Reunión coa Consellería pola Lei de Educación Dixital de Galicia

A Consellería de Educación vén de reunir ás organizacións sindicais para tratar o anteproxecto da Lei de Educación Dixital de Galicia, unha norma que leva en exposición pública desde o pasado febreiro e que acumulou máis de 660 achegas, reflexo do forte interese social que esperta. Desde CCOO Ensino consideramos que se trata dunha lei fundamental para definir o modelo educativo galego dos vindeiros anos, e por iso reclamamos que o seu desenvolvemento se faga con visión ampla, diálogo real e perspectiva pedagóxica.

Demasiado tempo para comezar a falar

O primeiro que quixemos trasladar á Consellería foi a nosa crítica polo retraso en convocar esta reunión, tendo en conta que o proceso de tramitación leva xa meses en marcha. Aínda así, valoramos positivamente que o Goberno galego acepte o reto de liderar a necesidade de regulación dos aspectos que recolle a lei e amose vontade de abrir o diálogo e de escoitar as achegas sindicais para sentar unhas bases sólidas, estratéxicas e a longo prazo.

Iso si, o papel aguántao todo e, polo tanto, o que nela se redacte deberá ter unha implementación posterior axeitada, dotada dos recursos suficientes e que desde as organizacións sindicais auditaremos, como non pode ser doutra maneira.

Dereitos laborais e formación: o profesorado no centro

Desde CCOO Ensino defendemos que un dos eixos centrais desta lei debe ser o profesorado, coidando os seus dereitos e dándolle ferramentas reais para afrontar os retos da dixitalización. Por iso insistimos en:

  • O dereito á desconexión dixital e a necesidade de regular os tempos de traballo asociados ás novas tarefas que xorden co uso das tecnoloxías nas aulas.
  • A formación e coordinación desde a Consellería, para garantir que todo o profesorado galego teña acceso a programas de actualización, apoio técnico e orientación pedagóxica.
  • A importancia dunha visión pedagóxica e non meramente tecnolóxica, onde a dixitalización sirva para mellorar a calidade educativa e reducir desigualdades, non para incrementar a carga burocrática ou o tempo diante das pantallas.

Intelixencia Artificial: unha oportunidade que non se pode desaproveitar

Desde CCOO Ensino tamén fixemos fincapé en que a Consellería non debe limitarse ao aspecto regulatorio da lei, senón aproveitar as novas tecnoloxías —e especialmente a Intelixencia Artificial (IA)— como ferramentas para corrixir eivas actuais do sistema educativo galego.

A modo de exemplo, o programa EDIXGAL segue a presentar carencias importantes, como a falta de contidos en galego de calidade ou materiais obsoletos e desactualizados. A tecnoloxía actual, e en particular a IA xerativa, permitiría crear, adaptar e actualizar recursos educativos de forma moito máis áxil, garantindo unha oferta dixital en galego, inclusiva e de calidade.
O mesmo ocorre con determinados módulos e materiais na Formación Profesional, onde a IA pode axudar a complementar contidos e a adaptar recursos ao contexto produtivo galego.
Por non falar da gran cantidade de burocracia que se pode reducir e optimizar co uso da intelixencia artificial e do big data (xestión de cantidades masivas de datos).
Non se trata de que a IA o substitúa todo, senón de aproveitar as posibilidades desta nova etapa tecnolóxica, entendéndoa como unha oportunidade e non só como algo que hai que lexislar e restrinxir.

Equilibrio, metodoloxía e practicidade

Finalmente, lembramos que a dixitalización debe ir acompañada de instruccións metodolóxicas claras, que eviten a sobreexposición ás pantallas, especialmente en etapas como Primaria, e garantan que o alumnado desenvolva un uso crítico, equilibrado e formativo das tecnoloxías.

Desde CCOO Ensino reiteramos a nosa vontade de participar activamente na construción desta Lei de Educación Dixital, apostando por un modelo que combine innovación, dereitos laborais e equidade educativa.