Desde CCOO Ensino queremos trasladar, en primeiro lugar, o noso respecto polo proceso de relevo na Dirección Territorial de Educación na provincia da Coruña, tras a xubilación de Indalecio Cabana, a quen lle desexamos o mellor nesta nova etapa.
Ao mesmo tempo, queremos manifestar a nosa posición respecto ao nomeamento de Santiago Freire como novo director territorial. Consideramos que o perfil designado non semella o máis idóneo para asumir unha responsabilidade de tanta relevancia no ámbito educativo, ao non contar cunha traxectoria vinculada dalgunha maneira ao ensino, nin tampouco aparentemente cun coñecemento específico do funcionamento do sistema educativo galego.
A Dirección Territorial é unha peza clave na xestión diaria do ensino: na organización dos centros, na atención ao profesorado, na resolución de incidencias e na planificación de recursos. Por iso, entendemos que este tipo de responsabilidades deberían recaer en persoas cun coñecemento directo do ámbito educativo, que saiban de primeira man cal é a realidade dos centros e das comunidades escolares.
Por outra banda, queremos deixar claro que as numerosas polémicas en canto a cuestións ideolóxicas e de xestión de fondos públicos en torno ao novo director territorial non axudan a mellorar a idoneidade do nomeamento. Non toleraremos baixo ningún concepto o máis mínimo indicio de machismo, discriminación ou falta de respecto cara ás mulleres. A igualdade, o respecto e a dignidade deben ser principios irrenunciables en calquera responsabilidade pública, e especialmente nun ámbito como o educativo.
Por todo o anterior, instamos ao Conselleiro Román Rodríguez a reverter a decisión adoptada respecto a este nomeamento nunha área da complexidade e relevancia de Educación, que supón un impacto directo na calidade do sistema educativo na provincia da Coruña e na capacidade de dar resposta aos problemas presentes e futuros.
Coa vontade de avanzar na mellora do sistema educativo, desde a nosa organización seguiremos defendendo un ensino público de calidade, con criterios profesionais, transparencia na xestión e respecto absoluto aos valores democráticos e de igualdade.

