Cambios na xubilación flexible

Amplíanse as opcións para compatibilizar emprego e pensión de xubilación

O pasado 28 de agosto entraron en vigor os cambios introducidos na modalidade de xubilación flexible recollidos no Real decreto 416/2026, do 27 de maio, polo que se regula o réxime xurídico da xubilación flexible e outros aspectos comúns ás modalidades de compatibilidade da pensión contributiva de xubilación co traballo, e se modifica o réxime da xubilación demorada.

En que consiste a xubilación flexible

A xubilación flexible é unha modalidade que lle permite a unha persoa xa xubilada compatibilizar o cobro da súa pensión cun contrato de traballo a tempo parcial. É a modalidade de compatibilidade co traballo que faltaba por desenvolver do conxunto de prestacións que se abordaron ata o momento na mesa de diálogo social. Trátase dunha modalidade que, como todas, ten interese no marco do modelo flexible de xubilación que vimos desenvolvendo desde o acordo de reforma de 2001 no marco do Pacto de Toledo, pero que polo momento ten unha marxe de utilización moi reducida (apenas 3.000 persoas a utilizan actualmente).

Ideas clave da xubilación flexible

A xubilación flexible continúa partindo dunha característica esencial: a persoa que a solicita ten que estar xa xubilada.

Pódese acceder en calquera momento (sen ter que agardar un prazo de tempo mínimo) e desde calquera modalidade de xubilación. Non obstante, o transcurso de seis meses desde o recoñecemento da xubilación si adquire importancia económica, porque permite acceder aos novos incentivos introducidos polo artigo 4 do RDL 416/2026. Por tanto, convén distinguir: unha cousa é poder acceder á xubilación flexible e outra obter a mellora económica prevista para quen atrasa seis meses a súa incorporación a esta modalidade de xubilación desde o momento en que se xubila.

Máis opcións de compatibilidade

Xa non é requisito imprescindible a realización dunha actividade por conta allea e a tempo parcial, como ata agora. Agora permítese compatibilizar a pensión co desenvolvemento dunha actividade por conta propia, sempre que, nos tres anos inmediatamente anteriores á data do feito causante da pensión de xubilación, a persoa pensionista non estivese de alta nun réxime da Seguridade Social como persoa traballadora por conta propia. Pensión compatible: o 25 %

Actividade por conta propia
Permítese compatibilizar a pensión cunha actividade autónoma cando o pensionista non estivese de alta como autónomo nos 3 anos anteriores á xubilación.
Pensión compatible 25 %
Traballador por conta allea
Amplíanse as marxes de xornada
Xornada mínima: 33 % (antes 25 %)
Xornada máxima: 80 % (antes 75 %)

Nos casos de compatibilidade con traballo por conta allea, amplíanse as porcentaxes de xornada e sitúanse entre un 33 % (antes era o 25 %) e un 80 % (antes era o 75 %) en relación coa dunha persoa traballadora a tempo completo comparable.

Se o traballo por conta allea a tempo parcial se inicia por primeira vez, deben transcorrer polo menos 6 meses desde a xubilación.

Incentivos para volver traballar

Xa non se establece unha minoración da contía da pensión proporcional á porcentaxe de xornada que se traballa. Na nova configuración desta figura, garántese que esta regra de axuste se incrementará en función da porcentaxe de xornada que se realice, nos seguintes termos:

  1. Cando a xornada de traballo a tempo parcial sexa igual ou superior ao 55 % e igual ou inferior ao 80 %, o importe da pensión compatible co traballo será o equivalente á porcentaxe de xornada que non se traballa e incrementarase nun 25 % adicional, calculado sobre o importe da pensión que se viñese percibindo antes de acceder á xubilación flexible.
  2. Cando a xornada de traballo a tempo parcial sexa igual ou superior ao 33 % e inferior ao 55 %, o importe da pensión compatible co traballo será o equivalente á porcentaxe de xornada que non se traballa e incrementarase nun 15 % adicional, calculado sobre o importe da pensión que se viñese percibindo antes de acceder á xubilación flexible.

Resumindo, cando o retorno á actividade se produce polo menos 6 meses despois da xubilación:

Xornada parcialIncremento da pensión compatible
Entre 55 % e 80 %+25 %
Entre 33 % e 55 %+15 %

Naqueles supostos en que se compatibilice a pensión de xubilación cunha actividade por conta propia, o importe da pensión que se vai percibir corresponderase cunha porcentaxe do 25 %.

Exemplos prácticos
Supoñamos unha pensión recoñecida de 2.000 euros mensuais. O traballador que realiza un 50 % de xornada, aplicando a regra proporcional, tería dereito a:

  • salario correspondente ao 50 % de xornada;
  • pensión: 50 % de 2000 = 1000 €.

