Dende CCOO Ensino queremos denunciar publicamente o contido do correo enviado pola Dirección Territorial de Educación aos centros educativos da provincia de Pontevedra con motivo da celebración de “Artelixo” (denominado este ano “AltriLixo”), un evento artístico e ambiental organizado polo Concello de Redondela.
Contido da mensaxe:
Sr./Sra. Director/a
En relación ao centro que vostede dirixe, e a celebración de “Artelixo”, do concello de Redondela, seguindo instrucións da Dirección Territorial desta provincia, solicítolle información, en caso de ter participado na mesma, toda vez que este ano a súa denominación mudou respecto de cursos anteriores.
Reciba un cordial saúdo
Na mensaxe —á que tivemos acceso— solicítase información sobre a participación dos centros no evento, cun ton que interpretamos como unha ameaza encuberta aos equipos directivos. Especialmente preocupante é a referencia a que “este ano a súa denominación mudou respecto de cursos anteriores”, insinuando que a nova orientación crítica co proxecto de ALTRI podería ter consecuencias para quen participe.
Resulta inadmisible que desde a administración educativa se tente condicionar a liberdade pedagóxica, a autonomía dos centros e a implicación do profesorado en proxectos culturais e sociais comprometidos coa realidade do país. A arte e a educación son ferramentas fundamentais para formar cidadanía crítica, e non deben ser obxecto de control político.
Desde CCOO Ensino esiximos explicacións inmediatas á Consellería de Educación e o cese deste tipo de presións impropias dun sistema democrático.