O 15 de outubro mobilizámonos nos centros de traballo para denunciar o xenocidio contra o pobo palestino.
Desde CCOO Ensino denunciamos con firmeza o xenocidio que se está a producir contra o pobo palestino na Franxa de Gaza, ademais das deportacións, destrución, fame e negación de axuda humanitaria. A situación esixe unha resposta ética e social rotunda por parte de toda a comunidade internacional, e a comunidade educativa de Galicia non pode, nin debe, permanecer en silencio.
Por iso, convocamos e apoiamos os paros para o vindeiro mércores 15 de outubro nos centros de traballo, incluídos os educativos, en solidariedade con Palestina. Este chamamento ten como obxectivo que a clase traballadora poida expresar a súa repulsa ante a masacre.
Tal e como denunciamos (en solitario), no mes de abril, coa polémica polo certame AltriLixo, desde CCOO Ensino esiximos respecto absoluto á participación do persoal dos centros educativos nesta convocatoria.
Posteriormente, o 10 de setembro solicitamos no Consello Escolar de Galicia a aprobación dunha resolución de condena do xenocidio que está a sufrir o pobo palestino e de apoio á paz, á convivencia e ao dereito internacional. Lamentablemente, a Presidencia do órgano rexeitou sequera admitir a súa presentación, baixo o argumento de que non era un tema propio do Consello.
O noso posicionamento era o correcto, e isto vese reforzado pola declaración que o Consello Escolar do Estado emitiu o pasado 7 de outubro, manifestando o seu compromiso coa defensa da paz e o dereito á vida e á educación de todas as persoas. Este mesmo comunicado respalda a liberdade de cátedra do profesorado, baseándose no artigo 20.1.c da Constitución Española, para garantir que todo o alumnado reciba unha educación baseada na convivencia e na paz, tal e como recolle o currículo oficial de todas as etapas educativas.
Polo tanto, a Xunta non pode escusarse na “neutralidade” para silenciar o compromiso cos Dereitos Humanos. Consideramos inaceptable o máis mínimo indicio de pretender instaurar unha lóxica de veto ou censura, especialmente no contexto de mobilizacións legalmente convocadas en solidariedade con Palestina. Defendemos o dereito á folga e á liberdade de expresión como principios fundamentais que deben ser respectados.
Chamamos a todo o persoal dos centros educativos a participar activamente nos paros e concentracións do 15 de outubro. É o momento de demostrar que, como persoas traballadoras, e sobre todo como educadoras, non miramos cara a outro lado ante o XENOCIDIO.