Se agardou polo menos seis meses antes de empezar o traballo: ao estar a xornada entre o 33 % e menos do 55 %, obtén un incremento adicional do 15 % da pensión previa:

15 % × 2.000 = 300 €.

Pensión compatible: 1300 € mensuais.

Se traballa un 70 %, aplícase a regra proporcional: pensión = 30 % de 2000 = 600 €.

Como a xornada está entre o 55 % e o 80 %, o incremento é do 25 %:

25 % de 2000 = 500 €.

Pensión compatible: 1100 €.

A iso engádeselle o salario correspondente ao 70 % de xornada.

Novas regras da pensión

No importe da pensión que se axusta durante os períodos de compatibilidade inclúense os complementos de fenda de xénero e de maternidade que se puidesen vir percibindo. Así, o complemento de fenda de xénero redúcese proporcionalmente coa pensión e, cando proceda o incentivo adicional do 15 % ou 25 %, tamén se incrementa nesa mesma proporción.

A persoa pensionista non terá dereito aos complementos para pensións inferiores á mínima durante o tempo en que compatibilice a pensión co traballo.

O cobro da pensión de xubilación flexible será compatible coas prestacións de incapacidade temporal ou por nacemento e coidado de menor derivadas da actividade compatible.

A pensión de xubilación flexible será incompatible coa pensión de incapacidade permanente que puidese corresponder pola actividade desenvolvida con posterioridade ao recoñecemento da pensión de xubilación, calquera que sexa o réxime en que se cause aquela.

Se durante a compatibilidade se causa unha IT e posteriormente remata a actividade e se produce a baixa na Seguridade Social, a IT deixa de ser compatible coa pensión e unicamente se aboa a pensión de xubilación.

A redución da pensión aplicarase desde o primeiro día do mes seguinte ao inicio da actividade.

A recuperación do importe íntegro da pensión producirase desde o primeiro día do mes seguinte ao cesamento.

Obrigas do pensionista.

Será obrigatorio comunicarlle ao INSS:

  • O inicio do traballo por conta allea ou da actividade por conta propia.
  • Cambios na porcentaxe de xornada que se puidesen producir.
  • O cesamento na actividade compatible.

O incumprimento pode implicar:

Cotizacións durante a actividade

As cotizacións realizadas durante a xubilación flexible non melloran a pensión xa recoñecida.
O pensionista cotiza como consecuencia da súa nova actividade, pero esa cotización non cumpre normalmente a función de recalcular á alza a súa pensión.

Non incrementan o complemento económico de demora en caso de xubilación demorada.

No caso de xubilación anticipada involuntaria, estes períodos teranse en conta e poderase recalcular a base reguladora se resulta máis favorable.

Recuperación da pensión íntegra

Cando remata a relación laboral por conta allea ou a actividade autónoma, restablécese a pensión íntegra. A xubilación flexible, polo tanto, non supón unha renuncia definitiva á parte de pensión que non se percibe mentres se traballa. É unha minoración temporal.

Condición de pensionista e asistencia sanitaria

A persoa continúa tendo a condición de pensionista durante a xubilación flexible para efectos de:

  • recoñecemento,
  • e percepción de prestacións sanitarias.

A reincorporación ao traballo non supón, por tanto, perder xuridicamente a condición de pensionista.

Xubilación flexible e xubilación demorada

Nos casos de xubilación demorada, cando se perciba a porcentaxe adicional da contía en forma de complemento mensual, esta non formará parte da contía garantida de pensión durante o tempo que se estea na modalidade de xubilación flexible. No caso de persoas que optasen pola percepción da porcentaxe adicional en forma de contía a tanto alzado ou pola opción mixta (porcentaxe de incremento da pensión e cantidade a tanto alzado), non será posible aplicar o réxime de compatibilidade do traballo coa pensión de xubilación flexible. O seu cobro queda suspendido mentres se manteña a xubilación flexible.

Outras cuestións que se deben ter en conta

Para acceder ás prestacións durante a compatibilidade só computan as cotizacións realizadas despois da xubilación.

As prestacións de morte e supervivencia poderán calcularse desde a condición de activo ou de pensionista, a elección do beneficiario. É dicir, o familiar que teña dereito a cobrar unha pensión tras o falecemento do xubilado (como a viuvez ou a orfandade) pode elixir a opción que máis o beneficie.

En que se diferencia da xubilación activa?

A xubilación activa permite que un traballador siga desenvolvendo unha actividade laboral ao mesmo tempo que accede á xubilación e comeza a cobrar a súa pensión, sempre que cumpra os requisitos establecidos. O seu obxectivo é favorecer a prolongación voluntaria da vida laboral sen necesidade de abandonar o emprego ou o negocio que xa viña desempeñando.

