Mobilízate pola fin do xenocidio do pobo palestino

O mércores 15 de outubro CCOO e UGT convocamos paros parciais de dúas horas por turno en todos os centros de traballo de Galicia, para denunciar o xenocidio en Gaza. Acompañamos a convocatoria con materiais didácticos, un modelo de adhesión e unha comunicación voluntaria para que o desconto salarial poida destinarse a ONG con fins humanitarios.

Non cabe a neutralidade ideolóxica cando falamos de Dereitos Humanos

Desde CCOO Ensino denunciamos con firmeza o xenocidio que se está a producir contra o pobo palestino na Franxa de Gaza, ademais das deportacións, destrución, fame e negación de axuda humanitaria. A situación esixe unha resposta ética e social rotunda por parte de toda a comunidade internacional, e a comunidade educativa de Galicia non pode, nin debe, permanecer en silencio.

CCOO Ensino denuncia o veto no Consello Escolar de Galicia a unha resolución sobre Palestina

No Consello Escolar de Galicia celebrado onte, a nosa organización solicitou que se debatera unha resolución de condena do xenocidio que está a sufrir o pobo palestino e de apoio á paz, á convivencia e ao dereito internacional. A Presidencia do órgano rexeitou sequera admitir a súa presentación, baixo o argumento de que non era un tema propio do Consello.