O convenio de educación concertada adáptase á lexislación LGTBI

Tras a publicación o ano pasado do Real decreto 1026/2024, no que se aproban medidas para a igualdade e non discriminación do colectivo LGTBI nas empresas, o Ministerio de Traballo publica unha resolución pola que se modifica o VII Convenio de educación concertada para adaptalo a esta nova lexislación.

Permisos retribuídos

Modifícanse os permisos por falecemento ou intervencións cirúrxicas de familiares da seguinte maneira:

  • Cinco días por accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise descanso domiciliario do cónxuxe, parella de feito debidamente inscrita ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Estes termos serán extensibles aos familiares consanguíneos da parella de feito, así como a calquera outra persoa que conviva coa persoa traballadora no mesmo domicilio e requira coidado efectivo dela.
  • Tres días por falecemento de cónxuxe, parella de feito ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. No caso de que necesite un desprazamento para tal efecto, o prazo ampliarase ata os cinco días.

Cómpre sinalar que, aínda que o convenio non recollía estes permisos con esta duración, xa estaban vixentes na práctica desde a aprobación do Real decreto 5/2023, que incluía medidas para mellorar a conciliación familiar.

Faltas e sancións

Engádense como falta grave os comentarios denigrantes con referencia á orixe racial ou étnica, relixión, discapacidade, idade, orientación e identidade sexual, expresión de xénero ou características sexuais. A cualificación desta falta non impide a súa consideración como situación de acoso, dependendo das circunstancias particulares e a súa reiteración no tempo.

No caso de apertura de expediente sancionador por falta grave ou moi grave por acoso ou discriminación de calquera persoa da comunidade educativa ou do colectivo LGTBI, a empresa, se houber indicios fundados, poderá suspender de emprego a persoa acusada mentres se instrúe o caso.

Protocolo contra a discriminación a persoas LGTBI

Aos centros educativos que non dispoñan do seu propio protocolo de actuación fronte ao acoso e a violencia contra as persoas LGTBI seralles de aplicación o que figura no anexo VI bis publicado na propia resolución.

Formación sobre dereitos LGTBI

Os centros educativos deberán integrar nos seus plans de formación módulos específicos sobre os dereitos das persoas LGTBI no ámbito laboral, seguindo as indicacións do anexo I do Real decreto 1026/2024. Ademais, os centros educativos que dispoñan de módulos de formación inicial para as novas incorporacións incluirán un novo módulo de sensibilización contra a LGTBIFobia.

Nova clasificación do persoal docente

Engádese a declaración de que a clasificación do persoal en catro grupos cos seus correspondentes subgrupos garante a ausencia de discriminación, tanto directa como indirecta, entre homes e mulleres, incluíndo as persoas LGTBI.

Vacantes e promoción profesional

O convenio clarifica agora que as persoas traballadoras terán igualdade de oportunidades na cobertura dos postos de traballo vacantes, con independencia do sexo, orientación sexual, expresión e/ou identidade de xénero, ademais de discapacidade, relixión, etnia, etc.

As probas de selección serán obxectivas e non se aceptarán ofertas de emprego non inclusivas ou que inclúan estereotipos de xénero. Os procedementos de ascenso e promoción serán obxectivos e neutros para evitar calquera tipo de discriminación.