A federación estatal de ensino de CCOO organizou unhas xornadas sindicais de traballo con presenza de representantes de todos os territorios do Estado, co fin de realizar unha análise de situación, necesidades, perspectivas e propostas de traballo no ámbito do ensino concertado.
CCOO consideramos que é o momento de abordar con decisión as demandas históricas do noso sector e ese foi o obxectivo fundamental deste encontro.
As xornadas, que tiveron lugar o luns 9 e o martes 10 de marzo, desenvolvéronse nun momento decisivo despois de conseguir a apertura das negociacións para renovar o Convenio Colectivo de Ensino Concertado. Desde CCOO cremos que é o momento de abordar con decisión as demandas históricas do noso sector, e ese foi o seu obxectivo fundamental.
Pero tamén tratamos outras cuestións esenciais como o incumprimento xeneralizado da equiparación retributiva comprometida coa función pública desde hai vinte anos e, en especial, a non percepción dos sexenios, o que supón unha flagrante discriminación.
Nesta mesma liña, CCOO denunciamos o práctico bloqueo da negociación coas administracións educativas para reducir a xornada lectiva, acordar complementos para o PAS e posibilitar o seu acceso ao «pagamento delegado».
Xunto a estes temas máis laborais, acometéronse outros aspectos incumpridos das vixentes leis educativas, como os relativos á gratuidade real dos centros. Así mesmo, informouse e valorouse o proceso de negociación de CCOO sobre o Estatuto Docente, no que propoñemos, entre outras cosas, reducir a 22 a ratio máxima en primaria e a 25 na ESO e a determinación dos períodos lectivos que, cunha duración inferior a 60 minutos, terán a consideración de hora lectiva.
Canto ao convenio colectivo do sector, as xornadas permitiron perfilar o traballo que viñamos realizando sobre a nosa plataforma reivindicativa, onde unimos todas as reivindicacións e propostas para avanzar nos dereitos dun sector que leva demasiado tempo estancado.
Froito do traballo previo e da posta en común destas xornadas, a nosa proposta, ademais de esixir cambios profundos que garantan dereitos en todos os ámbitos, fixa os seus obxectivos nas prioridades que as compañeiras e compañeiros nos comunican acotío desde todo o Estado.
Para o novo convenio esiximos:
En clasificación profesional
- Asimilación en condicións do primeiro ciclo de infantil ao segundo ciclo e primaria.
- Reclasificación á alza de categorías que teñen titulacións e responsabilidades non valoradas no convenio actual.
- Inclusión de categorías que non aparecen no convenio pero que traballan no sector, de modo que se poidan definir unhas condicións laborais específicas.
En xornada
- Definición de período lectivo para que cada clase sexa unha hora lectiva, aínda que dure menos de 60 minutos.
- Asimilación da xornada en todo o Estado con respecto á función pública.
- Reducións horarias para o persoal maior de 55 anos.
- Redución da xornada para o persoal administrativo e de servizos.
- Definición e mellora do período de vacacións.
En salarios
- Avances na equiparación salarial coa función pública.
- Ningún salario base das táboas salariais por debaixo do SMI.
- Esixencia de paga de antigüidade para persoal en pagamento delegado.
- Inclusión de complementos salariais para titorías, coordinación de todo tipo e xefaturas.
- Inclusión dun complemento salarial por aulas de especial dificultade.
- Pagamento por desprazamentos e axudas de custo.
- Complemento de insularidade e residencia.
En permisos
- Adaptación dos avances lexislativos ao sector.
- Aplicación de días de asuntos propios como sucede na función pública.
- Ampliación do permiso por falecemento de familiar.
- Creación de bolsa de horas para coidados que se adapte ás necesidades de conciliación.
- Mellora das condicións dos permisos non retribuídos.
- Definición clara, e que teña en conta todo tipo de familias, dos permisos por nacemento, adopción, acollemento e lactación.
- Mellora da redución de xornada por coidado de menor.
- Ampliación de 12 a 16 anos do menor a cargo para os permisos de coidados e conciliación.
- Mellora das excedencias, cunha excedencia voluntaria con reserva de posto.
- Mellora das condicións de xubilación parcial.

