Desde CCOO Ensino non podemos deixar de opinar sobre as recentes e desafortunadas declaracións do Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, sobre a necesidade de garantir a “neutralidade ideolóxica” nas actividades complementarias que se organicen nos centros educativos galegos o vindeiro curso e facendo unha banalización disto ao comparalo con distintos gustos culinarios.
Escoita as declaracións do Conselleiro recollidas por Radio SER
En primeiro lugar, hai que dicir que as nosas valoracións deben partir en exclusiva do recollido polos medios e do que publica a propia Consellería na súa web, xa que as instrucións aínda non foron publicadas e as organizacións sindicais, como vén sendo costume, non fomos informadas con carácter previo. Sempre reclamamos que instrucións deste tipo, que afectan ás condicións laborais do persoal docente, deben pasar por Mesa Sectorial.
A nota publicada na web da Consellería fai fincapé en aspectos que son inherentes ao sistema educativo democrático, polo que falar de neutralidade ideolóxica non é unha novidade.
Marco legal e principios xa establecidos:
Xa na LODE de hai corenta anos, nos seus artigos 2 e 18, establecíase que a actividade educativa nos centros públicos desenvolverase de acordo cos principios constitucionais, respectando os dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución, en particular os da liberdade de ensino e a neutralidade ideolóxica.
Ademais, a recente LOMLOE, reforza o pluralismo social e o fomento do pensamento crítico nos centros como piares fundamentais da educación.
Agardamos que a versión definitiva das instrucións fagan o mesmo fincapé noutros aspectos como son a igualdade de mulleres e homes e o respecto á diversidade, fomentando o espírito crítico, a cultura de paz e non violencia.
Non obstante, máis alá da torpeza da Consellería neste asunto, cremos que os seus mandatarios deben lembrar a totalidade do marco legal e non só aquelas normas que lles resulten máis próximas desde un punto de vista “precisamente ideolóxico”. Coa información que temos actualmente, o único que se está facendo é remarcar obviedades de aspectos que xa veñen recollidos nas leis educativas ou nos propios regulamentos orgánicos dos centros para o desenvolvemento de actividades complementarias.
Precedentes e vixilancia ante posibles derivas censoras
Desde CCOO Ensino advirtimos de que estaremos especialmente atentos para que estas instrucións para o curso 2025-2026, que aínda non foron publicadas, non deriven no máis mínimo cara a unha censura encuberta.
Neste sentido, lembramos a recente denuncia pública, que só a nosa organización sindical fixo, sobre as “presións veladas” da Dirección Territorial de Educación de Pontevedra pola participación de centros educativos no certame AltriLixo.
Ese incidente previo demostra a necesidade de manter unha vixilancia constante para evitar que, baixo o pretexto da neutralidade ideolóxica, se restrinxa a liberdade de expresión, o uso, aprendizaxe e dinamización da lingua galega, a participación cidadá e o fomento do pensamento crítico nos nosos centros educativos.
O crédito de CCOO Ensino como forza sindical en ningún caso provén de “incendiar a comunidade educativa” nin neste tema, nin noutros. E tampouco o faremos nesta ocasión.
Sempre analizamos os problemas cunha perspectiva completa, produtiva e sen reducionismos simplistas e populistas, aínda que isto nos supoña un desgaste fronte a actitudes oportunistas doutras organizacións sindicais.
CCOO Ensino reitera o seu compromiso coa defensa dunha educación pública, democrática e inclusiva, na que se garanta a liberdade de expresión, se fomente a reflexión crítica e o debate informado.