A xubilación flexible, en cambio, está pensada para persoas que xa se xubilaron e están percibindo unha pensión, pero que despois deciden volver ao mercado laboral. Neste caso, o pensionista compaxina unha parte da pensión cos ingresos dun novo traballo.

Réxime transitorio

As situacións iniciadas antes do 28 de agosto de 2026 continúan rexéndose pola normativa anterior.
Por tanto, coexistirán durante anos dous réximes:

  • Xubilacións flexibles anteriores ao 28-8-2026 → normativa anterior.
  • Xubilacións flexibles iniciadas desde o 28-8-2026 → Real decreto 416/2026.

No caso do persoal empregado público, quen pode acceder a esta modalidade de xubilación?

Será de aplicación a todos os réximes do sistema da Seguridade Social, agás aos réximes especiais dos Funcionarios Civís do Estado (MUFACE), das Forzas Armadas (ISFAS) e do persoal ao servizo da Administración de Xustiza (MUGEXU).

É dicir, tanto o Persoal Docente e Investigador (PDI) como o Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS), poden acceder se cotizan no Réxime Xeral da Seguridade Social. Quen cotice polo réxime de Clases Pasivas do Estado non se pode acoller a esta modalidade de xubilación.

Ademais da normativa de Seguridade Social, deberán analizarse as incompatibilidades propias do emprego público, particularmente as regras derivadas do artigo 213 da LXSS, do EBEP e da lexislación de incompatibilidades. Por iso, no emprego público non abonda con afirmar que unha determinada actividade cumpre os requisitos do Real decreto 416/2026: debe comprobarse separadamente se existe compatibilidade para desempeñar ese posto público.

ANEXO: Diferenzas entre xubilación flexible, parcial, activa e demorada

ModalidadeMomento de accesoActividade permitidaRequisitos principaisCálculo da pensión
Xubilación parcialAntes ou despois da idade ordinaria, segundo se cumpran os requisitos. Accédese reducindo a xornada e cobrando simultaneamente parte da pensión.
Traballo a tempo parcial, mantendo parte da actividade laboral. Se se accede antes da idade ordinaria, normalmente intervén un contrato de remuda.A pensión calcúlase sobre a pensión que correspondería e percíbese en proporción á
redución de xornad. Por exemplo, se se reduce a xornada un 50%, percíbese aproximadamente o 50% da pensión correspondente.

Ser traballador por conta allea e reunir os requisitos de xubilación. A idade, a antigüidade na empresa, a cotización e o contrato de remuda dependen de se é con ou sen remuda e da modalidade concreta.
Xubilación activaPolo menos 1 ano despois de alcanzar a idade ordinaria de xubilación.Permite traballar por conta allea ou propia , a xornada completa ou parcial.Desde abril de 2025, a porcentaxe de pensión compatible depende dos anos de demora: 45% (1 ano), 55% (2), 65% (3), 80% (4) e 100% (5 ou máis). Ademais, aumenta 5 puntos por cada 12 meses ininterrompidos en xubilación activa, ata o 100%. Para determinados autónomos con traballador contratado existen porcentaxes específicas.Ter alcanzado a idade ordinaria e ter acreditado o período mínimo de cotización exixido nesa data. A pensión debe terse causado despois de demorar polo menos un ano a xubilación.
Xubilación flexibleDespois de xubilarse e estar xa cobrando a pensión. Vólvese realizar unha actividade compatible.Desde o 28-08-2026, traballo por conta allea a tempo parcial entre o 33% e o 80% dunha xornada completa comparable. Tamén pode compatibilizarse con determinadas actividades por conta propia.Con traballo a tempo parcial, a pensión redúcese en proporción á xornada traballada. Se o traballo a tempo parcial comeza por primeira vez polo menos 6 meses despois de causar a pensión, existen incrementos adicionais: +25% da pensión se se traballa entre o 55%-80%, ou +15% se se traballa entre o 33%-55%.Ser xa pensionista e comunicarlle á Seguridade Social o inicio da actividade antes de comezar. Para a actividade por conta propia existen requisitos adicionais.
Xubilación demoradaProdúcese cando se segue traballando despois de alcanzar a idade ordinaria de xubilación
e se atrasa voluntariamente o acceso á pensión.
Continúase traballando normalmente, por conta allea ou propia, mentres se atrasa a xubilación.Obtense un incentivo por demora. Pódese elixir, nos termos legais, entre +4% por cada ano completo, unha cantidade a tanto alzado ou unha fórmula mixta. Desde 2025, a partir do segundo ano, os períodos superiores a 6 meses poden xerar un 2% adicional.Ter alcanzado a idade ordinaria e reunir nese momento o período mínimo de cotización necesario para ter dereito á pensión.