O período lectivo do curso 23-24 está chegando ao seu fin e, a día de hoxe, toda a comunidade educativa segue sen ter un documento claro en canto á organización da Formación Profesional en Galicia para o curso que vén.
Tal e como nos adiantou a Directora Xeral de Formación Profesional na xuntanza que mantivemos con ela o pasado 15 de maio, a intención da Consellería é levar a Mesa Sectorial e ao Consello Galego de Formación Profesional a orde ou as instrucións coas que se regulará a FP no vindeiro curso.
Podes consultar a sección de Preguntas Frecuentes que creamos a partir deste encontro
Dende esa data, o 28 de maio concretamente, xa se publicaron no BOE os reais decretos que modifican os títulos de grao básico, medio e superior e os cursos de especialización e fixan as súas ensinanzas mínimas; algo que desde a Consellería consideraban imprescindible para poder progresar na tramitación autonómica da normativa necesaria.
Dous días despois, o 30 de maio, o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes remitiu un borrador de RD que modifica a normativa de requisitos mínimos de centros e de ordenación da FP. Este documento deberá pasar pola Mesa Estatal o vindeiro mércores 12 de xuño e debido ao retraso que leva, tentarán que sexa un novo paso de “puro trámite” sen aceptar alegacións de importancia.
Por outra banda, o pasado venres 7 de xuño, levouse ao Consello Galego de Formación Profesional a orde coa oferta de FP para o curso 24-25. Unha oferta na que se inclúen 17 titulacións de nova implantación e que recolle un incremento dun 11 % ata acadar as 47 000 prazas.
Neste organismo, CCOO manifestou a súa inquedanza e preocupación por múltiples motivos:
- Unha vez máis, a oferta de FP para o curso que vén apareceu publicada nos medios de comunicación antes de que os sindicatos foran coñecedores da mesma.
- A poucas semanas de rematar o curso, seguimos sen unha orde que regule como se organizará a FP en Galicia o curso que vén. Lembramos o compromiso da Directora Xeral de FP para pasar dita normativa pola Mesa Sectorial e o CGFP.
- A aparición de novos ciclos debe ir acompañada da existencia de tecido empresarial apropiado para a formación do alumnado. Esta problemática é de suma importancia, xa que de non existir estas empresas, o alumnado só realizará unhas prácticas a modo de “FCT encuberta” e quedará sen completar correctamente a súa formación.
- A desproporcionada oferta en centros concertados e privados, ata o punto de que nalgunha cidade a oferta privada/concertada para determinados ciclos moi demandados é tres veces superior á oferta de prazas públicas. Esta é unha mostra máis do inmenso perigo actual e futuro de privatización da Formación Profesional e do escaso compromiso existente por parte da Consellería para solucionar esta situación.
O resumo de todo isto é claro e céntrase en dous puntos:
- A nova FP require unha normativa clara XA, imos demasiado tarde. Polo ben do alumnado, do profesorado e dos equipos directivos.
- Calquera implementación seria e responsable do novo modelo de formación compartida entre centros educativos e empresas require dunha profunda supervisión do proceso de aprendizaxe por persoal cualificado en ensinanza e, polo tanto, debe vir acompañado do investimento que sexa necesario para levar a bo porto todo este proceso de transición na FP.