Formación Profesional – Reunión coa DXFP

O pasado 26 de abril, desde CCOO Ensino demandamos unha reunión urxente coa Directora Xeral de Formación Profesional.  Finalmente, esa petición foi atendida o mércores 15 de maio, e puidemos trasladar moitas das inquedanzas que nos fai chegar o profesorado de Formación Profesional sobre a planificación do curso que vén derivada da implantación da nova Lei de FP.

En primeiro lugar, manifestamos o noso malestar polo feito de que a información existente polo momento sobre a FP para o vindeiro curso se fixese chegar antes a distintos colectivos que directamente aos sindicatos, que somos quen representamos ao persoal docente e non docente en Galicia. Por outra parte, agradecemos a dispoñibilidade da Directora Xeral para aclarar calquera aspecto que fose necesario sobre a planificación de cara ao curso que vén, aínda que desde CCOO entendemos que a Consellería non pode escudarse perpetuamente nos retrasos da actualización de toda a normativa necesaria a nivel estatal para poder desenvolver a propia na Comunidade Autónoma de Galicia. 

Segundo nos transmitiu, por razóns de tipo xurídico, non se fixo público polo momento o traballo xa avanzado na elaboración do borrador do Decreto que deberá regular a FP en Galicia. Tamén demandamos que se leve á Mesa Sectorial e ao Consello Galego da FP a documentación para o desenvolvemento normativo desta etapa en Galicia. A Directora Xeral confirmounos que así se faría en canto haxa un documento concreto.

En CCOO Ensino somos conscientes de toda a problemática que pode suscitar esta transición no cambio de modelo da Formación Profesional (incertezas do profesorado sobre múltiples aspectos do seu traballo, dificultade para atopar suficientes empresas que colaboren na formación do alumnado, prazas insuficientes no sistema público de FP, risco de privatización desta etapa educativa, etc.).

O que está claro é que os trámites lexislativos seguen adiante no Ministerio e deberán avanzar tamén na Consellería. Pero fronte ao discurso apocalíptico dalgúns, en CCOO temos claro que non é o momento de simplemente queixarse, senón de esixir solucións aos problemas que se poden presentar e aportar construtivamente para evitar que cheguen a producirse.

Podes atopar unha sección das preguntas máis frecuentes sobre a nova FP que iremos ampliando puntualmente coas novidades que se produzan nos próximos meses.