema universitario público, a concreción do mandato contido na Lei resulta perentoria, polo que consideramos de vital importancia que esta mesa retome o seu traballo e estableza os termos dese financiamento.
- A concreción do texto do Proxecto de Real Decreto polo que se modifican o Real Decreto 640/2021, do 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios. Nas alegacións a este proxecto normativo presentadas por CCOO, sinalamos a necesidade de incrementar a esixencia dos requisitos inicialmente contemplados ante un contexto xeral de crecemento irracional e inxustificado de iniciativas de autorización e recoñecemento de universidades e centros privados universitarios que antepoñen de forma evidente o interese económico á prestación do servizo público de educación superior. Descoñecemos a redacción actual do proxecto xa que non se nos trasladou nova información ao respecto desde o mes de abril. Porén, contemplamos con preocupación declaracións públicas de responsables universitarios e autonómicos que apuntan en dirección contraria, cara a unha relaxación deses requisitos. Resulta imprescindible establecer unha moratoria de 10 anos para a creación, recoñecemento e autorización de novas universidades e definir un mapa de titulacións que permita un deseño racional do sistema universitario estatal e autonómico e da necesidade ou non de novos centros universitarios.
Non podemos seguir demorando nin un minuto máis o tratamento e resolución de forma clara, decidida e no marco da negociación colectiva destas e outras cuestións que van condicionar o futuro inmediato das universidades públicas e da súa comunidade universitaria, así como os dereitos do persoal ao seu servizo.
A universidade pública de calidade é un ben de toda a sociedade e constitúe unha das principais formas de contribución ao progreso social. Non podemos permitir que a destrúan quen queren converter o dereito de todas e todos no negocio dunha minoría.
Defende a universidade pública e de calidade, a universidade de todas e todos

