CCOO Ensino gañamos dúas sentenzas máis contra a Xunta por despedimentos en fraude de lei

CCOO Ensino volvemos demostrar que a defensa xurídica é unha ferramenta clave fronte ás inxustizas laborais. Dous recentes procedementos xudiciais evidencian como a Xunta recorre a contratacións en fraude de lei que acaban sendo corrixidas polos tribunais. As dúas traballadoras afectadas estaban desempeñando o seu traballo en centros da Consellería de Educación.

Caso 1. Despedimento declarado nulo

Unha traballadora prestaba servizos como limpadora dende o 24 de setembro de 2018 cun contrato de remuda a xornada parcial por unha prexubilación. Este contrato declarouse fraudulento por unha sentenza de decembro de 2021 que recoñeceu a esta traballadora como indefinida non fixa dende que comezou a prestar servizos en 2018. A Consellería asinou un novo contrato con esta traballadora, mantendo a cualificación de contrato de remuda, e en xullo de 2022 cesouna alegando “fin de contrato”.

Os tribunais foron claros:

O Xulgado do Social n.º 1 de Lugo declarou nulo o despedimento, recoñecendo a fraude e condenando a Consellería a readmitila nas mesmas condicións. Ademais, debe aboar os salarios de tramitación e unha indemnización de 2500 euros  por vulneración de dereito fundamental.

Tras recorrer a Consellería, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou esta resolución, argumentando que o novo contrato asinado pola Xunta xa debería ser de relación indefinida con esta traballadora e que, nese caso, non cabe un cesamento por fin de contrato. Declarou nulo o despedimento e condenou tamén a Administración ao pagamento das custas.

Caso 2. Despedimento declarado improcedente

Unha traballadora estivo substituíndo dende o 14 de decembro de 2015 a outra limpadora adscrita temporalmente a outro posto de traballo. Tras máis de sete anos desempeñando o mesmo posto, foi cesada o 10 de xaneiro de 2023, xusto despois de que á titular se lle recoñecera unha incapacidade permanente total. A Consellería deu por finalizado o contrato alegando “fin de contrato”.

Con todo, a xustiza sinalou que esa contratación estaba en fraude de lei:

O Xulgado do Social n.º 1 de Lugo, en maio de 2023, declarou improcedente o despedimento, condenando a Consellería a indemnizala con 12 286,51 euros.

Ante o recurso da Consellería, o TSXG confirmou a sentenza recalcando que a Consellería, ao non cumprir coa súa obriga legal de cubrir esa praza mediante un proceso selectivo, mantivera unha relación laboral fraudulenta con esta traballadora e debería considerarse indefinida non fixa, obrigando ademais a Administración ao pagamento das custas procesuais.

Desde CCOO Ensino reiteramos que estas prácticas son inadmisibles e que continuaremos defendendo xuridicamente a cada traballadora e traballador. Estas decisións supoñen non só unha vitoria individual, senón un aviso claro: a Administración non pode seguir sustentando o funcionamento dos centros educativos sobre contratacións precarias e irregulares.