CCOO condena o bloqueo militar ilegal de Netanyahu á Global Sumud Flotilla

Comisións Obreiras condena o bloqueo militar ilegal imposto por Netanyahu á Flotilla e esíxelles ás autoridades españolas e internacionais a máxima implicación para protexer a todas as tripulacións destas embarcacións ante a manifesta violación do dereito internacional que comete Israel con estas detencións.

Ademais, o sindicato chama á participación masiva da cidadanía nas distintas protestas convocadas para hoxe, 2 de outubro de 2025, en todo o Estado español, de denuncia ao asalto á Flotilla Global Sumud, e ás mobilizacións convocadas para o día 4 de outubro de 2025, sábado.

Ante este novo ataque israelí a activistas que, de xeito pacífico, tratan de paliar o sufrimento en Gaza e denunciar a colonización israelí sobre os territorios e as augas palestinas, CCOO convoca a clase traballadora de España a unirse á convocatoria de paros parciais nos centros de traballo de todo o país o vindeiro 15 de outubro, como mostra de apoio ao pobo palestino e pola fin do xenocidio perpetrado polo Estado de Israel na Franxa de Gaza.

A Global Sumud Flotilla navegaba desde hai semanas cara ás costas de Gaza nunha misión civil, non violenta, desarmada e de carácter humanitario, coa participación de activistas de más de 46 países que trataban de transportar alimentos e medicamentos para a poboación gazatí civil, asediada e masacrada tras dous anos de xenocidio no seu territorio.

As tripulacións de distintas embarcacións anunciaban na tarde e noite de onte que as embarcacións estaban sendo «interceptadas por un bloqueo militar» composto por máis de dez barcos israelís, que chegaron despois á vintena de embarcacións ao penetrar na coñecida como «zona de risco» tras numerosos ataques intimidatorios por parte do Exército israelí. Ante as intimidacións á flotilla, a relatora especial para Nacións Unidas para Palestina, Francesca Albanese, afirmaba que «Israel intercepta a Flotilla violando a lei internacional».

Comisións Obreiras non faltará á cita cos dereitos humanos, coa protección da poboación palestina e de todas as persoas activistas que no mundo emprenden iniciativas para denunciar o xenocidio e as violacións sistemáticas dos acordos internacionais por parte de Israel desde hai décadas e co pobo palestino.